Positivos en Covid-19 un dos participante nos procesos de funcionarización e a súa cónxuxe.

A Xunta convocou en Silleda a cerca dun milleiro de traballadores cando xa tiña decidido o confinamento de Ourense e Barbadás.

O pasado fin de semana Función Pública convocou en Silleda a cerca dun milleiro de traballadores para realizar o primeiro proceso de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

CSIF, xunto coa inmensa maioría dos traballadores convocados, denunciaba a temeridade de Función Pública e das organizacións sindicais CCOO e UGT por realizar ditas probas na actual situación de crise sanitaria, así como o risco de xuntar a traballadores provenientes de todas partes de Galicia nun concello suxeito a un réxime de limitacións por brote de Covid-19.

Pois ben, segundo poido saber CSIF, un dos traballadores participantes nos procesos de funcionarización, que non tiña sintomatoloxía ningunha no día da realización da proba, tivo que ser ingresado de urxencia este martes, 6 de outubro por unha afectación especialmente virulenta do Covid.

Unha vez feita a PCR con resultado positivo, fáiselle a pertinente proba a súa cónxuxe, tamén empregada pública da Xunta de Galicia noutra consellería, dando igualmente resultado positivo.

O absurdo protocolo de Función Pública avaliado pola Subdirección de fomento de estilos de vida saudable

A pesar de que as normas xerais ditadas por Función Pública para a realización das probas de funcionarización establecía que “As persoas aspirantes que teñan síntomas compatibles con COVID-19, se lles teña diagnosticada a enfermidade e estean en illamento ou en corentena por contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada nos últimos 14 días, non poden acceder ao recinto”, as autoridades sanitarias xa viñan advertindo que unha grande parte do casos detectados de Covid eran de persoal que non tiñan ningún síntoma. É dicir, persoas que están a facer unha vida normal durante catro ou cinco días sen que saiban en ningún momento que están contaxiando a outros.

Polo tanto, tal e como denunciaba CSIF, o risco de contaxio existía, era real e máis que probable. A así foi…

As incongruencias da Xunta e do seu Presidente. A campaña “Saiamos disto con sentidiño”

A Xunta de Galicia ten posta en marcha dende fai un tempo a campaña “Saiamos disto con sentidiño. Non tiremos pola borda o traballo feito ata agora”. Campaña pola que insta a poboación nas medidas básicas de protección fronte ao Covid-19.

Pola súa banda, o propio Presidente da Xunta de Galicia afirmou no día de onte que “cando os contaxios están vinculados a reunións familiares ou de amigos é moito máis difícil combatelos”

Sen embargo, na convocatoria de Silleda, Función Pública lonxe de actuar con sentidiño actuou cunha total irresponsabilidade, pois era consciente de que a pesares de calquera protocolo, cando se convocan para un proceso a ducias ou centros de persoas que son compañeiras e, en moitos casos amigos, é imposible garantir que non se agrupen entre eles para comentar as incidencias derivadas dos procesos.

E cando son os propios poderes públicos os que actúan sen sentidiño, malamente imos saír disto.

As presas de CCOO e UGT por que se fagan canto antes as tomas de posesión como funcionarios.

Na primeira convocatoria dos procesos de funcionarización dos días 3 e 4 de outubro participaron os responsables de CCOO y UGT que asinaron o Acordo de concertación. Acordo no que venderon e traizoaron á practica totalidade dos empregados públicos da Xunta de Galicia.

Eles son dos poucos traballadores que sí tiñan interese por funcionarizarse dada a súa específica situación laboral.

Segundo poido saber CSIF, ditas persoas están agora presionando ao Director Xeral de Función Pública para que se realicen as toma de posesión como funcionarios dos participantes dos días 3 e 4 de outubro canto antes; sen esperar a que finalicen a totalidade dos procesos selectivos e, sobre todo, antes de que se coñeza a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o Conflito Colectivo presentado por CSIF para que todo o persoal laboral poida ser beneficiario da carreira profesional sen necesidade de funcionarizarse.

Facenda coñecía os plans da Xunta para confinar a cidade de Ourense.

O fin de semana no que se realizaron os primeiros procesos de funcionarización, Facenda xa era coñecedora dos plan do goberno galego de confinar a cidade de Ourense nos próximos días. A declaración de confinamento estaba pendente unicamente da reunión formal do comité clínico pero a decisión estaba xa practicamente tomada.

E Facenda tamén sabía que aos ditos procesos de consolidación estaban convocados traballadores que prestan servizos nesa cidade. E que moitos deles dan atención directa a usuarios especialmente sensibles.

Aínda así, Facenda e os sindicatos CCOO e UGT mantiveron o seu empeño na realización das probas de funcionarización. Probas de funcionarización ás que a inmensa maioría dos traballadores se presentaron baixo a coacción de quedar sen o dereito ao cobro da carreira profesional e de ter que devolver os importes xa percibidos.

E agora que cada un asuma as súas responsabilidades, aínda que só sexan morais.