- O sindicato, que suma 306 delegados neste ámbito, é a opción maioritaria en cinco das sete grandes cidades da comunidade
A Central Sindical Independente e de Funcionarios converteuse no sindicato con máis representación na administración local no últimos catro anos, nos que conseguiu encabezar ou igualar o número de delegados en concellos nas provincias da Coruña (123), Pontevedra (116) e Ourense (34).
No conxunto das administracións locais de Galicia, CSIF suma 306 delegados no final do ano 2019, o que sitúa á central por encima de CCOO, CIG e UXT que ocupan o segundo, terceiro e cuarto posto respectivamente nas administracións máis próximas á cidadanía.
Este crecemento na administración local tradúcese tamén en que CSIF é o sindicato con máis apoio e representación, tanto entre persoal funcionario como laboral, en cinco das sete cidades de Galicia, así como no 48% dos consistorios da comunidade. Así, A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra contan con maioría de CSIF na representación do seu persoal.
Esta tónica séguese tamén en gran parte dos 25 concellos máis grandes de Galicia, nos que CSIF obtivo máis representantes que outras opcións sindicais. Son Ribeira, Carballo, Arteixo, Sarria, Vilalba, Monforte de Lemos, Verín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Marín, Cangas e Vilagarcía de Arousa, aos que hai que sumar as cidades. CSIF foi a opción máis escollida no últimos catro anos en 150 dos 313 concellos de Galicia e alcanzou representación en máis de 275 consistorios.
A central, que renovou o seu comité executivo no mes de decembro, márcase para o próximo mandato seguir crecendo en representación nas administracións públicas de Galicia, á vez que incrementa a súa presenza no sector privado. Entre os retos marcados, están sinalados como prioritarios recuperar a capacidade salarial dos empregados da función pública que se perdeu desde 2010 e avanzar en medidas como a xornada laboral de 35 horas, a mobilidade administrativa e o teletraballo, a xubilación voluntaria aos 60 anos ou a realización de concursos de traslado anuais, entre outros obxectivos.