Equiparación salarial, bases de contratación e reforzo de persoal, temas abordados co Consorcio de I+B

ConsorcioREUNION DA CSI•F, CC.OO E UXT CO XERENTE DO CONSORCIO DE I+B (01/06/2016) 

Abordáronse os seguintes temas:

Listas de Contratación:  Este é o tema principal sobre o que xirou a reunión. Na actualidade conviven diferentes listas con diferentes ámbitos de aplicación. O xerente manifesta a necesidade de refundilas para mellorar a xestión dos chamamentos. Pero para tal modificación precisan dun acordo coas Organizacións Sindicais.

Ao parecer, o Consorcio ten autorización da Dirección Xeral de Función Pública para actualizar e abrir as listas existentes, pero sen mudar as bases das mesmas. O sistema que propón a xerencia o de unha única lista de ámbito provincial por categoría. Con respecto aos Servizos Centrais o ámbito proposto sería o autonómico en vez de provincial.

A este respecto, as tres OO.SS manifestámonos dacordo.

Novas bases de contratación. En breve se trasladará ás OO.SS. unha proposta para que se formulen as alegacións oportunas. Non obstante, e para axilizar a súa posta en marcha, dende a xerencia se solicita que as alegacións sexan consensuadas previamente coas OO.SS. A intención do xerente e que as novas bases estean publicadas despois do verán.

En calquera caso, dende a CSI•F esixiremos que que as novas bases pasen por un sistema onde as listas sexan totalmente transparentes e públicas.

Convenio Colectivo para o persoal do Consorcio de I+B. Obviando o discurso demagóxico por parte dalgunhas das OO.SS asistentes á reunión, a única realidade é a seguinte:

  • A principal eiva é o aspecto económico: ata o de agora, os orzamentos do Consorcio viñan sendo deficitarios ano tras ano debido a falta de ingresos, toda vez que os concellos adheridos ao Consorcio non pagaban o que lles correspondía. Tras o acordo coa Fegam parece ser que o aspecto económico está encarrilado, pero son precisas unha serie de modificacións lexislativas para o aseguramento destes ingresos de xeito que, no caso de que algún concello non abone o que lle corresponde se lle poida detraer do que lle correspondería do fondo de cooperación local. Namentres non se leven a cabo estas modificacións lexislativas e non estea garantida unha estabilidade orzamentaria non se poderá avanzar na negociación dun convenio.
  • O Xerente do Consorcio ten claro, o así o manifesta, que é preciso mellorar as condicións laborais e salariais do persoal do Consorcio e que estas melloras hai que regulalas vía un Convenio Colectivo. Pero neste momento non se plantexan si sería un Convenio propio o mediante a adhesión ao V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia. Manifesta que cando chegue o momento se negociará coas OO.SS o que sexa necesario para mellorar as condicións de todo o persoal. Pero reitera que todo está parado e condicionado polo tema económico.
  • Despois dun debate sobre a integración do persoal do Consorcio como persoal da Xunta de Galicia, sobre a homologación de condicións ás do persoal laboral da Xunta de Galicia e si sobre Convenio propio ou V Convenio da Xunta, o Xerente volve a insistir na necesidade de acadar melloras para o persoal tendo como referencia ao persoal laboral da Xunta de Galicia. Pero a conclusión, e así o manifesta, é que hai unhas eleccións autonómicas en outono e que non está en disposición de dicir nin unha cousa nin a contraria.

Postura da CSI•F:

Con independencia das eivas orzamentarias alegadas polo Xerente do Consorcio de I+B, con independencia das modificacións lexislativas necesarias para garantir o pago do concellos e con independencia de que nos atopemos en vésperas dunhas eleccións autonómicas, a homologación, polo menos salarial, do persoal do Consorcio ao persoal da Xunta de Galicia é obrigada, pois así o dispón unha lei autonómica aprobada por este goberno: a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

E neste sentido, a CSI•F, en data 29 de novembro de 2015, solicitoulle ao Conselleiro de Facenda a aplicación inmediata da Disposición Transitoria Sexta da Lofaxga:

“En relación co persoal regulado no titulo III desta lei (Consorcios Autonómicos) cuxo réxime xurídico lle asigne retribucións inferiores ás establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia para as correspondentes categorías procederase, nun prazo de dous anos desde a aprobación desta lei, a negociar coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos a aplicación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Esta aplicación terá en conta a situación orzamentaria e poderá establecer un calendario de homologación para proceder a esa equiparación, que se fixará tras a negociación previa coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos”.

Entendemos pois, e así o esiximos, a inmediata convocatoria da Mesa Xeral de Empregados Públicos a fin de iniciar as negociacións tendentes a establecer un calendario de homologación para proceder a equiparación salarial do persoal do Consorcio de I+B, toda vez que teñen unas retribucións inferiores ás establecidas no V Convenio Colectivo e tendo en conta as reiteradas manifestacións feitas públicas, tanto a través dos medios de comunicación como no propio Parlamento de Galicia, polo propio Presidente da Xunta de Galicia como polo Conselleiro de Facenda, no sentido de que en Galicia están cumpridas as previsións de recuperación económica e superación da crise económica.

E de non facelo así, o goberno galego estaría a conculcar o mandato do Parlamento de Galicia mantendo unha situación de agravio comparativo cos traballadores do Consorcio. A discriminación que afecta ao persoal do Consorcio, con respecto ao da Xunta de Galicia, oscila entre un 36% e un 29% en función dos grupos profesionais. Situación que comenza a ser insostenible e, sobre todo, inxustificada, toda vez que a situación económica si permite comezar o proceso de homologación.

E todo elo independentemente da negociación do Convenio para o persoal do Consorcio.

Situación dos SS.CC:  Con ocasión da reunión coa Xerencia, CSI•F tivo ocasión de comprobar o estado de colapso no que se atopa o departamento de persoal dos SS.CC do Consorcio. Na actualidade estanse a tramitar unha media de 2.000 contratos ao mes motivados por baixas, vacacións, etc. Para elo o Consorcio destina unicamente dúas persoas para facer os chamamentos para toda Galicia e unha persoa para tramitar as altas e baixas na Seguridade Social así como para elaborar os partes de nóminas de todo o persoal. Faise preciso con carácter de urxencia dotar a este Departamento con máis persoal estrutural. E así o esixirá a CSI•F á Xerencia do Consorcio. Doutro modo, todas as melloras que se poidan facer no sistema de contratación non valerán para nada.