CSIF require, tanto a Función Pública como á Consellería de Política Social, información sobre o persoal auxiliar coidador da Consellería de Educación, que sen dispoñer da titulación adecuada, se lle está a incorporar para prestar servizos en residencias de maiores da Consellería de Política Social.
Con data de hoxe, CSIF dirixiuse por escrito tanto a Función Pública como á Consellería de Política social para que de información sobre o persoal auxiliar coidador da Consellería de Educación, que sen dispoñer da titulación adecuada, se lle está a incorporar para prestar servizos en residencias de maiores da Consellería de Política Social.
«A Resolución do 30 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 30 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 establece o Protocolo de actuación que se seguirá para a adopción, como medida excepcional, da realización de servizos asistenciais en centros residenciais para facer fronte á situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Dito protocolo, no seu apartado II e en relación cos supostos de insuficiencia ou inadecuación do persoal de Consellería de Política Social ou das entidades do sector público dependentes, dispón que:
“Nos casos en que para a atención das necesidades concorrentes se prevexa a insuficiencia ou inadecuación do persoal dispoñible na Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes, comunicaranse as necesidades de persoal á Dirección Xeral de Función Pública, para que esta proceda a identificar, coa maior urxencia posible, empregados públicos ou traballadores coas categorías ou titulacións adecuadas doutras consellerías ou entidades do sector público autonómico de que haxa constancia na dita dirección xeral, indicándolles que quedan á disposición da Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes que teñan a necesidade de persoal e en expectativa de recibir as ordes pertinentes destas.”
Dende a Dirección Xeral de Función Pública, atendendo ás peticións que se lle formulan dende a Consellería de Política Social, está a facer chamamentos a persoal da categoría de Auxiliares coidadores da Consellería de Educación para prestar servizos en centros de persoas maiores.
Sen ben nalgúns casos o persoal da categoría de Auxiliar coidador pode dispoñer dalgunha titulación da rama sanitaria ou sociosanitaria, estase tamén a chamar para a súa incorporación a residencias de maiores a persoal que non dispón de máis titulación que a requirida para o acceso a súa categoría profesional, graduado escolar.
Por tal motivo, dende a CSIF solicitamos a seguinte información:
1.- Nos supostos de chamamento de persoal da categoría de Auxiliar coidador que non dispón de titulación sanitaria ou sociosanitaría, ¿cales son as funcións que se lle asignan nas residencias de persoas maiores?
2.- ¿Dito persoal vai ser obxecto dalgún tipo de formación específica impartida por profesionais sanitarios, previa a súa incorporación ás residencias de persoas maiores?
3.- Os centros sociosanitarios onde van prestar servizos o dito persoal dispón de profesionais sanitarios e/ou sociosanitarios de referencia?
4.- ¿Incorrería nalgún tipo de responsabilidade por neglixencia a persoa traballadora pola prestación de servizos carecendo da correspondente titulación sanitaria ou sociosantaria?
Non podemos esquecer que o dito persoal vai prestar servizo a usuarios especialmente sensibles ou vulnerables, con independencia de que se trate de persoas válidas ou non. Polo que as medidas de protección, prevención, así como de atención directa deben ser especialmente escrupulosas. Pois do contrario poderíase poñer en risco a saúde das persoas usuarias, así como a dos propios traballadores.