Recóllese a continuación un breve resume do tratado no pleno ordinario do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia, celebrado o mércores 21 de marzo de 2018:
1.-Lectura e aprobación, se procede, da acta da última xuntanza correspondente ó 20-12-2017:
Apróbase por unanimidade a acta correspondente á última xuntanza.
2. Presentación e debate da memoria das actividades preventivas realizadas no 2017 pola Administración Xeral da Xunta de Galicia (por apartados):
- Consultade aquí a memoria ⇒ Memoria 2017
Xestión.
Dende CSIF propoñemos engadir dous novos apartados á memoria, sempre que non supoña unha carga de traballo engadida para os empregados públicos do SPR:
– Un apartado novo, denominado “Outras actuacións en materia preventiva” que reflictan aquelas actuacións que non teñan cabida nos diferentes apartados da referida memoria tales como; elaboración de informes, consultas específicas realizadas, asesoramentos para actuacións concretas, visitas da inspección de traballo, etc.
– Do mesmo xeito, engadir un novo apartado denominado “conclusións e recomendacións”: No que se recolla de forma xeral unha valoración do feito ó longo do ano e das implicacións que carrexa para actuacións e propostas futuras.
Do mesmo xeito, infórmasenos que está a piques de rematar a licitación da nova contratación para o Servizo de Prevención Alleo para unha nova adxudicación por un ano, prorrogable por outro, ao que só se presentou unha candidatura (Cualtis).
Sinistralidade.
Prodúcese un incremento de accidentes de traballo con baixa laboral e sen baixa laboral no ano 2017 con respecto do 2016.
Polo que respecta ó índice de incidencia (no traballadores sinistrado por cada 1000 persoas expostas) por consellería, os datos seguen amosando un desfase das Consellerías de Política Social e de Medio Rural respecto do resto de consellerías da Xunta de Galicia.
Neste senso, pode comprobarse como preto do 80% da sinistralidade da Xunta está focalizada nunhas categorías concretas de persoal laboral das Consellerías de Medio Rural e Política Social. Así, e de forma sucinta, manifestase un nivel de accidentes moi elevado para as categorías profesionais de auxiliar/persoal enfermería, camareiro/a limpador/a e coidador CAPD na Consellería de Política social e para as categorías de condutor brigada, persoal brigadas forestais e axente forestal da Consellería de Medio Rural, polo que resulta meridianamente claro – tal e como ven instando e solicitando CSIF nas programacións anuais- a necesidade de desenvolver un programa de actuación específico en materia preventiva para estas dúas consellerías.
Outro dato sobresaínte son os datos respecto dos accidentes de traballo segundo a idade e o sexo, pois na franxa que abrangue dende os 51 ós 60 anos case que triplica o número de accidentes das mulleres respecto dos homes e o dobre respecto doutras franxas de idade. Este dato ven reflectir, outra vez, o problema comentado con anterioridade, debido ós sinistros acaecidos na Consellería de Política Social, onde hai unha maioría traballadores que son mulleres.
Avaliacións.
Neste apartado, recóllense as avaliacións de riscos respecto do teletraballo. Hai que ter en conta que esta avaliación (realizada mediante cuestionario) correspóndense con todas as solicitudes de teletraballo (pois é obrigatorio a súa realización coa referida solicitude), e non coas propias concesións destas.
Do mesmo xeito, ó longo de 2017, desenvolveron avaliacións de riscos psicosociais en 6 centros.
Vixilancia da saúde.
No ano 2017 realizáronse 9218 peticións de recoñecementos médicos, asistindo ó final a ditos recoñecementos un total de 8900 empregados públicos da Administración Xeral da Xunta de Galicia, sendo a Consellería de Política Social na que máis recoñecementos médicos se realizaron.
Polo que se refire ós certificados de aptitude resultantes da vixilancia da saúde, tamén é de subliñar que a maioría correspóndense coas realizadas na C. Politica Social e C. Medio Rural (1834 e 1714 respectivamente), onde tamén se dan o maior número de non aptos e aptos con restricións.
Do mesmo xeito, na memoria, reflíctense os protocolos médicos aplicables de forma xenérica por consellerías e de forma específica por postos de traballo.
Medidas de emerxencia.
Reflíctese na memoria de 2017 as actuacións específicas desenvoltas neste ámbito, e anúnciase que se ten previsto realizar para o 2018 un simulacro no edificio administrativo de Vigo.
Participación sindical.
É de destacar que, agás o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, ningún dos comités de seguridade creados ó abeiro do artigo 38 da LPRL cumpre coa previsión preceptiva expresa legal de reunirse, cando menos , cada 3 meses.
Rogos e preguntas.
Dende CSIF solicitamos de novo:
- O protocolo de actuación en materia de riscos psicosociais.
- Así como a presenza dos representantes da Mútua Gallega para a explicación da cobertura de accidentes in itinere para os casos de flexibilidade, redución xornada, permisos, etc.
En ambos casos, a representación da Administración afirma que se tratarán nas vindeiras xuntanzas.
Dende o SPR infórmasenos que para os vehículos de Medio Rural e de Medio Ambiente estanse realizando os correspondentes “check list” e protocolos para a súa avaliación e establecemento de medidas correctoras, de selo caso.