Alegación da CSIF ao Protocolo dos coidadores de Ensino

O persoal coidador só debe atender e ocuparse do alumnado con necesidades educativas especiais

O pasado mes de xullo solicitamos que se negociase cos representantes legais do persoal laboral dos centros de ensino, tales como o persoal de limpeza, de cociña, coidadores ou intérpretes de linguaxe de signos, o protocolo das actuacións e medidas a adoptar fronte ao Covid-19, coa finalidade de que os referidos colectivos tivesen dereito á consulta e á participación nas medidas preventivas que lle afectasen, e así puidesen ofrecer as súas opinións e valoracións ao respecto.

A referida solicitude segue sen considerarse e pola contra propóñense novas medidas neste eido sen ter en conta a opinión destes traballadores.

Así, nas instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud Pública (DOG Nº174 bis do 28-08-2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do cómite clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, recóllese no seu punto 19.4 respecto do uso dos aseos a seguinte indicación “No caso de alumnado da etapa de infantil ou con NEE, o persoal coidador que acompañe ao alumno ao aseo deberá portar as proteccións individuais axeitadas”.

Respecto desta indicación, poñemos no seu coñecemento que o persoal coidador só debe atender e ocuparse do alumnado con necesidades educativas especiais, non sendo da súa competencia acompañar aos aseos a aqueles nenos e nenas da etapa de educación infantil sen NEE, tal e como parece reflectirse do referido punto.

Por tal motivo, solicitámoslle unha nova redacción da referida indicación coa finalidade de que quede perfectamente aclarada a prestación laboral deste colectivo de traballadores no referido ao uso dos aseos, e reiterámoslle a nosa petición da necesidade e conveniencia de que as medidas preventivas que se adopten con estes traballadores sexan obxecto da preceptiva información, participación e consulta laboral.