Proposta de acordo sobre dispoñibilidade horaria do persoal farmacéutico inspector de Saúde Pública

DEFENDENDO O PÚBLICONa xuntanza mantida onte, 5 de outubro, con responsables da Consellería de Sanidade, tratouse a concreción do alcance e significado da dispoñibilidade horaria incluida na nova RPT da Consellería de Sanidade e do SERGAS, publicada no DOG o pasado dia 28 de setembro. Case que de xeito clandestino, xa que non aparece este tema no resumo de temas tratados no Consello de Goberno do 15 de setembro no que foi aprobado, se publica no DOG a constatación da discriminación do persoal inspector farmacéutico de Saúde Pública, que é o único corpo inspector da Consellería de Sanidade que está nun nivel 22 e ao que se lle acompaña a dita circunstancia da dispoñibilidade horaria. Outros corpos inspectores da mesma Consellería, como o persoal do servizo veterinario de saúde pública ou os inspectores/as médicos, non teñen a coletilla da “dispoñibilidade” na RPT, sen que se xeren problemas na realización das tarefas propias de inspección.

Dende a CSI•F reclamamos que esta sexa a primeira das xuntanzas que sexan necesarias para chegar á equiparación do persoal inspector de saúde pública co resto dos corpos inspectores da consellería de Sanidade.

O texto proposto pola Consellería de Sanidade, é o seguinte:

“Que a dispoñibilidade horaria dos postos de persoal farmacéutico inspector de saúde pública establecida na RPT da Consellería de Sanidade, publicada no DOG do 28 de setembro de 2016, ten por obxecto dar cobertura ás situacións de necesidade ou urxencia que demanden unha actuación administrativa inmediata, por mor do acaecemento ou da probable exposición da poboación, ou dunha parte dela, a un risco inminente para a saúde”.

Por parte da CSI•F temos as seguintes consideracións:

  • A inclusión dunha definición aos efectos do acordo dos conceptos de “necesidade” e “urxencia”. A propia Administración indicou na xuntanza que o obxecto fundamental deste acordo e dar seguridade aos propios traballadores e evitar que nas diferentes xefaturas territoriais se interprete a dispoñibilidade horaria de xeito diverso.
  • A inclusión da referencia á xornada ordinaria de traballo do persoal FISP de luns a venres. Esperamos que a administración non pretenda con este acordo deixar aberta a porta ao traballo deste persoal os fins de semana e festivos.
  • Incluír no acordo a creación e posta en funcionamento dunha comisión de seguimento do acordo, que sexa autenticamente operativa e que serva de canle de resolución dos conflitos ou problemas de interpretación que xurdan.
  • O establecemento dun sistema de compensacións aparellado á dispoñibilidade que quede claro e sexa o mesmo para todo o persoal inspector de saúde pública.

No transcurso da xuntanza a nosa primeira reclamación foi que se establecese neste acordo un pacto de suspensión da aplicación da dispoñibilidade horaria, ou ben ata que se produza a equiparación total deste persoal ao resto dos corpos inspectores ou ben pactado por un prazo determinado que nos permita continuar coa negociación.

A consellería abriu un prazo de alegacións ata o mércores da próxima semana co compromiso de manter unha nova xuntanza despois de recibidas todas as alegacións.

Categorías Sin categoríaEtiquetas