1.- Realización de servizos asistenciais en centros residenciais. 2.- Funcións do persoal do Servizo de Incendios como servizo de asistencia á emerxencia no rural. 3.- Bolsas de agardade emprego temporal ou interino
Extracto das medidas en materia de emprego público. A resolución completa do acordo do CECOP pódese consultar ao final do documento.
1.- Protocolo de actuación que se seguirá para a adopción, como medida
excepcional, da realización de servizos asistenciais en centros residenciais
para facer fronte á situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19
Fundamento normativo
En cumprimento das previsións contidas na Lei orgánica 4/1981, do 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio, aprobouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Como indica a Orde SND/265/2020, do 19 de marzo, de adopción de medidas relativas ás residencias de persoas maiores e centros sociosanitarios, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, os maiores, as persoas con discapacidade ou outros usuarios de residencias e outros centros sociosanitarios encóntranse en situación de vulnerabilidade ante a infección COVID-19 por varios motivos, como son, entre outros, que habitualmente se presentan en idade avanzada, patoloxía de base ou con morbilidades, e o seu estreito contacto con outras persoas, como son as súas coidadores e outros conviventes.
O número cuarto desta orde expresa:
«Cuarto. Medidas relativas aos profesionais sanitarios en relación coa atención sanitaria nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios
- A autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma poderá modificar a prestación de servizos do persoal médico, de enfermaría ou outro tipo de persoal sanitario vinculado coas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios, con independencia da súa titularidade pública ou privada, así como a correspondente a ese tipo de persoal vinculado con atención primaria ou atención hospitalaria ou especializada extrahospitalaria, se for o caso, para adaptalos ás necesidades de atención nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios».
Este precepto permite, dadas as circunstancias excepcionais concorrentes, adoptar as medidas que sexan necesarias para dispor dos servizos do persoal sanitario vinculado con residencias e centros sociosanitarios para cubrir as necesidades de atención en residencias de maiores e outros centros sociosanitarios.
Neste sentido incide a Orde SND/275/2020, do 23 de marzo, pola que se establecen medidas complementarias de carácter organizativo, así como de subministración de información no ámbito dos centros de servizos sociais de carácter residencial en relación coa xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que recoñece a especial vulnerabilidade das persoas maiores, as persoas con discapacidade ou outros usuarios de centros residenciais e centros sociais con internamento ante a infección COVID-19, e a necesidade de dispor de recursos para a súa atención, que obrigan a adoptar novas medidas dirixidas a reducir o risco de contaxio e garantir a posibilidade de utilización de todos os recursos dispoñibles para a atención social e sanitaria destes colectivos.
- A Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, dispón no seu número oitavo:
«Oitavo. Posta á disposición das comunidades autónomas de medios e recursos sanitarios doutras administracións públicas e de centros e establecementos sanitarios privados
Durante o tempo en que pola progresión ou afectación da epidemia de COVID-19 non se poida atender adecuadamente a asistencia sanitaria da poboación cos medios materiais e humanos adscritos a cada comunidade autónoma, estas terán á súa disposición os centros e establecementos sanitarios privados, o seu persoal e as mutuas de accidentes de traballo».
Por tanto, coa finalidade de manter a asistencia sanitaria da poboación, as comunidades autónomas teñen á súa disposición o persoal dos centros privados.
Así mesmo, esta orde, no seu número décimo, faculta a Comunidade Autónoma a dispor e reorganizar todo tipo de persoal ao seu servizo da forma que xulgue necesaria para atender as necesidades xurdidas e garantir a protección deste colectivo de especial vulnerabilidade:
«Décimo. Réxime de prestación de servizos
- As comunidades autónomas poderán adoptar as medidas necesarias para garantir a protección de persoas, bens e lugares, podendo impor aos empregados públicos e traballadores ao seu servizo, calquera que sexa a súa categoría profesional, servizos extraordinarios pola súa duración ou pola súa natureza.
- As medidas que se adopten poderán ir dirixidas á encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade, así como medidas de mobilidade xeográfica.(…).
- Todas as medidas deberán adoptarse co fin de contribuír á correcta prestación asistencial ou dos dispositivos de prevención, control ou seguimento e a súa aplicación realizarase con carácter gradual, utilizando de maneira racional os recursos humanos dispoñibles e non será de aplicación ás mulleres que se encontren en estado de xestación».
- A Orde SND/295/2020, do 26 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos no ámbito dos servizos sociais ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19, expresa que «debido á situación crítica dos colectivos destinatarios dos servizos sociais, que precisan dunha atención ineludible e inaprazable, e ante a grave situación de falta de persoal que se está producindo nos centros e entidades públicos e privados acreditados que provén de tales servizos sociais esenciais, cómpre adoptar unha serie de medidas en relación cos recursos humanos deste sector que garantan a adecuada e debida asistencia dos sinalados colectivos».
O número segundo, «Ámbito de aplicación», establece:
«Esta orde é de aplicación a todos os centros e entidades que presten calquera dos servizos contidos no Catálogo de referencia aprobado por Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia o 16 de xaneiro de 2013, con independencia da súa titularidade, así como aos seus traballadores e traballadoras calquera que sexa a natureza da súa relación contractual ou administrativa.
Para os efectos do previsto na presente orde, os centros e entidades de titularidade privada a que se refire o parágrafo anterior terán a consideración de operadores de servizos esenciais cos efectos previstos no artigo 18.2 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo».
No seu número terceiro, a orde indica:
«Réxime de prestación de servizos.
- O Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) e as comunidades autónomas nos seus respectivos ámbitos de competencia en materia de servizos sociais poderán adoptar en materia de servizos sociais as medidas necesarias para a protección das persoas, bens e lugares, podendo impor aos traballadores e traballadoras dos servizos sociais a prestación de servizos extraordinarios, xa sexa en razón da súa duración ou da súa natureza.
As medidas que se adopten deberán contribuír á correcta prestación dos servizos sociais obxecto desta orde e deberán utilizar de maneira racional os recursos humanos dispoñibles. Así mesmo, deberán atender aos principios de necesidade e proporcionalidade.
Estas medidas non serán de aplicación ás mulleres que se encontren en estado de xestación.
- O persoal dos centros e entidades a que se refire o número segundo contará con acreditación suficiente expedida pola súa entidade ou empresa para que lle sexan de aplicación os supostos pertinentes do artigo 7 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma.
- As medidas que se adopten poderán ir dirixidas á encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade, ben que, preferentemente, as ditas funcións serán similares ou análogas ás do posto que se vén desempeñando e terase en conta a capacitación profesional. Así mesmo, poderanse adoptar medidas de reasignación de efectivos e cambios de centro de traballo sempre que non comporten a mobilidade xeográfica do traballador ou traballadora.
- Todo o persoal de servizos sociais, independentemente de que xa estea prestando os seus servizos na modalidade de teletraballo ou outras, deberá estar dispoñible para ser requirido en calquera momento para a prestación de tarefas presenciais, con excepción daquelas persoas que se encontren en situación de illamento domiciliario por COVID-19. O anterior afecta tamén o persoal administrativo mínimo imprescindible para o desenvolvemento dos servizos.
- Así mesmo, poderán adoptase as medidas que se consideren precisas en materia de xornada de traballo e descanso, permisos, licenzas e vacacións e reducións de xornada».
O número sétimo da orde, «Desenvolvemento e execución», expresa:
«Corresponde ao Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) e ás autoridades competentes de cada comunidade autónoma ditar as resolucións, disposicións e instrucións interpretativas que, na esfera específica da súa actuación, sexan necesarias para garantir a eficacia do disposto nesta orde».
De acordo co exposto, esta orde refírese expresamente xa a todo o persoal dos servizos sociais, con independencia da natureza da súa relación contractual ou administrativa e con independencia da titularidade dos centros, e permite, con carácter xeral, a imposición da prestación de servizos extraordinarios.
- De acordo co réxime normativo excepcional exposto cabe obter as seguintes conclusións:
– Respecto aos profesionais ou persoal sanitario (persoal médico, de enfermaría ou outro tipo de persoal sanitario vinculado con atención primaria, atención hospitalaria ou especializada extrahospitalaria, as residencias de maiores e outros centros sociosanitarios, con independencia da súa titularidade pública ou privada), poden realizarse as modificacións da prestación de servizos que sexan necesarias para cubrir as necesidades de atención tanto nas residencias de maiores como noutros centros sociosanitarios.
– A Orde SND/232/2020 aclara que estas medidas poden afectar tamén o persoal sanitario e, en xeral, o persoal, dos centros e establecementos privados.
– Con carácter xeral, esta Orde SND/232/2020 faculta a Comunidade Autónoma a dispor e reorganizar todo tipo de persoal ao seu servizo da forma que xulgue necesaria para atender ás necesidades xurdidas e garantir a protección deste colectivo de especial vulnerabilidade. Así, poden encomendarse a calquera tipo de persoal funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade, así como medidas de mobilidade xeográfica, en canto sexa preciso para contribuír á correcta prestación asistencial ou dos dispositivos de prevención, control ou seguimento.
– A Orde SND/295/2020 refírese especificamente xa a todo o persoal dos servizos sociais, con independencia da natureza da súa relación contractual ou administrativa e con independencia da titularidade dos centros, e permite, con carácter xeral, a imposición da prestación de servizos extraordinarios.
– No caso de persoal non sanitario de servizos sociais, sexa de centros públicos ou privados, a matización que efectúa esta última orde é a de que as medidas de cambio de centro de traballo non poden comportar a mobilidade xeográfica. Para estes efectos, de acordo co Estatuto dos traballadores (Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores), debe entenderse por mobilidade xeográfica o establecido no seu artigo 40, isto é, o traslado a un centro de traballo que exixa cambio de residencia. Polo tanto e en todo caso, son posibles para este persoal as medidas que impliquen cambio de centro de traballo sempre que polas circunstancias concorrentes non impliquen cambio de residencia.
Polo demais, a cuestión do cambio de residencia debe ser interpretada en cada caso no marco das medidas concretas que proceda adoptar e a situación concorrente. Así, non terá a consideración de mobilidade xeográfica a encomenda de funcións temporal que comporte a realización de prestacións de servizos en centros de servizos sociais cando se trate de situacións que non exixirían, por si mesmas, un cambio de residencia en circunstancias normais, pero que, no caso concreto, por razóns da crise sanitaria e das necesidades de protección da saúde do propio traballador ou dos residentes, deba habilitar a Administración para eles un aloxamento transitorio próximo ao centro para a súa utilización, sempre a cargo da propia Administración.
Debe terse en conta, así mesmo, que o Consello da Xunta de Galicia, no seu Acordo do 13 de marzo de 2020, declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.
No seu número cuarto, o Acordo do Consello da Xunta establece: «Para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer».
Neste sentido, o artigo 7 bis da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, dispón:
«Artigo 7 bis. Deber de colaboración
- Os cidadáns e as persoas xurídicas están suxeitos ao deber de colaborar, persoal ou materialmente, na protección civil, en caso de requirimento da autoridade competente de acordo co establecido no artigo 30.4 da Constitución e nos termos desta lei».
Así mesmo, de acordo co artigo 7.3 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia:
«En caso de emerxencia os cidadáns deberán cumprir as ordes e instrucións, xerais ou particulares, que sexan ditadas polas autoridades competentes».
De acordo co exposto, considérase prioritaria a protección dos maiores, as persoas con discapacidade ou outros usuarios de residencias, e por isto resulta imprescindible adoptar todas as medidas necesarias para cubrir os servizos necesarios para a súa atención, polo que se aproba o seguinte protocolo de actuación.
Protocolo de actuación
Primeiro. Medidas respecto do persoal da Consellería de Política Social e entidades do sector público autonómico dependentes
- Adopción de medidas de modificación da prestación de servizos do persoal dependente da Consellería de Política Social e entidades do sector público autonómico dependentes
- A Consellería de Política Social e as entidades do sector público autonómico dependentes dela poderán impor servizos extraordinarios ou modificar a prestación de servizos de calquera tipo de persoal sanitario vinculado coas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios, coa finalidade de atender as necesidades de atención en calquera residencia de maiores ou outros centros sociosanitarios.
Así mesmo, sempre que sexa necesario para garantir a referida asistencia ou, en xeral, a protección das persoas, bens e lugares, poderá impor ao persoal non sanitario ao seu servizo servizos extraordinarios ou modificar a súa prestación de servizos.
As medidas serán aplicables con independencia do vínculo xurídico do persoal como funcionario, estatutario ou laboral.
- Estas medidas poderán ir dirixidas tanto á realización das propias funcións da categoría de pertenza do persoal a que se require como á encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade. Así mesmo, poderán adoptase medidas en materia de xornada de traballo e descanso, permisos, licenzas e vacacións e reducións de xornada.
De acordo co indicado na Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, deberá garantirse que a suma dos descansos que deban ter lugar no conxunto dunha semana non sexa inferior a setenta horas, cunha media de descanso entre xornadas de traballo de dez horas.
- Todas as medidas deberán adoptarse co fin de contribuír á correcta prestación asistencial ou dos dispositivos de prevención, control ou seguimento e a súa aplicación realizarase con carácter gradual, utilizando de maneira racional os recursos humanos dispoñibles e non será de aplicación ás mulleres que se encontren en estado de xestación.
De acordo co expresado, cando sexa preciso atender a cobertura das necesidades indicadas acudirase preferentemente ao persoal destinado nos centros da consellería ou entidades do sector público dependentes que estean cerrados por ter sido suspendida a súa actividade.
Dentro do persoal dispoñible seguiranse os seguintes criterios de preferencia, sempre que sexa posible de acordo coas circunstancias e a urxencia da situación que se presente:
- a) Ofrecemento voluntario do persoal.
- b) Proximidade xeográfica do posto de traballo do persoal afectado co centro en que se precisan os seus servizos.
- c) Menor idade.
- d) Menores cargas familiares.
- Os actos e medidas que se deban adoptar non precisarán a tramitación de procedemento administrativo ningún. En particular, dada a súa natureza de encomenda funcional de servizos extraordinarios e transitorios baseados nunha situación de crise e emerxencia sanitaria, non precisarán da tramitación de ningún procedemento de provisión de postos de traballo nin da creación do posto na relación de postos de traballo no centro para o cal se solicita o empregado público.
Para efectos do indicado, as autoridades ou servizos da consellería e entidades do sector público dependentes poderán, coa urxencia que o caso requira e da forma máis efectiva posible, comunicar ao persoal a encomenda dos servizos ou funcións que sexan precisos, preferentemente por escrito ou de calquera outra maneira que quede constancia, sempre que isto sexa posible. Cando a orde atendendo ás circunstancias deba ser verbal, procurarase a súa formalización por escrito cando sexa posible.
- As medidas de imposición de servizos extraordinarios ou de modificación da prestación de servizos comunicaranse unha vez efectuadas á Dirección Xeral de Función Pública para os efectos do seu coñecemento.
- Supostos de insuficiencia ou inadecuación do persoal de Consellería de Política Social ou das entidades do sector público dependentes
- Nos casos en que para a atención das necesidades concorrentes se prevexa a insuficiencia ou inadecuación do persoal dispoñible na Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes, comunicaranse as necesidades de persoal á Dirección Xeral de Función Pública, para que esta proceda a identificar, coa maior urxencia posible, empregados públicos ou traballadores coas categorías ou titulacións adecuadas doutras consellerías ou entidades do sector público autonómico de que haxa constancia na dita dirección xeral, indicándolles que quedan á disposición da Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes que teñan a necesidade de persoal e en expectativa de recibir as ordes pertinentes destas.
- A Dirección Xeral de Función Pública terá en conta os mesmos criterios de preferencia expresados no número 3 do número anterior.
- Unha vez identificados os indicados empregados públicos ou traballadores, comunicarase á Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes, para que estas lles poidan dar as pertinentes ordes de servizos extraordinarios.
- No caso de inexistencia ou insuficiencia de persoal poderase acudir ao chamamento ás bolsas derivadas dos decretos de listas, ao Servizo Público de Emprego ou a calquera outro procedemento extraordinario consonte coa urxencia da cobertura das necesidades de persoal que se considere axeitado e máis áxil.
Retribucións do persoal a que se refiren os números anteriores
- As retribucións que percibirá o empregado público ou traballador nos casos establecidos nos números anteriores polas funcións ou servizos encomendados e durante o tempo que as desempeñaron non poden ser inferiores ás retribucións de postos similares da mesma categoría dentro da RPT da Consellería de Política Social coa inclusión dos complementos de penosidade, perigosidade, toxicidade e/ou de especial dedicación.
- Para efectos do sinalado no número anterior, a Consellería de Política Social aboará un complemento comprensivo das ditas diferenzas tanto en soldo, se for o caso, como nos distintos complementos sinalados. As horas extraordinarias que procederen tamén serán aboadas pola Consellería de Política Social.
- Duración dos servizos extraordinarios ou das modificacións da prestación de servizos
A duración das medidas de imposición dos servizos extraordinarios ou das modificacións da prestación de servizos limitarase á duración do estado de alarma ou da situación de emerxencia sanitaria.
Comunicación ás organizacións sindicais
O presente protocolo e a adopción das medidas indicadas nos números anteriores comunicaranse ás organizacións sindicais para permitirlles o exercicio das funcións que lles son propias.
Medidas respecto ao persoal dependente de centros ou establecementos privados
- Medidas relativas aos profesionais sanitarios dependentes de centros ou establecementos privados en relación coa atención sanitaria nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios
- Cando o exixan as circunstancias concorrentes poderá modificarse a prestación de servizos do persoal médico, de enfermaría ou outro tipo de persoal sanitario vinculado coas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios, de titularidade privada, así como a correspondente a ese tipo de persoal vinculado con atención primaria ou atención hospitalaria ou especializada extrahospitalaria, para adaptala ás necesidades de atención nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios.
- Do mesmo modo, cando o exixan as circunstancias concorrentes, poderá imporse aos traballadores e traballadoras dos servizos sociais dependentes de centros ou establecementos privados a prestación dos servizos extraordinarios que sexan necesarios para a cobertura das necesidades de atención nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios.
- En particular, acudirase a estas medidas cando nos centros residenciais de maiores ou centros sanitarios de titularidade pública non sexa posible cubrir as necesidades asistenciais coa suficiente urxencia con persoal do propio sector público, de acordo co indicado no número primeiro deste protocolo.
- Cando a modificación na prestación de servizos consista na encomenda de funcións ou servizos noutro centro, será necesaria a audiencia previa dos responsables do centro ou establecemento privado en que desempeñase os seus servizos o persoal afectado. Tanto o persoal afectado como o centro ou establecemento privado terán dereito á correspondente compensación económica.
- Estas medidas serán tamén aplicables respecto aos profesionais sanitarios e traballadores e traballadoras de servizos sociais dependentes de empresas que prestasen servizos para a Consellería de Política Social e entidades de dereito público dela dependentes no ámbito da xestión de calquera tipo de centros de servizos sociais.
- Réxime aplicable
En canto ao contido das medidas, criterios de preferencia, comunicación das encomendas de servizos aos afectados, duración dos servizos extraordinarios ou das modificacións da prestación de servizos e comunicación ás organizacións sindicais, observarase o establecido no número primeiro deste protocolo.
2.- Acordo sobre a realización de funcións do persoal do Servizo de Incendios como servizo de asistencia á emerxencia no rural en concellos de menos de 5.000 habitantes
Con data do 18 de marzo de 2020, na reunión do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), foi aprobada, por petición da Consellería do Medio Rural, a posibilidade de utilizar o Servizo de Extinción de Incendios como servizo de asistencia á emerxencia provocada polo coronavirus.
Tal acordo ten o seu fundamento no previsto no artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, de acordo co cal dentro dos servizos de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil definidos nel se atopan os servizos de prevención e extinción de incendios.
Con base no anterior, a Consellería do Medio Rural modificou as instrucións da Consellería do Medio Rural relativas a medidas de prevención do COVID 19 nos seus centros e servizos dependentes, no sentido de engadir, no que ao persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais se refire, o seguinte:
No artigo 5.4 do dito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, disponse que «os servizos de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil definidos no artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, actuarán baixo a dependencia funcional do ministro do Interior».
Sen prexuízo do anterior, o artigo 6 do citado real decreto dispón que cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente na xestión ordinaria dos seus servizos para adoptar as medidas que considere necesarias no marco das ordes directas da autoridade competente para os efectos do estado de alarma e sen prexuízo do establecido nos artigos 4 e 5.
Dentro dos servizos de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil definidos no artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, encóntranse os servizos de prevención e extinción de incendios.
Desde a consideración de que o SDPIF pode ser activado como un servizo de asistencia en emerxencias, esta consellería estivo aprovisionándose, desde a declaración do estado de alarma e do estado de emerxencia sanitaria, de todo o material de protección necesario para os nosos traballadores. Debemos ter en conta neste sentido que as funcións de extinción que desempeña o servizo fan que o noso persoal xa dispoña de EPI e de material de protección, polo que o que foi preciso é complementar o material de protección actualmente existente con todo aquilo que consideramos necesario para poder traballar en condicións de máxima protección.
A maiores, aprovisionámonos de maquinaria e produtos que nos permitan actuar en posibles desinfeccións de locais ou zonas afectadas polo coronavirus.
Adicionalmente, preparamos os protocolos de actuación do persoal nestas situacións co fin de garantir a súa seguridade no desenvolvemento das súas funcións.
De acordo co anterior, nos próximos días, segundo determine e comunique a Dirección Xeral de Defensa do Monte e, en todo caso, unha vez que o dispositivo conte coa totalidade do material de protección, así como maquinaria e produtos de desinfección, protocolos e formación para o desempeño destas funcións, o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios de Galicia procederá a actuar no rural galego en funcións de servizo de asistencia a esta emerxencia, dentro dos mecanismos de coordinación que, se é o caso, se determinen, e sempre garantindo a dispoñibilidade máxima para atender a súa función principal, que é a extinción de incendios.
Desde esta perspectiva, as funcións adicionais que pasará a desempeñar o servizo serán as seguintes:
– Vixilancia de zonas de lecer rurais para garantir o cumprimento das obrigacións de confinamento decretadas no estado de alarma.
– Colaboración na desinfección de instalacións, locais ou medios de transporte da Administración autonómica.
– Colaboración na desinfección de locais e zonas de uso común no rural galego.
– Colaboración coas autoridades locais para o auxilio a persoas domiciliadas en zonas remotas ou de difícil acceso.
– Transporte de materiais tales como víveres ou material sanitario, entre outros, a zonas do rural galego.
– Disuasión de posibles comportamentos incendiarios.
– Colaboración nas comunicacións a través da nosa rede de emisoristas, ou utilizando o sistema de comunicacións TETRA.
Tomando, pois, en consideración as novas funcións en materia de emerxencias que o dispositivo de incendios comezou a desenvolver nos días previos, o Cecop adopta, por proposta da Consellería do Medio Rural, o seguinte acordo:
O Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, na súa función de asistencia á emerxencia do COVID-19, exercerá funcións de desinfección das zonas exteriores dos centros residenciais de maiores, así como dos centros de saúde, actualmente en funcionamento nos concellos de menos de 5.000 habitantes da nosa Comunidade Autónoma. Así mesmo, o servizo poderá levar a cabo desinfeccións en concellos de máis de 5.000 habitantes, ou en zonas exteriores de centros de servizos sociais de carácter residencial doutras tipoloxías, cando así o determine a Administración autonómica por así requirirse en atención ás circunstancias e necesidades concorrentes.
Os devanditos concellos de menos de 5.000 habitantes, así como os centros correspondentes, son os que figuran no cadro anexo III ao presente acordo.
Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica.
3.- Bolsas de agarda de emprego temporal ou interino
Para acadar unha máis áxil cobertura das necesidades de persoal, poderán adoptarse medidas extraordinarias na xestión das listas derivadas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
Estas medidas excepcionais son as que a continuación se relacionan, sen prexuízo de ter que adoptar outras medidas análogas se as necesidades do servizo o requiren:
Os chamamentos para o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia faranse telefonicamente nos termos do artigo 14 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
No suposto de non existiren aspirantes nas categorías profesionais de médico/a (grupo I, categoría 2), ATS (grupo II, categoría 2), auxiliar de clínica (grupo IV, categoría 3), e outras de perfil sanitario, acudirase ao procedemento establecido no artigo 7.5.b).b.1.2 do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia ou, opcionalmente, ás listas de selección temporal xestionadas polo Servizo Galego de Saúde nos termos da Resolución conxunta da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda pola que se establece o procedemento para a cobertura temporal de postos nos respectivos ámbitos, ante o incremento da carga asistencial derivada da atención do SARS-Cov-2, do 23 de marzo de 2020.
Así mesmo, de non existiren integrantes das listas dispoñibles para ser chamados e non sexa posible acudir ao procedemento establecido no artigo 7.5.b).b.1.2 do V Convenio, poderase acudir á relación de penalizados da categoría profesional correspondente que solicitaron a reincorporación nas listas ao abeiro do artigo 18.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, ou aos integrantes das listas que solicitaron a suspensión das citacións e a reincorporación ao abeiro do artigo 15.2 do Decreto 37/2006, ou aos que solicitaron a inclusión nas listas no mes de marzo de 2020 ou, opcionalmente, á relación de penalizados que non solicitasen a reinclusión nas listas.
Ademais, no suposto de inexistencia de integrantes das listas e imposibilidade de acudir ao procedemento regulado no artigo 7.5.b).b.1.2 do V Convenio, en postos pertencentes á categoría profesional de auxiliar de clínica (IV-3), poderá accederse opcionalmente a persoal doutras listas de contratación temporal na categoría profesional de xerocultor/a (grupo IV, categoría 43), cuxas listas foron aprobadas provisionalmente, ou na categoría profesional de auxiliar coidador/a (grupo IV, categoría 4), seleccionando nestes últimos supostos a integrantes das listas que estean en posesión do título de formación profesional de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou equivalente.
As medidas que se adopten comunicaranse ás organizacións sindicais.
O establecido nestas medidas ten vixencia limitada á duración do estado de alarma/alerta sanitaria e ás súas prórrogas, de ser o caso.
Consulta aquí o texto completo do Acordo CECOP