A Xunta rebenta o acordo de integración do Consorcio e racha as negociacións co intercentros

ConsorcioA postura maximalista e o inmobilismo do Director Xeral da Función Pública e da Xerencia do Consorcio dinamitan o recente acordo de integración do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A Xunta ven de rachar no día de hoxe as negociacións que, no ámbito do Comité Intercentros, tiñan que dar luz verde á adhesión do persoal do Consorcio ao Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

O día 19 producírase a primeira xuntanza co Intercentros (o Acordo establecía como data límite o día 20 para chegar a un acordo). Nela, a Administración non mudou unha soa coma a súa proposta de creación de categorías, Xerocultor e PSX, ambas rexeitadas pola CSIF e polo Comité Intercentros, que de forma unitaria, mostrou o seu rexeitamento. O non chegar a acordo, quedamos emprazados para o día seguinte (20 de decembro).

O día 20, antes da xuntanza, o Intercentros presentou, tras o acordo dos representantes das catro organizacións sindicais, unha nova proposta para tentar alcanzar un acordo baseada en:

  • Non a creación da categoría de Xerocultor
  • Se aceptaba a creación de PSX, coa denominación de Auxiliar de Servizos Integrados, baixo a condición de que dita categoría tiña que circunscribirse única e exclusivamente o Consorcio.

Dentro sempre da unidade sindical, a CSIF mantivo unha condición máis; tiña que retirarse tamén a creación da escala de PSX de persoal funcionario da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

Lamentablemente a flexibilidade amosada polo Comité Intercentros se estrelou contra o muro dunha Función Pública enrocada na súa proposta e sen ningunha intención de chegar a acordo, mantendo a creación das dúas categorías e coa única novidade de abrir as prazas de Xerocultor á categoría IV-003.

Quizá a ausencia de eleccións a vista faga que lles falte a motivación que tiveron hai uns meses, cando se firmou o acordo de adhesión e integración. Ou tal vez cegáronse cá posibilidade de importar, dende o Consorcio, a categoría de PSX para todos os centros da Xunta de Galicia, coa destrución de emprego público que elo comportaría.

En todo caso, dende a CSIF mantemos a nosa derradeira proposta enriba da mesa e exiximos aos responsables da Xunta de Galicia e do Consorcio que recapaciten e volvan a mesa de negociación con vontade real de chegar a un acordo satisfactorio.

Por último recordamos a Consellería de Facenda que é a súa obriga ética, moral e legal, deixar de discriminar ós traballadores do Consorcio e comezar a equiparar as súas retribucións e a aplicar ó V Convenio Colectivo nas súa relación cos traballadores. E para elo non fai falla acordo ningún.

  • Nota intercentros en PDF