Facenda, a gran ausente en época de pandemia.

Facenda mantén en situación de incerteza a 46.000 opositores. CSIF insta a Función Pública a que adíe os procesos ata despois de marzo de 2021.

A Dirección Xeral de Función Pública mantense en silencio mentres algo máis de 46.000 opositores viven nunha situación de incerteza e angustia.  Por tal motivo, CSIF instou no día de hoxe a Función Pública a que decrete o adiamento dos procesos convocados e non iniciados ata despois do primeiro trimestre de 2021.

A Consellería de Facenda ten convocados e pendentes de realización multitude de procesos selectivos de corpos xerais para os que xa están nomeados tribunais e aos que están convocadas 36.273 persoas. Así mesmo, hai outras 9.760 persoas inscritas na chamada OPE social.

Isto sen contar os procesos convocados no ámbito do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, aos que están admitidos provisionalmente 8.475 persoas, nin tampouco os procesos de promoción interna dos funcionarios da Administración Xeral.

Ditos procesos tiñan establecida a súa data de inicio a partires da segunda quincena do mes de outubro, segundo información da Dirección Xeral de Función Pública, sempre e cando a situación sanitaria así o permitise.

Segundo datos do propio SERGAS, a evolución da pandemia en Galicia continúa á alza. De feito, o número de positivos na última semana é superior aos detectados no momento máis álxido da primeira onda.

A OMS determina que, para controlar a pandemia , a incidencia acumulada (casos por 100.000 habitantes) nos últimos 14 días debe situarse por debaixo de 50. A partir de 100, a situación é grave e a partir de 250 moi perigosa. Pois ben, a incidencia acumulada na Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos 15 días é de 137 positivos cada 100.000 habitantes. Polo tanto, Galicia atópase en situación grave de pandemia.

No DOG do 14 de outubro, a Consellería de Sanidade publicou varias ordes de medidas de prevención como consecuencia da evolución epidemiolóxica, tanto a nivel de Comunidade Autónoma como referida a concellos específicos. A maiores, son xa varios os municipios galegos afectados pola limitación de mobilidade.

E todo apunta a que a tendencia é de manterse a alza, lonxe de remitir ata unha situación de normalidade.

Está situación fai que os milleiros de persoas inscritas nos procesos selectivos estean a vivir unha situación insostible de incerteza e inquedanza. Situación que se traduce nun grande desgaste físico e emocional. Pois, a pesares do compromiso do Director Xeral de Función Pública de anunciar cunha antelación dun mes o inicio dos primeiros exercicios de cada oposición, é imprevisible neste ambiente establecer calquera cronograma a curto prazo que sexa minimamente real.

Conscientes do contexto actual, e nun exercicio de verdadeira responsabilidade e precaución, a Universidade da Coruña ven de decretar o aprazamento dos seus procesos selectivos ata, polo menos o 1 de marzo de 2021. Procesos aos que estaban convocados en total 3.500 aspirantes (menos do 10% dos aspirantes convocados pola Consellería de Facenda)

Por tal motivo, dende a CSIF instamos á Dirección Xeral de Función Pública a que sen máis dilación dite resolución pola que expresamente se adíe o inicio de calquera proceso selectivo convocado e non iniciado ata despois do primeiro trimestre de 2021. Todo elo a fin de dar certeza a seguridade a todos os opositores, permitirlles organizar a súa vida familiar e laboral e sacalos desa situación de desgaste físico e angustia.

O que en ningún caso é admisible e o mantemento desta permanente situación de silencio por parte da Consellería de Facenda que está a provocar unha auténtica tortura emocional aos milleiros de opositores e ás súas familias.