Novidades en materia preventiva laboral e sanitaria: criterio aplicativo no uso obrigatorio de mascarillas e outras novas.

Novidades en materia preventiva laboral e sanitaria: criterio aplicativo no uso obrigatorio de mascarillas e outras novas.

  1. CRITERIO DE APLICACIÓN DO USO OBRIGADO DE MÁSCARAS PARA CENTROS DE TRABALLO:

O ISSGA , tras a publicación da Resolución do 17 de xullo de 2020, recibiu numerosas consultas relativas a o uso e obrigatoriedade no uso de máscaras nos centros de traballo o que motivou que solicitase á Consellería de Sanidade unha aclaración ó respecto.

Asi, o 27 de xullo, a Consellería de Sanidade resposta a este organismo establecendo os seguintes criterios de aplicación no uso da máscara:

Establécese con carácter xeral o uso obrigatorio de máscara, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal, para persoas a partires dos 6 anos de idade. Dita obriga rexe na vía pública, en espazos ao aire libre, ou en espazos pechados de uso público ou abertos ao público. Por tanto, o determinante será saber se esa oficina está aberta ao público ou non:

  • Se está aberta ao público (se atenden a persoas alleas á actividade/clientes) o uso de máscara é obrigado.
  • Se non está aberta ao público, a Resolución do 17 de xullo (punto 1.3, apartado e) recomenda o uso de máscara nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado.
  • Sen prexuízo do anterior, nos postos de traballo que impliquen atención ao público, o persoal debería usar mascarilla como medida complementaria de seguridade. O mesmo sucede cando o persoal se despraza entre as dependencias, accede a espazos abertos ao público ou frecuentados por outros traballadores, así como cando se asiste a reunións de traballo con outras persoas en espazos pechados.
  • No caso de despachos individuais, mentres se permaneza só nos mesmos non se terá que usar máscara. No momento en que se comparta espazo, habería que poñela.

Sobre as excepcións do apartado 1.3.d, deben interpretarse restritivamente, polo que non é posible establecer a priori un “catálogo” de actividades nas que a natureza da actividade sexa incompatible co uso da máscara. Se iso fose posible o acordo xa as tería enumerado. Deberá propoñerse o caso concreto, coñecer as peculiaridades da actividade específica, e logo a autoridade sanitaria decidiría se tal actividade ten encaixe na excepción.

En consecuencia, dende CSIF entendemos que, ao abeiro dos criterios interpretativos emitidos pola Consellería de Sanidade no que atinxe aos empregados públicos da Xunta de Galicia, non cabe dúbida de que debe dotarse e proporcionárselle a todo o persoal as máscaras protectoras correspondentes, xa que todo o persoal desenvolve en maior ou menor medida tarefas e/ou actividades que comportan o referido uso (atención ao público, acceso a espazos frecuentados por outros traballadores, desprazamento entre dependencias, etc.)

Podes acceder ao texto completo do criterio de aplicación emitido pola Consellería de Sanidade nos seguintes enlaces:

Opción 1: CRITERIO APLICATIVO USO MÁSCARA. Versión pdf.

Opción 2: CRITERIO APLICATIVO USO MÁSCARA. Versión web.

Do mesmo xeito, e por se fose de interese, informámosvos que esta entidade, como órgano de carácter técnico en materia preventiva, dispón de numerosas publicacións e recursos específicos referidas ás actuacións fronte ao Covid-19 por sectores e actividades:

PUBLICACIÓNS ISSGA

2. MEMORIAS DE ACTIVIDADES PREVENTIVAS NA XUNTA DE GALICIA CORRESPONDENTES AO ANO 2019:

Analizada a referida memoria no CISSL, evidénciase un incremento na sinistralidade detectada na Administración Xeral da Xunta de Galicia respecto de exercicios anteriores. As Consellerías de Medio Rural e Política Social seguen a estar na cabeza  no número de accidentes, motivo polo que dende CSIF solicitamos que na vindeira memoria se desagreguen os datos porcentuais e comparativos de determinadas categorías laborais pertencentes a estas consellerías polo seu número elevado de accidentes, tales como Bombeiro forestal, auxiliar de enfermería ou camareiro/a-limpador, entre outras. O SPR comprométese a presentar estes datos desagregados na vindeira memoria.

O Servizo de Prevención de Riscos infórmanos que está seguindo co proceso de desenvolvemento e implantación informática nas súas relacións e servizos, polo que tentará incorporar sucesivamente ao Portax todas aquelas actuacións que os empregados públicos desexen realizar con este servizo. Neste senso, prevese como novidade para o vindeiro recoñecemento médico que, ademais de  facer a solicitude de forma telemática tamén se leve a cabo  por esta vía o consentimento informado de xeito que os empregados públicos xa non teñamos que levar o referido impreso en papel á revisión médica correspondente.

Faise un pequeno análise do impacto que supón a incorporación do persoal do Consorcio ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Política Social tras desaparecer os comités específicos de representación deste órgano (comités provinciais de empresa) e, en consecuencia, os delegados de PRL designados por estes. Así, os delegados de PRL do CISSL da Consellería de Política Social pasan a ser os representantes especializados en materia preventiva para este persoal. Non obstante, a análise específica deste cambio, desenvolverase na comisión de seguimento do acordo en materia de PRL que se prevé para o vindeiro mes de setembro

3. INFORMACIÓN DA CIM RESPECTO DAS MEDIDAS ADOPTADAS NO PROTOCOLO DE REINCOROPORACIÓN DO SEU PERSOAL:

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade infórmanos a través dunha reunión virtual das medidas adoptadas respecto do protocolo de reincorporación do persoal ao seu servizo, no que caben subliñar as seguintes:

A S.X.T solicita cada dúas semanas que os diversos centros da Consellería remitan un informe das necesidades de material que precisan respecto das medidas fronte ao Covid-19, para manter actualizados os recursos dispoñibles.

Non existe constancia de ningunha incidencia no procedemento de reincorporación do persoal destas consellería nas catro provincias galegas.

Respecto do teletraballo, dada a inexistencia dunha regulación específica que permita potenciar esta vía por mor do Covid-19, a consellería infórmanos que, non obstante, favorecerá e potenciará o máximo posible o réxime ordinario do teletraballo.

 Dende CSIF valoramos positivamente o seguimento adoptado por esta consellería para facer fronte ao Covid-19, e con especial mención respecto do teletraballo, toda vez que permitirá non só empregar esta ferramenta como medida preventiva fronte ao Covid, senón como unha verdadeira medida de conciliación que será imprescindible para facer fronte aos efectos da pandemia.