As catro organizacións sindicais acordamos manter as concentracións e instar a inmediata apertura da mesa de negociación. A unidade sindical e a presión dos traballadores, vence pero tamén convence.
A presión sindical e a forza dos traballadores fai rectificar á Política Social e retirar a proposta de vacacións
As organizacións sindicais convocantes esixen a apertura urxente dunha mesa de negociación, xa que consideran que a retirada do bosquexo da instrución de vacacións non é suficiente. As mobilizacións van continuar ata a recuperación dos dereitos recortados.
O éxito das mobilizacións do día onte ante os centros residenciais de Política Social logrou que a consellería recapacitase e retirara a proposta limitativa do dereito de vacacións que, novamente discriminaba ás persoas que traballan nos seus centros. As concentracións, masivas en moitos centros, supuxeron unha lección exemplar de loita e dignidade do persoal dos centros residenciais que foi apoiado en unidade de acción polas organizacións sindicais convocantes.
Dende CIG, CCOO, CSIF e UGT valoramos positivamente a retirada desta proposta que supuña un novo ataque contra este colectivo. Non obstante, entendemos que este xesto por parte da titular da consellería e insuficiente, é solo se pode considerar como un primeiro paso para a recuperación dos dereitos laborais e económicos arrebatados a este persoal dende a entrada en vigor da Lei 1/2012.
As catro organizacións máis representativas no ámbito da Función Pública marcámonos como obxectivos mínimos a alcanzar a curto prazo:
- O incremento de prazas públicas e de xestión directa.
- A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria coa a compensación adecuada e coa mellora das condicións laborais.
- A compensación por festivos e domingos
- A redución da xornada máxima anual e aumento dos cadros persoal para reducir a excesiva carga de traballo.
- A transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa .
Non se pode aguantar máis con cadros de persoal minguados permanentemente, con falta de medios materiais e coa precariedade laboral instaurada dende os recortes da crise anterior nos servizos públicos asistenciais.
Por isto, dende CIG, CCOO, CSIF e UGT, acordamos:
Instar a Fabiola García, titular da Consellería de Política Social, á convocatoria das catro Centrais Sindicais a fin de abrir a correspondente Mesa de Negociación.
Facer un chamamento a todas as persoas traballadoras da Consellería de Política Social a manter a presión nas mobilizacións programadas en tanto a Consellería non acepte recuperar os dereitos laborais
A unidade sindical e a presión dos traballadores, Vence e Convence