CSIF solicita a constitución da comisión de seguimento do protocolo de reincorporación presencial

CSIF considera urxente o establecemento de novas fórmulas de teletraballo, de novas medidas de conciliación, dun programa de seguimento post-covid, etc…

Con data de hoxe, a CSIF remitiu o seguinte escrito á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

«No pasado mes de maio ditouse a Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se publicitaba o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de maio de 2020, polo que se aprobaba o Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

Na actualidade, tras o referido proceso de reincorporación, estanse a producir e detectar múltiples e variados gromos por Covid-19 nos diferentes departamentos da Administración Xeral así como nas entidades do sector público autonómico, o que comporta a necesidade de establecer medidas sanitarias de desinfección, corentena e illamento xunto con outras medidas preventivas, organizativas e de coordinación.

Non obstante, non se está desenvolvendo un seguimento, unha actuación e unha coordinación única no control e na actuación destes gromos, toda vez que cada departamento e/ou unidade administrativa informa ou non da aparición destes casos e adopta as medidas que considera axeitadas contando ou non, segundo os casos, coa consulta e participación dos representantes legais dos traballadores.

Segundo as previsións dos diferentes organismos científicos-técnicos e sanitarios o remate do período vacacional xunto co inicio do curso escolar traerá aparellada inevitablemente un incremento na transmisión comunitaria da pandemia e, en consecuencia, a aparición de novos casos que será preciso tratar con precisión.

Do mesmo xeito, e consecuencia desta situación, estanse a incrementar cada vez mais os problemas e as dificultades á hora de establecer os mecanismos que permitan conciliar o traballo dos empregados públicos coa conciliación familiar debido, en grande medida, non só a afectación directa da enfermidade, senón tamén aos procesos de illamento e corentena derivados da aparición destes casos.

Por tal motivo, e ao abeiro do punto 8 da Resolución anteriormente citada, solicítase con carácter de urxencia, a constitución e convocatoria inmediata da comisión de seguimento coa finalidade de abordar todas aquelas medidas necesarias para abordar de forma específica a atención aos empregados públicos da Xunta de Galicia, propoñendo a seguinte orde do día:

  1. O establecemento dun único sistema de rexistro, comunicación e seguimento dos casos e as incidencias derivadas do contaxio por Covid-19 na Xunta de Galicia.
  1. A elaboración de novas fórmulas de teletraballo así como de permisos específicos e/ou medidas flexibles que permitan conciliar a vida familiar e laboral segundo as ausencias directas e indirectas motivadas pola afectación da Covid-19.
  1. A fixación de determinados criterios homoxéneos no emprego das diferentes medidas adoptadas fronte a Pandemia por todos os departamentos da Xunta, e en concreto, na dotación de máscaras con carácter obrigatorio.
  1. O deseño dun programa de seguimento de secuelas post-covid para todos aqueles empregados públicos que fosen declarados positivos por Covid-19. Incorporación, como primeiro paso, dun protocolo específico na prestación da vixilancia da saúde (recoñecemento médico) para o ano 2021.
  1. Outras propostas e medidas, de selo caso.»