Últimas novas da Dirección Xeral de Emprego Público. Están traballando!

A Directora Xeral de Emprego Público informa sobre os “grandes avances” do seu departamento nos concursos xeral e específicos de traslados, procesos selectivos, promoción interna, carreira profesional, etc. etc.

Na última xuntanza, que tivo lugar o día 16 de outubro, preguntamos polos concursos de traslados, polos procesos selectivos incluída a promoción interna de corpos xerais, polas eleccións de destino, pola carreira profesional e pola posta en marcha do concurso específico. A directora xeral ten resposta para todo. O problema é que a resposta é sempre a mesma.

Sobre o concurso de traslados: “Estamos traballando niso.” Sobre os procesos selectivos: “Estamos traballando de acordo cos calendarios previstos.” Sobre a carreira profesional: “Estamos traballando e aínda estamos en prazo”. Sobre o concurso específico: “Estamos traballando xunto coas consellerías para a súa posta en marcha

Non temos dúbida de que están traballando. Pero, se cadra, había que por a traballar a máis xente, porque os meses (nalgún caso os anos…) van pasando e os procedementos seguen encallados.

En definitiva, traballar traballarán, pero informar non informan e moitos asuntos parecen abandonados á súa sorte.

Por outra banda, negociamos a Lei de medidas administrativas para o ano 2025, no que se refire a materia de persoal empregado público. Ou iso é o que nos queren facer crer. A proposta da administración chegounos unhas horas antes da xuntanza, polo que non houbo maneira seria de facer outra cousa que léela, atentamente.

En calquera caso, non se contemplan as reivindicacións que vimos facendo dende hai tempo, que deberían ser recollidas neste momento e que teñen que ver coa recuperación de dereitos que nos foron subtraídos como:

  • Recuperación do fondo de acción social.
  • Artigo 19 do convenio colectivo.
  • Promoción interna temporal.
  • Excedencia voluntaria por nomeamento provisional.
  • Novo modelo de promoción interna e incluso de acceso ao emprego público.
  • Aplicación do acordo de segunda actividade do persoal laboral do SPIF ao persoal funcionario namentres non se desenvolva un acordo específico para este persoal.

Fixemos especial fincapé nos problemas detectados nos Baremos da Lei 20/21, e solicitamos unha reunión urxente para tratar de atopar solución aos moitos problemas atopados.

Insistimos na Carreira Profesional e no compromiso contraído pola administración de implementar o Grao III de Carreira neste semestre. Neste punto infórmasenos dende a Dirección Xeral de Orzamentos, que o abono dos complementos e do III Grao de Carreira están contemplados nos Orzamentos para o ano 2025, que a Xunta presentará no Parlamento de Galicia.

Tamén se informou de novidades, por exemplo, para acceder aos departamentos territoriais. O que eran as xefaturas territoriais xa non estarán reservadas a persoal funcionario. Parece que da promoción en outros ámbitos sí que se ocupan…