Persoal de Educación que está prestar servizos temporalmente en centros de Política Social como consecuencia da Covid-19

CSIF ven de solicitar información sobre o persoal da Consellería de Educación que foi traspasado temporalmente á Consellería de Política Social como consecuencia da evolución da Covid-19.

Ao abeiro da Resolución do 30 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 30 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, a Consellería de Educación e a Consellería de Política Social facilitaron o traspase de diversos empregados públicos  (persoal coidador, de limpeza, camareiros, entre outros) a diversos centros para a atención de necesidades xurdidas pola crise sanitaria da Covid-19.

Así, se ben é certo que a referida medida permite unha duración máxima ata o remate do estado de alarma ou da situación de emerxencia sanitaria, non menos certo é que ditas medidas teñen un carácter excepcional e extraordinario  namentres existan as necesidades que requiriron a referida adopción, pois o contrario suporía unha modificación substancial das condicións de traballo daqueles traballadores afectados nos que non se acreditase a existencia das referidas necesidades motivadas pola crise sanitaria do Covid-19.

Por tal motivo,  e ó abeiro da obriga de comunicación de ditas medidas ás organizacións sindicais tal e como se recolle de forma expresa na referida Resolución, solicítase información precisa e detallada ás Consellerías afectadas, sobre os seguintes extremos:

  • Xustificación acreditativa das necesidades que sustentan as medidas propostas respecto de cada centro e persoal afectado, e no seu defecto e a falla de xustificación, a reincorporación inmediata do correspondente persoal.
  • Información sobre a planificación e programación prevista para o establecemento do período vacacional do persoal afectado.
  • Información sobre o órgano competente, o procedemento e a tramitación correspondente das compensacións por desprazamento e manutención a que ten dereito o persoal afectado.
  • Toda aquela outra información xustificativa e complementaria respecto das diferentes medidas adoptadas.