A sabotaxe premeditada do Acordo do persoal de I+B por parte de Función Pública.
Na Comisión de Persoal do pasado 22 de setembro, as catro organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos ratificamos a proposta de Acordo
para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
A pesares de que dita proposta non era a que os sindicatos considerábamos como a mellor, era a única opción que Facenda permitía para poñer fin dunha vez ao agravio comparativo e discriminación que os traballadores do Consorcio de I+B viñan sufrindo dende hai dez anos con respecto ao persoal laboral da Xunta de Galicia.
Coa aprobación da proposta polos sindicatos, Facenda comprometíase a que:
- Dende o 01 de xaneiro de 2017 os traballadores do Consorcio comezasen a percibir trienios, co recoñecemento da antigüidade.
- Dende o 01 de xaneiro de 2017 a xornada do persoal os centros do Consorcio sería a mesma que a do persoal do V Convenio Colectivo da Xunta de Galicia
- A partir do 2018 comezaría a equiparación retributiva do persoal do Consorcio con respecto ao persoal do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia.
Como condición “sine qua non” para cumprir o seu compromiso, Facenda esixía que antes do 20 de decembro de 2016 estiveran negociadas e aprobadas co Comité Intercentros da Xunta de Galicia a creación das categorías que, no seu caso, fora preciso crear dentro do Convenio da Xunta para dar cabida a aquelas categorías do Consorcio que non fosen homologables coas xa existentes no Convenio da Xunta.
A pesares de que no Acordo se establecía de forma precisa que a Dirección Xeral de Función Pública convocaría con carácter de urxencia ao Comité Intercentros para negociar as categorías que fosen necesarias crear por non existir no Convenio Colectivo, non foi ata o día 18 de decembro de 2016 cando convocou ao Comité á primeira xuntanza a celebrar ao día seguinte, 19 de decembro de 2016. Ata ese momento, o Comité Intercentros non recibira ningunha comunicación, documentación ou proposta por parte da Dirección Xeral de Función Pública.
Na xuntanza do día 19 de decembro, a 24 horas de que expirase o prazo imposto pola propia Dirección Xeral de Función Pública, esta presenta unha proposta de creación de categorías a sabendas de que ía ser rexeitada polo pleno do Comité Intercentros, toda vez que colisionaba frontalmente cos intereses do traballadores da Xunta de Galicia.
Reunido o día 20 de decembro o Comité Intercentros coa Dirección Xeral de Función Pública, o Comité formula “in extremis” unha contra proposta que, sen colisionar cos intereses dos traballadores da Xunta de Galicia, permitira que o Acordo se puidera levar a cabo e cumprirse nos seus termos dentro dos prazos establecidos.
Dita contra proposta do Comité Intercentros consistía en:
- Non á creación da categoría de xerocultor, toda vez que no Anexo do V Convenio xa ten a súa equiparación na categoría de Auxiliar de Clínica (categoría homologable e, polo tanto, non é precisa a súa creación).
- Aceptación da categoría de PSX, coa denominación de Auxiliar de Servizos Integrados e coa condición da súa circunscrición exclusivamente ao ámbito do Consorcio. Iso a fin de evitar a implantación desta categoría ao conxunto do centros da Xunta de Galicia.
- Retirada da creación da escala de PSX para persoal funcionario contida na proposta da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para o ano 2017, xa remitida ao Parlamento de Galicia sen negociación previa coas organizacións sindicais.
A vontade do Comité Intercentros para acadar un consenso en tempo límite que permitise dar satisfacción ás lexítimas demandas dos traballadores da Xunta sen prexudicar ao conxunto dos traballadores atopouse coa postura inflexible da Dirección Xeral de Función Pública. Todas e cada unha das súas contrapropostas foron rexeitadas sen nin sequera entrar no seu estudo ou debate.
A meditada sabotaxe do Acordo por parte de Facenda:
A intencionalidade de Función Pública poñíase ao descuberto. A realidade era que a Xunta nunca tivo a intención de acabar coa discriminación dos traballadores do Consorcio. A súa estratexia tíñaa clara dende un principio e quedou ao descuberto. A Xunta, ante o clima de malestar laboral existente previo ás eleccións autonómicas do 25 de setembro de 2016 con ameaza de folga e de mobilizacións de cerca de 2.000 traballadores do Consorcio e as súas familias, pechou un “Acordo trampa” cos sindicatos. Pero un Acordo que sabía que xamais ía cumprir pois xa tiña pensado impoñer condicións inasumibles ao Comité Intercentros. Condicións buscadas para confrontar a dous colectivos: os traballadores da Xunta e os traballadores do Consorcio e, a maiores, colocar aos sindicatos aos pes dos cabalos e desacreditalos ante o conxunto dos traballadores.
Esa premeditada sabotaxe do Acordo por parte da Xunta ponse a maiores de manifesto polo feito de que o Acordo votado na Comisión de Persoal do día 22 de setembro nunca foi presentado para a súa sinatura e ratificación aos sindicatos que o votaron a favor, contrariamente ao que si fixo co resto dos acordos alcanzados tamén con urxencia a escasos días das eleccións autonómicas con distintos colectivos de traballadores da Xunta de Galicia.
A convivencia dos sindicatos de clase:
Forzada a rotura das negociacións no seo do Comité Intercentros pola postura inflexible de Función Pública e a súa mala fe negocial, esta última convoca aos sindicatos de clase a unha reunión para o día 9 de xaneiro de 2017 para retomar as negociacións da proposta de creación de categorías do persoal do Consorcio. Unha reunión á que Función Pública, en convivencia con estes sindicatos, trata de excluír non so a CSI-F, senón tamén ao Comité Intercentros; Comité de quen depende única e exclusivamente a aprobación das categorías que se poidan crear. E todo iso nun intento de, ás costas dos traballadores da Xunta e do Consorcio, acadar un acordo a cambio doutras vantaxes ou favores noutros ámbitos que lle resulten máis rendibles.
E sendo así o motivo real da xuntanza do día 9 de xaneiro, nin a Función Pública nin ao sindicatos de clase lles interesa a presenza de testemuñas incómoda que poidan coñecer deses arranxos escuros e facelos públicos.
CSI-F, unha vez coñecida esta complicidade entre Función Pública e os sindicatos de clase, instou a esta última para que se abstivera de realizar calquera xuntanza opaca na que se foran tratar, negociar ou “vender” dereitos dos empregados públicos. Calquera xuntanza que afecte aos empregados da Xunta ou de calquera ente instrumental do sector público ten que facerse coa máxima transparencia e contando con todas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos. E todo iso a pesares de que CSI-F sexa un sindicato molesto que non ten máis intereses que a exclusiva defensa dos dereitos e intereses dos traballadores e que denuncie e faga públicos acordos espurios e contrarios aos traballadores.
Reaccións de CSI-F ante a sabotaxe do Acordo por parte da Xunta:
. Solicitude de reunión co Conselleiro de Política Social:
Ante a falta premeditada de intención de Facenda para cumprir o Acordo da Comisión de Persoal do pasado 22 de setembro de 2016, CSI-F solicitou o pasado 23 de decembro de 2016 unha reunión urxente co Conselleiro de Política Social a fin de esixirlle o máximo respecto polos seus traballadores e que medie con Facenda na procura dun acordo que permita satisfacer as lexítimas aspiracións dos persoal do Consorcio sen entrar en conflicto cos traballadores dos centros de Política Social.
. Escrito ao Conselleiro de Facenda:
Con data do 2 de xaneiro de 2017, dende CSI-F enviouse un escrito ao Conselleiro de Facenda onde poñía de manifesto que os traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non poden nin deben ser vítimas da falta de capacidade de negociación da Dirección Xeral de Función Pública, nin poden ser enganados nin estafados nas súas lexítimas aspiracións, nin moito menos sentir que foron utilizados como un mero instrumento electoralista.
Nese mesmo escrito ínstase a esa consellería para que:
1.- Por parte da Dirección Xeral de Función Pública se reanuden de xeito inminente as negociacións co Comité Intercentros a fin de acadar unha postura de consenso na creación de categorías. Postura que, necesariamente, ten que xurdir dun verdadeiro proceso negociador e non da imposición dunha das partes.
2.- Que con independencia das negociacións entre a Dirección Xeral de Función Pública e o Comité Intercentros, con efectos inmediatos se equipare a xornada laboral do persoal dos centros do Consorcio ao persoal do V Convenio Colectivo da Xunta de Galicia.
3.- Que sen máis dilación se proceda ao recoñecemento da antigüidade do persoal dos centros do Consorcio ao efecto de acreditar os correspondentes trienios aboándose os mesmos con efectos do 01 de xaneiro de 2017, toda vez que están consignados no proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2017.
Dende CSI-F seguiremos a loitar para acabar dunha vez por todas coa vergoñenta discriminación que esta a sufrir o persoal do Consorcio de I+B e para que sexan equiparados integramente co persoal do V Convenio Colectivo. E loitaremos contra todo aquel que pretenda enfrontar a uns colectivos de traballadores contra outros…
Todos, uns e outros, somos empregados públicos.