Covid-19: CSIF reitera e esixe á Xunta de Galicia un exercicio de responsabilidade e a adopción inmediata de medidas preventivas.

A CSIF solicita a Función Pública, como órgano de coordinación da actuación de todos os órganos competentes en materia de persoal do sector público, a suspensión dos procesos selectivos e cursos de formación, a ampliación da flexibilidade e teletraballo, etc.

Con data 06 de marzo, a CSIF solicitou da Dirección Xeral de Función Pública a adopción con carácter de urxencia dunhas medidas mínimas preventivas para preservar a saúde dos empregados públicos desta Administración:

  • A instalación de dispensadores de xel hidro alcohólico en todos os centros de traballo do sector público autonómico dependentes da Xunta de Galicia.
  • A ampliación ao máximo dos criterios de concesión do teletraballo.

Ante o silencio desa Dirección Xeral, ante o cariz que están a tomar os acontecementos e á vista da resolución da Secretaría de Estado de Política Territorial e Función Pública de data 10 de marzo de 2020, CSIF novamente solicita que, sen máis dilación, por parte da Administración da Xunta de Galicia se realice un exercicio de responsabilidade e se adopten inmediatamente as seguintes medidas para previr a saúde dos empregados públicos:

1.- Instalación de dispensadores de xel hidro alcohólico en todos os centros de traballo do sector público autonómico dependentes da Xunta de Galicia, con especial prioridade aos centros de atención ao público.

2.- Máxima flexibilización da xornada laboral e ampliación ao máximo do teletraballo e , sen suxeición ás limitacións establecidas na Orde de 20 de decembro de 2013

3.- Consideración de deber inescusable cando sexa imprescindible que o traballador permaneza no seu domicilio.

4.- Suspensión temporal dos cursos e actividades formativas que se estean a realizar.

5.- Suspensión, en tanto se manteña a situación de alerta sanitaria, de calquera proceso selectivo de acceso a Administración da Xunta de Galicia.

Os procesos selectivos na Administración Xeral da Comunidade Autónoma:

Con respecto a este punto, e limitándonos aos procesos selectivos convocados pola Consellería de Facenda, a data de hoxe son cerca de 36.000 persoas as admitidas provisionalmente para os procesos convocados. Elo sen contar as convocatorias relativas a médicos, psicoloxía, fisioterapia, enfermería, terapia ocupacional, asistencia social, educador e promoción interna de funcionarios, cuxas listas de admitidos provisionais están aínda sen publicar. Unha vez publicadas os aspirantes provisionais superaran con creces os 40.000.

Ante o volume de aspirantes aos procesos convocados pola Consellería de Facenda, a fin de darlles unha mínima seguridade con respecto ás datas de exames e, sobre todo, co obxecto de que poidan deixar de asistir mentres se manteña a situación de crise sanitaria aos centros de preparación de oposicións para evitar contaxios, solicitamos o aprazamento dos procesos selectivos ata, polo menos, o mes de setembro.

Dende a CSIF entedemos que a Administración da Xunta non poder permanecer impasible nin en silencio ante a situación actual e que debe actuar sen máis dilación. É a súa obriga e responsabilidade como poder público preservar a saúde dos seus empregados e dos que aspiran a selo.