Novas sobre o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral

Resume do tratado no pleno ordinario do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia, celebrado o 30 de marzo de 2017.Avance:

  • CSIF instará a que a gripe dispoña dunha cobertura retributiva do 100% dende o inicio da IT.
  • CSIF propón mellorar o sistema inicial de detección de riscos sicosociais para o persoal da Xunta de Galicia.
  • CSIF solicita un plan especial en materia de PRL para a Consellería de Política Social e outro para a Consellería de Medio Rural, dada a súa elevada taxa de accidentes.

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da última xuntanza:

Apróbase por unanimidade a acta nº51 do ano 2016 celebrada o pasado 21-12-2016.

  1. Debate sobre o funcionamento do protocolo de avaliación de riscos sicosociais empregado pola Xunta de Galicia.

Achégase a este comité un escrito/denuncia polo que se solicita que, tras os dous procedementos de avaliación de riscos sicosociais realizado na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña empregando dúas metodoloxías diferentes – detección previa Xunta e test INSHT- e dando resultados dispares, se proceda á revisión/modificación do protocolo de avaliación de riscos psicosociais establecido pola Xunta de Galicia.

CSIF, ante a problemática de abordar os riscos psicosociais na Xunta de Galicia, xa conseguiu no seu día que se articulara ou insertase no procedemento xeral de avaliación de riscos un sistema para a detección destes riscos. Neste senso, establecéronse unha serie de items na enquisa complementaria a avaliación de riscos dos postos de traballo que se facilitan aos traballadores/as con carácter voluntario, como primeiro paso para a detección deste tipo de problemáticas. Así, no caso de que esta enquisa amosase indicios deste tipo de riscos sicosociais, procederíase a un estudo e/ou avaliación específica.

En consecuencia, dende CSIF, ante esta nova situación, propoñemos:

  • Que se revise ou modifique a referida enquisa, incorporando e/ou actualizando de selo caso máis ou mellores items coa finalidade de dar unha maior cobertura á detección previa deste tipo de riscos.
  • Que se garanta a achega deste cuestionario a todos os traballadores/as que son obxecto do procedemento de avalición xeral de riscos da Xunta de Galicia.

Tras o debate sobre esta cuestión, acórdase remitir novas propostas e alternativas ao protocolo para a avaliación de riscos sicosociais, que se tratará no vindeiro pleno do CISSL.

  1. Presentación e debate da memoria de actividades preventivas realizadas no 2016 pola Administración Xeral da Xunta de Galicia.

O representante do SPR da Xunta de Galicia fai unha exposición respecto da memoria das actividades preventivas correspondentes ao ano 2016 respecto de diversos ámbitos de actuación, tales como a xestión da prevención, os accidentes, o sistema de avaliación de riscos, a vixilancia da saúde, a formación e un longo etc.

A este respecto, dende CSIF trasladamos a nosa enorme preocupación cos diferentes índices respecto dos accidentes existentes na Consellería de Política Social e na de Medio Rural, pois entre ambas aglutinan máis do 50% de todos os accidentes que se producen na Administración Xeral da Xunta de Galicia. En consecuencia, e dado que esta situación ven reiterándose continuamente ao longo dos últimos anos, dende CSIF propoñemos:

  • Que no próximo plan anual de actividades en materia preventiva, se recolla ou inclúa de maneira específica dous epígrafes que incorporen un plan de actuación específico para a Consellería de Política Social e un plan específico para a Consellería de Medio Rural, coa finalidade de darlle un trato diferenciado no que se teñan en conta, de forma especial, medidas específicas para os sobreesforzos e as caídas ao mesmo nivel xunto coas medidas formativas e sensibilizadoras precisas para os traballadores así como para os supervisores, mandos intermedios e directivos xunto con propostas de tipo organizativo.
  1. Debate sobre a gripe e as enfermidades infecciosas, dende o punto de vista do seu recoñecemento na incapacidade laboral.

Ante a posibilidade de considerar á gripe común como un accidente laboral, e en consecuencia, que repercutise no 100% da cobertura retributiva por IT dende o comezo desta, a Mutua Gallega – entidade que asume a cobertura do persoal da Xunta por continxencias profesionais- segue mantendo a postura emitida xa fai un ano respecto desta consideración, polo que e segundo o informe da mutua que se nos achega, entenden que debe seguir tendo a consideración de enfermidade común.

Dende CSIF manifestamos que todas as enfermidades ou accidentes derivadas de continxencias comúns, independentemente da súa etioloxía, deben dispor dunha cobertura retributiva do 100% da IT, tal e como sucedía con anterioridade á aprobación do RD Ley 20/2012. Dito isto, e sendo consciente das restricións desta normativa estatal, dende CSIF entendemos que se pode ampliar en gran medida –como se fixo noutras CCAA, caso de Andalucía- o abano de posibilidades na cobertura deste tipo de enfermidades comúns. En consecuencia, dende CSIF propoñemos, co apoio do resto da parte social, que o CISSL solicite a Función Pública que abra unha mesa de negociación para valorar a posibilidade de ampliar dita cobertura. Non se acepta dita proposta por entender que este non é o órgano que debe instar dita negociación. Non obstante, CSI•F solicitará pola súa conta ,en todo caso, a apertura dunha mesa de negociación para proceder á revisión e ampliación de dita cobertura retributiva por ITs.

  1. Presentación dunha nova proposta relativa á configuración dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral.

Dende a Administración infórmannos que xa teñen elaborado un borrador sobre a nova proposta de configuración dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral baseados en áreas de actuación e non por unidades electorais sindicais, pero que aínda está en fase de estudo e debate interno, polo que proximamente establecerase unha comisión ou grupo de traballo coas OO.SS para valorar tal proposta.

Dende CSIF, tal e como xa temos demandado e manifestado, apostamos por unha nova modificación na configuración dos comités de seguridade e saúde laboral e estamos aberto á unha negociación neste senso, pero sempre e cando se respecten as seguintes premisas mínimas:

  • Que a nova configuración estea conformada en base a áreas/campos de intervención que permita dotar ao sistema de máis flexibilidade e profesionalidade.
  • Que a nova configuración non supoña, en ningún caso, unha perda dos recursos preventivos no desenvolvemento das actuacións en materia de PRL.
  1. Debate sobre as causas que motivan a falla de cobertura de vacantes, no cadro de persoal do SPR propio.

 Infórmasenos que no SPR, incluíndo as seccións provinciais, existen unha totalidade de 17 postos de traballo, dos que 3 están sen a cobertura correspondente. Neste senso, afirman que xa teñen tramitado o procedemento para a súa cobertura (contratación dun interino –se é autorizado- e/ou cobertura mediante comisión de servizos).

  1. Rogos e preguntas.

Respecto deste apartado, formulamos as seguintes cuestións:

  1. Dende CSIF informamos ao CISSL que o pasado 21-12-2016 un traballador vixilante de recursos naturais da Xunta de Galicia, asiste en calidade de asesor da CSI•F ao Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para informar aos responsables da Consellería de Medio Rural e Medio Ambiente das deficiencias en diversos eidos (na formación, nos epis subministrados, o uso dos vehículos, os sistemas de coordinación, etc) respecto dos procedementos na retirada de niños de avespa velutina e de recollida de animais salvaxes.

Así, e tras poñer de manifesto esta situación, mediante nota interior con data de 6-03-2017, requíreselle a devolución do “Epi Operativo Velutina” co motivo xenérico de por “reestruturación dos operativos encargados de control de velutina para o ano 2017 na provincia de A Coruña e non contando para esta nova campaña co servizo do Vixiante de Recursos Naturais D…..”.

Dende CSIF, á vista desta actuación, entendemos que podemos estar ante unha situación de coacción ou represalias ante o referido traballador por ter explicado e informado destas deficiencias, motivo polo que desexamos manifestar a nosa queixa respecto desta actuación e solicitamos ao Comité Intercentros que remita escrito a Consellería de Medio Rural para que informe de tal actuación.

Neste senso, o presidente do CISSL comprométese a mediar para solicitar a información respectiva ao responsable correspondente.

  • Dende CSIF preguntamos sobre o estado da solicitude formulada por esta central sindical o pasado 13-03-2017 ao Servizo de Prevención de Riscos da Xunta de Galicia respecto de que se incluíse no plan de prevención de riscos laborais para 2017, unha avaliación de riscos laborais no centro de formación e experimentación Agroforestal de Sergude, xunto cos protocolos específicos de vixilancia da saúde, de selo caso.

O representante do SPR infórmanos que se aceptou dita solicitude e que se procedera a unha avaliación de riscos e que, de selo caso e necesario, a un novo recoñecemento médico cos protocolos específicos.

  • Do mesmo xeito, dende CSIF tamén manifestamos que temos constancia de que o pasado 8-03-2017, persoal Farmacéutico de Saúde Pública (FISP) pertencente á zona de inspección farmacéutica de Vigo, solicitou ante o SPR en Pontevedra unha nova avaliación de riscos dos seus postos de traballo achegando unha serie de documentos e alegacións ao respecto. Dita sección do SPR en Pontevedra informaron que trasladaron a referida petición a Santiago. En consecuencia, desexamos preguntar sobre o estado desta nova solicitude de avaliación de riscos solicitada polos FISP.

O representante do SPR da Xunta afirma que non ten constancia/coñecemento desta solicitude, pero que preguntará ao respecto desta solicitude.