Medio Rural négase a convocar ao Comité de Seguridade e Saúde para adoptar novas medidas frente ao Covid-19

A CSIF non asiste a xuntanza e presenta denuncia na inspección de traballo.

No día de hoxe tivemos o coñecemento de 2 novos positivos, e do illamento dunha nova brigada por mor da COVID-19, na provincia de Lugo. Aínda que o Director Xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, non ve necesario convocar aos Comités de Seguridade e Saúde Laboral para completar os protocolos, segundo as súas verbas, “pola baixa incidencia da covid-19” en Medio Rural”, a CSIF esixe a convocatoria extraordinaria, con carácter de urxencia, do CSSL sobre as medidas preventivas fronte a covid-19.

Logo da burla do pasado martes, pola convocatoria dunha reunión desinformativa (saímos con menos información da que xa tiñamos), e a negativa a convocar o CSSL sobre a COVID-19, a convocatoria para hoxe venres 11 de setembro dun CSSL extraordinario para dar conta das alegacións do Acordo Marco sobre a compra da roupa para os Axentes Medioambientais e o Persoal Técnico é un acto de prepotencia da Consellería.

No actual estado de emerxencia sanitaria por mor da COVID-19, con máis de 100 casos en Medio Rural entre positivos e illamentos preventivos que aumentan día a día, Medio Rural demostra un gran menosprezo á seguridade e a saúde do seu persoal. Ninguén lle impide convocar o CSSL, nada máis que a súa prepotencia, e a súa irresponsabilidade.

A roupa do persoal é un asunto de suma importancia, que leva varios anos de retraso polo abandono da Consellería, pero NON CONVOCAR UN COMITÉ EXTRAORDINARIO, con carácter de urxencia, SOBRE AS MEDIDAS PREVENTIVAS FRONTE A COVID-19  DEMOSTRA QUE A CONSELLERÍA VIVE FORA DA REALIDADE ACTUAL.

A CSIF, nun constante exercicio de responsabilidade e de compromiso na defensa da seguridade e saúde do persoal, e ante a actitude de prepotencia e de irresponsabilidade da Consellería, tomou as seguintes decisións:

  • Non imos acudir de palmeros á convocatoria do CSSL de hoxe venres. CSIF xa presentou as alegacións para a compra de roupa no seu memento, e xa coñecemos a resposta da Consellería, a de sempre…..
  • Denunciamos á Consellería de Medio Rural ante a inspección de traballo polo incumprimento continuado da Lei de Prevencións de Riscos Laborais. Cando mexan por riba do persoal, non podemos dicir que chove.

As mentiras teñen as patas moi curtas Conselleiro, ou non recorda o seu ofrecemento a negociar novas medidas preventivas contra a COVID-19. A CSIF non se equivocaba, a Consellería de Medio Rural, e vostede tamén, pecha os ollos e mira cara outro lado….