Estudo piloto para a análise de cargas de traballo na Xunta de Galicia

captura-de-pantalla-2017-01-12-a-las-11-15-31Breve resume da reunión informativa celebrada o 28-02-2017.

Á espera dunha documentación máis concreta e detallada respecto da proposta formulada nesta xuntanza, dende CSIF trasladamos un breve resume da información facilitada pola Administración, así como as primeiras consideracións e suxestións achegadas por esta organización sindical:

Dende a Administración convócannos a esta xuntanza para informar do seguinte:

Que dende a propia Administración teñen previsto desenvolver un estudo piloto co obxecto de estudar as cargas de traballo nas unidades de carácter administrativo da Administración Xeral da CC.AA (as consellerías) e os seus Organismos Autónomos (8 existentes), excluíndo deste ámbito a sanidade, educación e xustiza, facendo unha análise do seguinte xeito:

  • Servizos centrais; a nivel de órganos, servizos ou unidades de cada centro directivo.
  • Servizos periféricos; a nivel de servizos.
  • Unidades diferenciadas; laboratorios e outros análogos.

Dito estudo piloto comezará nas unidades dos servizos centrais da Vicepresidencia e C.Presidencia, AA.PP e Xustiza , unha vez que sexa aprobado no consello da Xunta nos vindeiros días ou semanas e ten unha duración prevista de 3 meses.

O estudo valorará o exceso/defecto das cargas de traballo e achegará unhas serie de propostas ou recomendacións , de carácter informativo e non vinculante, que serán remitidas aos correspondentes órganos e/ou centros directivos.

Primeiras valoracións da CSIF:

Podemos considerar construtivo calquera actuación ou estudo que poida carrear ou posibilitar unha mellor organización e prestación dos servizos públicos, así como unha maior satisfacción e desenvolvemento no traballo dos empregados públicos. Non obstante, e á espera dunha información máis detallada, trasladamos unhas primeiras consideracións:

  • En canto á finalidade do estudo realizado: Os estudos da cargas de traballo proveñen do ámbito da organización e xestión de RR.HH empresariais. Dende CSIF entendemos que se debe ter en conta a enorme diferencia entre o obxectivo dunha empresa privada e unha administración pública, pois namentres a empresa privada persegue obter un lucro ou beneficio, a Administración Pública persegue a prestación dun servizo – canto maior sexa a súa calidade, mellor. En consecuencia, dende CSIF entendemos que a finalidade do estudo debe ser matizado, non baseándose nun estándar de produtividade (relación tempo/actividade desenvolvida) senón na delimitación dun estándar mínimo de referencia en canto á esixencia no servizo público que se presta.
  • En canto ao ámbito de afectación do estudo: CSIF pregunta, dado o título do estudo, a que áreas ou postos de traballo vai afectar dita iniciativa, en concreto, se só se analizará a carga de traballo nos PT de carácter administrativo ou se vai a afectar a toda tipoloxía de P.T (traballos de campo, incendios, PT de residencias, centros de día, etc). En principio, dende a Administración infórmasenos que a idea é avaliar toda tipoloxía de postos, pero que en todo caso, nas conclusións do estudo se reflectiran de forma específica o ámbito analizado.
  • En canto aos indicadores empregados para realizar o estudo: Dende a Administración, a modo de exemplo, infórmasenos que medirase o volume/carga de traballo dunha unidade ou servizo determinado para así poñelo en relación co número de PT existentes. Dende CSIF propoñemos e insistirmos en que a carga de traballo debe comprender non só o volume propio do traballo que se desenvolve no propio centro directivo, servizo ou unidade senón tamén toda aquela carga de traballo que se “externaliza” a través de contratas, servizos, convenios ou instrumentos análogos. Ademais, dende CSIF entendemos que parece desprenderse que todos os indicadores que se empregarán para realizar este estudo baséanse nunha análise cuantitativa de datos, deixando á marxe o desenvolvemento dunha análise cualitativa, cando no caso das Administracións Públicas, debería ser esta última a que primase.
  • En canto a falla da participación dos representantes dos traballadores: Dende CSIF entendemos que este estudo afecta –en maior ou menor medida- as condicións laborais dos traballadores, polo que é preciso a participación directa dos representantes dos traballadores en todo o proceso (no referido á delimitación na finalidade/deseño do estudo, en canto á fixación dos indicadores e da metodoloxía a empregar, así como en canto ao control no desenvolvemento e execución do proceso avaliativo).

Dende CSI•F agardaremos unha información máis concreta e detallada deste proceso e estaremos expectantes e vixiantes ao respecto.