O Director intenta silenciar as intervencións da CSIF cando non son do seu agrado ou critican as políticas de emprego público.
CSIF ven de presentar escrito de queixa ante o Conselleiro de Facenda polas situacións de anomalía que de maneira recorrente se están a producir no desenvolvemento das Mesas Xerais de Negociación de Empregados Públicos e da Comisión de Persoal, no que atinxe aos tempos dados aos membros das organizacións sindicais para o uso da palabra nas súas intervencións, así como ao que se refire ás réplicas nos casos de alusións directas.
Por norma xeral, o Director de Función Pública, que exerce a presidencia da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e da Comisión de Persoal, cede a palabra aos representantes das organizacións sindicais sen establecer un tempo máximo para cada intervención.
O uso da palabra das organizacións sindicais.
En non poucas ocasións, os membros das organizacións sindicais entran en debates que nada teñen que ver co contido dos puntos da orde do día. Debates incluso de carácter político que, á súa vez, teñen resposta polo propio Director. Debates que, en moitas ocasións, son totalmente alleos á orde do día así como aos restantes membros da Mexa Xeral ou da Comisión de Persoal. E todo elo sen limitación de tempo, sobre todo cando as intervencións son feitas polos representantes dos sindicatos que asinaron o Acordo de concertación (CCOO e UGT).
Pero elo coa excepción de cando o intervinte é un representante da CSIF.
Por norma xeral, as intervencións da CSIF no seu uso da palabra van precedidas pola “exixencia de brevidade” por parte do Director; ou son interrompidas, sacándolle a palabra, antes de poder finalizar coa exposición. Incluso cando a exposición se ciñe estritamente aos puntos da orde do día.
Isto ultimo sucede cada vez que o representante da CSIF, no exercicio lexítimo da súa función sindical, é critico coas propostas de Función Pública en materia de emprego público; ou pon en evidencia carencias ou inxustizas en materia de persoal.
A impunidade das acusacións que o Director fai a CSIF
Así mesmo, CSIF denuncia que nas reunións, tanto de Mesa Xeral como de Comisión de Persoal, o Director Xeral de Función Pública utiliza o seu dereito ao uso da palabra para facer alusións directas a esta organización sindical ou ao seu representante. Alusións ás que non da dereito á réplica, levantando a sesión inmediatamente despois da súa intervención.
Alusións que, para CSIF, son totalmente inxustificadas e están fora de lugar. A modo de exemplo, na Mesa Xeral de Empregados Públicos do pasado 19 de novembro, o Director acusou publicamente a esta organización de publicar “informacións falsas sobre cuestións de moita gravidade, podendo incorrer en responsabilidades”. Pero, sen facer referencia a ningunha publicación en concreto e, sobre todo, negándolle a réplica ao representante da CSIF para poder solicitar explicacións sobre tal acusación. Máxime todo elo, cando todas as informacións publicadas pola CSIF son totalmente veraces e axústanse á realidade. As informacións publicadas pola CSIF poden ser críticas nalgunhas ocasións e molestar a algúns membros do goberno, pero sempre son certas.
Por isto, CSIF solicitou ao Conselleiro de Facenda que se deran instrucións ao Director Xeral de Función Pública para que no exercicio das súas funcións como presidente da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e da Comisión de Persoal se estableza:
a) Os tempos totais de que dispoñen as organizacións sindicais para facer as súas intervencións, con independencia do número de persoas que interveñan por cada unha delas.
b) O dereito á replica por alusións directas ás organizacións sindicais ou a algún dos seus representantes. Elo tanto se as alusións proveñen por parte da administración ou doutra organización sindical.
“Cando los gobernantes pierden la vergüenza,
los gobernados pierden el respeto.”