Programa de seguridade e saúde laboral para 2020

 

O pleno ordinario do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia reuniuse o mércores  18 de decembro para presentar e debater a programación de actividades en materia de seguridade e saúde laboral que a Xunta de Galicia pretende desenvolver en 2020. Estas son as liñas principais:

Organizacion e xestión en materia preventiva:

Dende CSIF solicitáramos que no plan anual de actividades en materia preventiva recollese de maneira específica dous epígrafes que incorporasen as actuacións específicas tanto para a Consellería de Política Social como para a Consellería de Medio Rural, debido a súa casuística en canto ao elevado número de accidentes e sinistralidade.  Se ben é certo que se recolleu a proposta achegada a modo de anexo, entendemos que de ser posible, os referidos anexos deben incluír todas as actuacións destas consellerías (avaliacións, formación, etc) e non só as referidas ás avaliacións. Acéptasenos tamén esta última proposta.

Programación das avaliacións:

Seguimos solicitando que, sempre que sexa factible e non supoña unha carga de traballo para o persoal do SPR, na programación de avaliación de riscos que se establece para cada centro se especifique, por unha banda, o órgano do que parte a iniciativa programática (SPR, Consellería, CSSL, Inspección, etc) e por outra, o criterio, o motivo ou o requisito polo que se planifica a referida avaliación en cada un dos centros. Estes poden ser o tempo transcorrido, por tratarse dunha primeira avaliación, por incrementarse o índice de accidentes, por ser a petición do propio centro, etc. Esta última proposta tamén se recollerá no referido plan de actividades.

En canto á planificación das diversas avaliación de riscos laborais para o ano 2020, dende CSIF achegamos as seguintes peticións, de conformidade coas solicitudes xa efectuadas ante o Comité de seguridade e saúde laboral do SPIF, do de Medio Rural e do propio servizo provincial do SPR da Xunta de Galicia, que son:

-Solicitude de avaliación de riscos dos postos de traballo de bombeiros forestais condutores de motobomba. Esta solicitude está motivada pola modificación das condicións de traballo destes postos así como a aparición de novos riscos derivados da entrega no mes de xullo dos novos vehículos motobomba que están xerando un ruído intenso producido pola bomba de impulsión de auga, así como os novos riscos de caída derivados do acceso á parte superior do vehículo situado a 2,5 metros de altura para a entrega das mangueiras.

-Solicitude de avaliación os seguintes centros de traballo correspondentes a diversos puntos de encontro da Consellería de Medio Rural, que ben non foron avaliados aínda ou ben sufriron modificacións que requiren unha nova avaliación: Puntos de encontro do Distrito Forestal XVI (Silleda e Codeseda-A Estrada), Distrito Foestal XVII (CEIP A Granxa-Ponteareas e o de Salvaterra), Distrito Forestal XVIII (Local protección Civil Mos,  Vilaza-Gondomar, Mougás-Oia e ELM de Pazos de Rei-Tuí) e Distrito Forestal XIX (Troans-Cuntis, Meis e Parque de Maquinaria de Pontevedra).

Achegamos os escritos das diferentes peticións efectuadas xa con anterioridade. Dende o SPR infórmasenos que incorporarán estas avaliacións solicitadas á programación anual.

Vixilancia da saúde:

Infórmasenos que se establecerá un novo procedemento de solicitude para o recoñecemento médico do persoal da Administración Xeral e de Xustiza da Xunta de Galicia para o ano 2020. Así, no prazo que se abra este ano para facer a petición do recoñecemento médico, os empregados públicos só poderán realizar esta solicitude a través dos seguintes accesos:

-PORTAX: Para o persoal da Administración Xeral.

-OPAX: Para o persoal da Administración de Xustiza.

O persoal responsable dos centros de traballo facilitarán a inscrición telemática do seu persoal dependente, especialmente a de aqueles que non dispoñan de medios informáticos.

A convocatoria para a apertura do prazo de solicitudes do recoñecemento médico realizarase de forma análoga ós anos anteriores. Isto é, mediante a publicación no DOG e reforzada con envío de correos electrónicos masivos aos enderezos institucionais do persoal da Xunta de Galicia.