O pasado 25 de novembro celebramos unha nova reunión coas Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Economía e Industria. Esta última incorporouse por primeira vez á negociación, a pesar de que as demandas do colectivo de Axentes Ambientais lle foran trasladadas hai case un ano.
E o resultado? Pois pouco máis que nada.
Despois de solicitar a apertura das mesas de negociación en 2025, de adiar a manifestación convocada tras o compromiso da Administración de iniciar as conversas e de manter unha única reunión coa Consellería de Medio Ambiente, atopámonos agora con que ningunha das dúas consellerías trae propostas nin ten avanzado o traballo.
As explicacións tampouco son novas: que na Consellería de Medio Ambiente acaba de chegar un novo equipo e necesita tempo para estudar as propostas; que na de Economía e Industria «están a miralo». E mentres tanto, o colectivo segue esperando.
Como se non tiveramos dado tempo dabondo! Como se as demandas non estivesen enriba da mesa desde hai meses!
UN ACORDO XA ASINADO QUE DEBE CHEGAR A TODA A ESCALA
As tres organizacións sindicais (CSIF, CCOO e UGT) que asinamos o acordo para este colectivo na Consellería do Medio Rural temos claro cal debe ser o punto de partida: aplicar nas Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Economía e Industria as mesmas condicións recollidas no preacordo asinado no Medio Rural, para todos os postos das escalas de Axentes Ambientais.
Isto non significa dar por pechadas outras cuestións pendentes. Hai que seguir avanzando tamén na revisión dos contidos dos acordos de 2019, nos cuadrantes de servizo, na integración no 112, no regulamento de funcións —que parece o día da marmota— e no resto de cuestións que afectan a estas escalas.
OUTRA VEZ A ESPERAR… PERO A PACIENCIA TEN UN LÍMITE
A única resposta concreta das consellerías foi comprometerse a unha nova reunión aló polo 12 de xaneiro de 2027.
Non podemos aceptar que, despois de case un ano, a Administración siga sen facer os deberes. O colectivo xa esperou dabondo e non precisa de máis explicacións nin de novos compromisos para o futuro: precisa avances e solucións.
Os tres sindicatos seguiremos reclamando e actuando para que se cumpra o acordado e que as condicións negociadas no Medio Rural se fagan extensivas ao conxunto das escalas de Axentes Ambientais.
Seguiremos informando.
