Promoción interna 2023: Os feitos falan por si sós

Todos os sindicatos coñeciamos a problemática de incluír a Promoción Interna 2023 na planificación conxunta a raíz da información facilitada pola DXEPAP. A CIG non informou ao colectivo afectado ata que CSIF, CC.OO e UGT reclamaron unha solución pública.

Os feitos falan por si sós.

Nos derradeiros días, a CIG impulsou unha campaña para modificar o calendario inicialmente previsto pola Administración e forzar a incorporación simultánea da Promoción Interna 2023 co resto dos procesos.

Cando finalmente a Administración acepta dita inclusión e traslada as consecuencias prácticas da nova planificación, aparece un problema evidente: persoas da promoción interna poden verse prexudicadas e perder dereitos que non corrían perigo no escenario inicialmente previsto.

Neste escenario por que a CIG:

• non informou ao colectivo?
• non advertiu publicamente do risco existente?
• non trasladou ningunha información clara ás persoas que podían verse prexudicadas?
• non denunciou as consecuencias da nova situación?

Mentres tanto, CSIF, CC.OO e UGT fixemos o que consideramos que é a nosa obriga: informar, explicar o problema e reclamar unha solución inmediata para evitar prexuízos ao persoal afectado.

Resulta paradoxal que a primeira reacción pública da CIG non fose explicar ao colectivo afectado o escenario que xa coñecía desde días antes, senón atacar ás organizacións sindicais que fixeron pública esa información e que esixiron unha solución.

Quen representa aos traballadores e traballadoras ten a responsabilidade de informar con transparencia, asumir as consecuencias das posicións que defende e trasladar información veraz e contrastada ás persoas afectadas.

O que non parece aceptable é promover un cambio, coñecer os problemas que ese cambio provoca, gardar silencio mentres o colectivo permanece desinformado e reaccionar unicamente cando outros sindicatos fan pública a situación e reclaman solucións.

Calquera colectivo de traballadores e traballadoras merece información, transparencia e organizacións sindicais que asuman as súas responsabilidades. E non converterse en instrumentos dunha estratexia sindical baseada na confrontación permanente.

Dúas alternativas. Ningunha boa

Como resposta á petición de solucións trasladada polas nosas organizacións sindicais, a DXEPAP puxo enriba da mesa dúas posibles alternativas para resolver a situación creada.

Por unha banda, a opción derivada da modificación do calendario promovida pola CIG, coa consecuente coincidencia dos distintos procesos e cos efectos negativos sobre os dereitos dunha parte do persoal que xa foron amplamente explicados.

Por outra, volver ao calendario previsto: manter a toma de posesión do concurso de traslados e diferir durante un breve período de tempo o acto de elección de destino e a toma de posesión da Promoción Interna 2023, permitindo así que as persoas afectadas xa estean incorporadas aos postos obtidos no concurso no momento de exercer os seus dereitos derivados da promoción interna.

É certo que a estas alturas xa non existe unha solución óptima, xa que os atrasos acumulados, a falta de previsión e os continuos cambios de criterio provocaron que o escenario máis favorable para o persoal desaparecese.

Hoxe xa non estamos a escoller entre unha solución boa e outra mala; estamos a escoller entre dúas alternativas imperfectas para intentar minimizar os danos dunha situación creada pola propia Administración.

Non estamos, polo tanto, ante un debate teórico nin ante unha polémica sindical. Estamos ante a elección entre dúas alternativas posibles para resolver un problema real.

CSIF, CC.OO e UGT temos claro que a nosa obriga é defender aquela que mellor protexa os dereitos das persoas afectadas e que evite prexuízos innecesarios ao persoal empregado público, e polo tanto consideramos que a solución menos mala é manter a toma de posesión do concurso de traslados nas datas previstas e diferir durante un breve período de tempo —apenas unhas semanas— o acto de elección de destino e a toma de posesión da promoción interna.

Deste xeito, as persoas afectadas xa estarían incorporadas ás prazas obtidas no concurso no momento de exercer os seus dereitos derivados da promoción interna, eliminando de raíz o problema creado e evitando calquera prexuízo.

 COMUNICADO CCOO-CSIF-UGT PROMOCION INTERNA