CSIF denuncia que en determinados ámbitos non se está a cumprir co Protocolo de reincorporación nin se está a informar aos Comités de Seguridade e Saúde Laboral das medidas preventivas adoptadas.
Escrito dirixido con á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
«Con data de 9 de maio de 2020 publicouse a Resolución do 8 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de maio de 2020, polo que se aproba o Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19
No punto 2 (Ámbito de aplicación) o citado protocolo establece:
No parágrafo terceiro:
“En todo caso, sen prexuízo das medidas de carácter xeral establecidas neste protocolo, que resultan de aplicación a todo o persoal empregado público, e dentro deste marco de referencia, poderanse aprobar outros protocolos ou instrucións específicas de adaptación para determinados colectivos ou áreas de actividade, en atención ás súas peculiaridades e co obxecto de evitar ou minimizar o risco de infección.”
Así mesmo, o parágrafo cuarto dispón que:
“Polo que se refire a aqueles centros e/ou unidades dos ámbitos periféricos que estean sen actividade (ben por non seren esenciais ou ben porque así se decidiu por cuestións de seguridade), as correspondentes secretarías xerais técnicas deberán adoptar a decisión da súa apertura, con carácter previo á reincorporación do persoal, tomando todas as medidas preventivas previstas no presente protocolo.”
E, do mesmo xeito, o último parágrafo do citado punto 2, dispón inescusablemente que:
“Con carácter previo á execución de cada unha das fases que se indican a continuación, cada consellería elaborará un informe conxunto das medidas preventivas adoptadas por cada un dos seus centros directivos e/ou xefaturas territoriais, dos cales se dará traslado tanto aos servizos de prevención de riscos como aos comités de seguridade e saúde laboral do ámbito respectivo.”
Esta organización sindical está a observar que en diversos ámbitos da administración non se está a cumprir as disposición establecidas no citado protocolo, actuándose de forma independente e conculcando o contido do acordo consensuado con CSIF.
En consecuencia, , solicitamos que por esa Secretaría Xeral Técnica se diten unhas instrucións ás Secretarías Xerais Técnicas de todas as consellerías nas que de maneira explícita se recolla:
Primeiro: Que calquera instrución ou protocolo relativo a reincorporación do persoal ou ao reinicio da actividade nos centros de traballo ten que ser ditada pola Secretaría Xeral Técnica correspondente.
Incluída a reincorporación ou reinicio da actividade nos entes instrumentais.
Segundo: Que, con carácter previo a reincorporación de persoal ou reinicio das actividades nos ditos centros tense que proceder necesariamente á realización das medidas preventivas e de adaptación de postos que sexan precisas, dando traslado delas tanto ao Servizo de Prevención de Riscos como aos Comités de Seguridade e Saúde Laboral que corresponda.
Terceiro: Que en tanto non se cumpran con todos os requisitos establecidos no citado protocolo, así como as medidas de prevención da seguridade e saúde laboral dos traballadores non procede a reincorporación dos traballadores nin o reinicio das actividades.
Cuarto: Que as medidas preventivas, de protección, organización do traballo e demais son de aplicación igualmente ao persoal declarado esencial que presta servizos de carácter administrativo ou funcional en edificios administrativos.»