CSIF denuncia que a reestruturación de Emprego deixa 40 postos menos sen estudos de cargas que o xustifiquen

A Consellería de Emprego reuniu onte as organizacións sindicais para presentar a nova proposta de modificación da súa RPT.  A proposta supón unha reestruturación da Consellería e na reunión debatéronse o modelo unificado de oficinas de emprego, os niveis retributivos, a situación do persoal interino e os sistemas de provisión dos postos. CSIF reclamou estudos de cargas de traballo que xustifiquen as amortizacións -que corresponden algo máis do 77% ás oficinas de emprego- e conseguiu que as xefaturas abertas a outras administracións pasen de 22 a 11.

A proposta da Consellería

Os documentos recollen unha profunda reestruturación organizativa da Consellería, que afecta aos servizos centrais, aos departamentos territoriais e ás oficinas de emprego. As principais novidades son:

  • Oficina de Atracción de Talento, para combater o reto demográfico mediante a captación de man de obra estranxeira e a xestión de permisos de traballo.
  • Centro de Orientación, Emprendemento e Innovación (COE).
  • Novo modelo funcional nas oficinas de emprego, que redefine as figuras de coordinador/a e de xestor/a de emprego, así como os requisitos e niveis das direccións das oficinas.

Cambios nos postos de traballo

A proposta inclúe creacións, amortizacións, recodificacións e cambios nos sistemas de provisión que, segundo a Consellería, buscan unha maior profesionalización e eficiencia:

Servizos centrais Oficinas de emprego Total
Postos creados 66 56 122
Postos amortizados 37 125 162

Ademais, modifícanse os códigos de case 1.000 postos pola nova estrutura da Consellería.

Medidas expostas pola Administración

  • Reclasificación retributiva e de postos base. Ratifícase a suba dos 130 postos de Orientación e Prospección Laboral do nivel 18 ao 20. Os antigos postos base de niveis 12, 14 e 16 transfórmanse en xestor/a de emprego, con nivel 18.
  • Máis postos de coordinación. As coordinacións de área (nivel 22) pasan das 30 previstas inicialmente a 70, polos reaxustes derivados das tomas de posesión e dos concursos.
  • Persoal interino. A Administración explicou que optou pola reclasificación directa das prazas, en lugar de amortizalas e crealas desde cero (“folio en branco”), para evitar o cesamento masivo inmediato de persoal interino. Con todo, admitiu que nas sedes onde hai amortizacións puras haberá cesamentos do persoal interino que ocupa eses postos.

O que conseguiu CSIF

Tras as alegacións de CSIF, a Consellería reduciu os postos abertos a outras administracións (código A11). Nas xefaturas de negociado dos servizos centrais, a proposta inicial abría 22 prazas. Agora ábrense 11, e as outras 11 quedan reservadas en exclusiva para a Administración xeral da Xunta de Galicia (AXG).

O que reclama CSIF

CSIF insistiu nas alegacións presentadas:

  • Balance negativo. A reestruturación deixa 40 postos menos (162 amortizacións fronte a 122 creacións). Algo máis do 77 % das amortizacións corresponden ás oficinas de emprego.
  • Estudos de cargas de traballo. Non hai informes obxectivos de cargas por oficina que xustifiquen por que se amortizan postos nalgunhas sedes, como Burela, Chantada, Mondoñedo ou Santiago, mentres noutras non se suprime ningunha praza.
  • Concurso ordinario para os postos de nivel 25. CSIF entende que o sistema de provisión para estes postos debe ser o concurso ordinario, e non o específico.
  • Mesmo nivel para as coordinacións de Orientación, uniformizándoo no nivel 25.
  • Coordinador/a de oficina en todas as oficinas. Esta figura non existe nas 10 máis pequenas. Iso reduce as posibilidades de carreira profesional do seu persoal e pode empeorar o servizo durante as vacacións ou baixas da dirección.
  • Coordinador/a de Emprendemento no COE. Polas funcións asignadas ao centro, CSIF considera que debe contar con este posto, co mesmo nivel que o de coordinador/a de Orientación (N25 / A1-A2 / XERAL-XSO-XMO).
  • Corrección dos erros detectados entre algúns grupos e escalas.

Un caso concreto

Unha compañeira de CSIF expuxo na reunión como afecta a reestruturación nunha das oficinas. Hai traballadoras e traballadores con moitos anos de antigüidade que, tras tomar posesión recentemente, quedaron en postos de nivel 20 “a extinguir”. Ao mesmo tempo, compañeiros do mesmo proceso pasaron a coordinacións de nivel 22 na mesma oficina ou centro. A Administración recoñeceu que hai distorsións puntuais e comprometeuse a examinar e corrixir os agravios individuais que se poidan demostrar.