Orde do día da Comisión de Persoal do 19/07/2016
1.- Proposta de modificación da RPT da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
Na proposta que se envía para a aprobación en Comisión de persoal non hai diferencias significativas coa que xa se presentou para mesa xeral.
Por parte da Consellería de Infraestruturas se retira a amortización dunha praza de Limpador/a e polo que respecta ao capítulo das creacións, créanse un total de 2 postos de persoal funcionario, en concreto unha xefatura de sección na xefatura territorial de Lugo e un posto base do subgrupo A1 no Xurado de Expropiación de Galicia para dar cumprimento a unha sentenza pola que se declara a condición de persoal indefinido non fixo dun traballador que desenvolvía tarefas de informático.
Por outra parte, a Consellería propón incorporar un complemento específico diferenciado polo que se retribúen as tarefas de condución ademais das propias do posto de traballo, para o persoal da Agrupación profesional de Subalternos, segundo o previsto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de outubro de 2006, para o persoal funcionario e laboral ao servizo da administración da Xunta de Galicia”.
A Consellería de Infraestruturas interpreta o dito acordo e propón incluír o dito complemento de condución nun total de 3 postos de Subalternos nos que contou co acordo do persoal afectado, retirando a proposta inicial de incorporalo a outros dous postos máis. Ademais, entende que se pode incluír como mérito e non como requisito imprescindible, e solicita, polo tanto, a substitución do requisito imprescindible de carne de conducir para outros tres postos da dita AP, dous de subalterno/a e un de porteiro/a maior que contaban con este requisito imprescindible.
Finalmente a inclusión dos complementos implicará que o carne de conducir se inclúa como requisito imprescindible, xa que así o establece o informe da DX de Función Pública, que alega, que de incluírse como mérito podería darse o paradoxo de que se percibise un complemento que retribúe unhas funcións que non se realizan. O informe da DX de Avaliación e Reforma Administrativa non obxecta nada ao dito mérito.
- Sentido do Voto
CIG | En Contra |
CC.OO | En contra |
CSI•F | Abstención |
UXT | En contra |
2.- Proposta de modificación da RPT de Política Social.
Os representantes sindicais de CSI•F na Mesa de Negociación poñen en valor a disposición negociadora mantida polo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Política Social nas dúas últimas xuntanzas, e polos demais representantes da administración, e valoran especialmente o capítulo de creacións a pesar que son aínda insuficientes. Entendemos e esperamos que queda un longo percorrido para acadar unha RPT que permita a axeitada dotación dos centros de servizos sociais e a prestación dun servizo público de calidade en materias de tanta transcendencia para a sociedade galega. O noso voto é, en realidade, un voto de confianza no compromiso negociador dos responsables actuais da dita Consellería.
- Sentido do Voto
CIG | En contra |
CC.OO | En contra |
CSI•F | Abstención |
UXT | En contra |
3.- Proxecto de Decreto polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos.
A modificación proposta supón un aforro do gasto público ao funcionar dous organismos como un solo e aportar un considerable aforro de cartos sobre todo en materia do aluguer que se pagaba polas instalacións do Consello Galego da Competencia. Dito aforro pode ser unha realidade, pero sería maior eliminando o Consello Galego da Competencia, que supón ata un total de 7.500 euros de gasto por vogal do mesmo, e cuxas tarefas e “dictamenes” poden encomendarse a empregados públicos que, á vista das resolución que se poden examinar na propia páxina web do dito Consello, están sobre cualificados para a tarefa. Aínda así constátase un importante recorte nas retribucións ou compensacións que recibirán os ditos vogais, e cuxa eliminación necesitaría dunha modificación lexislativa que esperamos se produza en aras de unha mellor e máis eficiente xestión do gasto público.
- Sentido do Voto
CIG | En contra |
CC.OO | Abstención |
CSI•F | Abstención |
UXT | A favor |
4.- Proposta de acordo da DX de Función Pública e as organizacións sindicais para o recoñecemento do tempo do servizo militar para o cómputo dos trienios do persoal laboral do V Convenio Colectivo da Xunta de Galicia.
Dende a CSI•F solicitamos que se inclúa un cuarto punto no acordo ou no seu defecto unha cláusula que deixe claro que a sinatura do mesmo non impide de ningún xeito facer unha reclamación por aqueles que o consideren oportuno nin renuncia ás xa presentadas, e que se clarexe ao longo do texto que a prestación social substitutoria entra dentro do concepto de “e equivalente” do que se fala ao longo do texto.
Sería desexable que se extendese este recoñecemento ao persoal funcionario, aínda que este acordo unicamente alcanza ao persoal laboral. O directos xeral da función pública refire, sen embargo, que o persoal funcionario conta cun réxime de persoal diferente e en todo caso habería que estudiar esta posibilidade á vista da lexislación básica. En todo caso, esiximos que se poña en marcha o dito estudio para que non se constate unha situación de discriminación de ningún empregado público.
- Sentido do Voto
CIG | A favor |
CC.OO | A favor |
CSI•F | A favor |
UXT | A favor |
5.- Proposta de modificación da RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Proponse unha modificación moi parcial da relación de postos de traballo para a creación de dúas subdireccións, coas seguintes características:
Código | Denominación | Nivel | Forma provisión | Subgrupo | Corpo/Escala | Adscr. | Formación específica |
IN.C02.00.001.15770.001 | Sub.x.de Coordinación Administrativa | 30 | LD | A1 | XERAL | A11 | 640 |
IN.C02.00.002.15770.001 | Sub.x.de Coordinación Económica | 30 | LD | A1 | XERAL | A12 | 640 |
Para a creación destas dúas subdireccións amortízanse tres postos, un de vicesecretario/a xeral de nivel 30, outro de persoal laboral grupo IV (auxiliar administrativo) e outro máis de persoal funcionario coa denominacións de Instructor/a Formación ocupacional so subgrupo A2.
Sentido do voto:
CIG | En contra |
CC.OO | En contra |
CSI•F | En contra |
UXT | En contra |
Outras informacións de interese:
- Polo que respecta ao Concurso de corpos xerais a data prevista para a publicación da resolución definitiva é o próximo día 26 de xullo. En todo caso, no mesmo día que se envíe a información definitiva para a súa publicación no DOG publicitarase na páxina web da Xunta de Galicia a mesma para facilitar o coñecemento das puntuacións e adxudicacións definitivas por parte do persoal afectado polo concurso. Polo que se refire á data de toma de posesión, está previsto que non se produza antes do próximo 15 de setembro.
- Polo que se refire a convocatorias pendentes de OPEs anteriores, como é o caso da do 2015, o director xeral de función pública infórmanos que nos próximas días recibiremos o borrador das convocatorias de Veterinarios e Gardacostas, e na próxima semana máis información ao respecto de convocatorias pendentes.
- En canto aos procesos selectivos de libre en curso, non hai unha previsión de cando se realizarán os segundos exames da fase de oposición. Seguiremos insistindo en requirir esta información porque entendemos que sería importante ter unha previsión das ditas datas canto antes.
- En relación co proceso de integración do persoal laboral fixo de XESTUR, do que recibimos o borrador hai uns días, o director xeral entende que a negociación será en breve para que o prazo de presentación de solicitudes sexa a partir de setembro.
- Consorcio Galego de Igualdade e Benestar: o director xeral de función pública infórmanos de que en datas próximas comezarase a negociación ao respecto do estatuto xurídico do persoal do Consorcio e do seguimento dos acordos aos que se chegue coa FEGAMP.