Proposta de acordo entre a Xunta e os sindicatos sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade

Proposta do Acordo entre a Xunta de Galicia e as OO.SS (CSI-F, CIG, CCOO, e UGT) sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade, remitido pola Dirección Xeral de Función Pública para formulación de observacións e alegacións:

Un dos pilares fundamentais na prevención, defensa e extinción dos incendios forestais son os empregados públicos que desenvolven as súas funcións dentro dos operativos xestionados pola consellería competente nesta materia. O grao de profesionalidade acadado por eles ao longo da historia da Comunidade Autónoma Galega son exemplo de bo facer no conxunto do Estado.

No acordo 3 do Anexo do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta da Galicia denominado: “Condicións especiais de traballo do Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia” establecese:

“3.18. Compromiso de cambio de denominación das categorías profesionais do SPDCIF, peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e vixilante móbil a bombeiros forestais.

3.10. Xubilación. 1. Todo o persoal laboral dedicado á extinción de incendios, unha vez cumpridos os 60 anos, poderá pasar voluntariamente a unha segunda actividade, desligada da extinción directa, que desenvolverá no mesmo ámbito territorial en que viña desempeñando o seu posto”.

 Mantidas diversas xuntanzas cos representantes dos traballadores estes manifestan o interese do colectivo no cumprimento do compromiso recollido no convenio colectivo sobre o cambio de denominación de categorías.

Este cambio de denominación afecta a un colectivo duns 1400 traballadores. Neste colectivo inclúese o pertencente á categoría de oficial de defensa contra incendios forestais, xa que tamén prestan os seus servizos nas brigadas e as súas actuacións están ligadas directamente a actividades tanto de prevención como de extinción.

Coa sinatura do Acordo do 27 de marzo de 2013 para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, favoreceuse a xubilación do persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios que tendo 61 anos cumpridos cumpra cuns requisitos determinados no propio acordo. Na súa virtude, neste momento, 42 empregados do SPDCIF teñen accedido á xubilación parcial.

Co fin de seguir avanzando na mellora das condicións de traballo do persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, e tomando en consideración as súas singularidades, as partes acordan establecer por primeira vez no ámbito da administración xeral da Comunidade Autónoma as bases para o desenvolvemento da segunda actividade deste colectivo profesional.

Deste xeito o acordo da solución ás consecuencias do envellecemento deste colectivo sen renunciará súa experiencia profesional.

Unha vez negociado o presente acordo e no seo da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia do día ** de xullo de 2016 a administración e as organizacións sindicais   CIG, CCOO, CSIF e UGT,

ACORDAN a inclusión do termo “bombeiro/a forestal” na denominación de varias categorías do persoal de prevención e extinción de incendios forestais e o establecemento da segunda actividade do persoal de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural segundo o que a seguir se establece: 

I. BOMBEIRO FORESTAL.

Primeiro.-Modificase o anexo de categorías do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia engadindo á denominación das categorías: peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e oficial forestal de defensa contra incendios forestais vinculadas a prevención e extinción de incendios forestais o termo “bombeiro/a forestal” de forma que o nome das categorías sinaladas muda para quedar do seguinte xeito:

  • Peón bombeiro/a forestal
  • Peón-condutor/a bombeiro/a forestal
  • Xefe/a de brigada bombeiro/a forestal
  • Condutor/a de motobomba bombeiro/a forestal
  • Oficial de defensa contra incendios forestais bombeiro/a forestal.

Segundo.-A modificación da denominación das categorías non comportará, en ningún caso modificación das súas funcións actuais (especialmente tanto as de prevención de incendios forestais como outras de carácter forestal). O cambio de denominación tampouco suporá modificación das súas retribucións nin reclasificación de grupo profesional.

Terceiro.-O cambio de denominación non orixinará incremento de gasto para a Xunta de Galicia.

Cuarto.-A Consellería de Facenda a través da Dirección Xeral da Función Pública promoverá tanto a modificación do Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia para adaptalo ao presente acordo como a modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería do Medio Rural para o cambio de denominación das categorías afectadas. Así mesmo as partes autorizan a que esa dirección xeral realice os trámites oportunos ante a autoridade laboral conducentes ao rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do presente documento.

Quinto.-No que se refire ao réxime de cotizacións á seguridade social estarase ao que dispoña a normativa Estatal.

II. SEGUNDA ACTIVIDADE.

Conscientes, tanto a administración como as organizacións sindicais, dos riscos laborais deste colectivo que se acentúan coa maior idade dos seus integrantes e co fin de posibilitar o pase á segunda actividade durante os meses de máximo risco de perigo de incendios forestais acórdanse as bases da mesma:

Primeiro.-Segunda actividade.

A segunda actividade consistirá na realización de tarefas preventivas e/ou de apoio loxístico ao SPDCIF sen que elo comporte unha vinculación directa ás labores de extinción de incendios.

A segunda actividade será en todo caso voluntaria.

Segundo.-Requisitos

Poderán pasar a segunda actividade os empregados que pertenzan a algunha das categorías relacionadas no punto primeiro do apartado anterior deste acordo sempre que concorran os requisitos que a seguir se indican:

  1. Ter cumpridos 60 anos de idade.
  2. Non estar acollidos a xubilación parcial..
  3. Formular solicitude expresa nos termos previstos no procedemento que se estableza en desenvolvemento do presente acordo que se concretará e negociará coas organizacións sindicais.

Terceiro.- Contratación de persoal laboral.

As contratacións de persoal substituto que sexan necesarias para dar apoio á brigada forestal durante os meses de máximo risco de incendios forestais a causa do pase á segunda actividade dos titulares dos postos de traballo realizaranse a través das listas de contratación temporal da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, ** de xullo de 2016.