Mesa xeral de negociación de empregados públicos do 4 de agosto

comisión de traballoMESA XERAL DE NEGOCIACIÓN DE EMPREGADOS PÚBLICOS (EXTRAORDINARIA) (4/08/2016) con informacións de interese xeral no apartado de rogos e preguntas.

Tratáronse  os seguintes temas:

1.- Proxecto de decreto polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproba o Estatuto da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

Moi a pesar de que a Consellería de Industria presenta este proxecto de decreto como unha mera conversión do Instituto Enerxético de Galicia en axencia, dende a CSI•F reclamamos que se modifiquen unha serie de puntos:

  • Artigo 2: despois de relatar os obxectivos e fins do INEGA, establécese a posibilidade de que os ditos fins e obxectivos sexan cumpridos polo INEGA por medio de outras sociedades “(…) adscritas ou sobre as que teña atribuída a súa tutela funcional”. Solicitamos que estas referencia sexa eliminada, xa que o INEGA deberá cumprir os fins que se lle encomendan por parte da propia Administración á que se adscribe e da que ten a consideración de medio propio, sen que as ditas actividades acaben por carecer de ningún tipo de control ou de posibilidade do mesmo porque as actividades encomendadas sexan realizadas por outras entidades. No mesmo sentido se manifesta o artigo 8 do mesmo texto.
  • Artigo 11: establécese ademais que a Presidencia da Axencia pode ser encomendada, a proposta do titular da Consellería competente en materia de enerxía, polo Consello da Xunta a persoa distinta do dito titular da Consellería, polo que quixeramos unha aclaración ao respecto de a que tipo de contratación se referiría neste caso, se a un contrato de alta dirección, a nomeamento de persoal directivo, etc. A LOFAXGA no seu artigo 64.2 autoriza o dito nomeamento sen máis especificación, polo que debería constar cal é o tipo de contratación prevista das recollidas pola propia LOFAXGA e o desenvolvemento básico dos principios reitores da mesma, así como a exclusividade no acceso do persoal da Xunta de Galicia.
  • No que se refire ao réxime de persoal regulado no capítulo IV;
  • No artigo 26, parágrafo 3º do texto, recóllese o seguinte tenor literal; “Ao persoal laboral da Administración Xeral da Comunidade Autónoma destinado na Axencia garantiránselle os dereitos e deberes que se recollen no Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e rexerase polo texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia” Requirimos, que a dita referencia ao “dereitos e deberes” recollidos no convenio sexa substituída pola outra que deixe clara a aplicación a este persoal a aplicación e sometemento na súa relación laboral ao V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, propoñendo, polo tanto a seguinte redacción para o citado parágrafo 3º do artigo 26:

“Ao persoal laboral da Administración Xeral da Comunidade Autónoma destinado na Axencia rexerase polo disposto no Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e rexerase polo texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia”

  • Polo que respecta ao artigo 26.4, especifícase o seguinte; “Os representantes do persoal participarán na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos do Instituto Enerxético de Galicia, incluíndo os aspectos relativos á organización, estrutura e marco de actuación en materia de recursos humanos e retribucións, nos termos previstos na lexislación vixente”. Solicitamos que a referencia se faga en relación con todo o persoal que presta servizos la Axencia Instituto Galego de Enerxía, xa que, tal como se recoñece no articulado do proxecto de decreto, o INEGA conta con persoal laboral propio que prestará o seus servizos na axencia dende o momento da súa constitución e posta en funcionamento, polo que os representantes dos traballadores participarán igualmente na determinación e defensa das súas condicións de traballo.
  • Ademais do dito, parécenos importante que calquera referencia aos representantes do persoal vaia referida aos sindicatos presentes na Mesa Xeral

A Consellería contesta que revisarán as referencias feitas en materia de persoal, en tanto sexan as mesmas que se inclúen nos estatutos doutras axencias. Dende a CSI•F entendemos que con independencia do que conste noutros estatutos anteriores, o do INEGA pode ser mellorado reconsiderando as alegacións da parte social.

2.- Proxecto de Orde pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo procedente da Sociedade Xestión do Solo de Galicia, Xestur, S.A.

En relación á orde de integración que se presenta para a súa negociación non houbo ningunha modificación no borrador inicial que nos presentou a Administración, e non se recolle ningunha das alegacións presentadas nin por esta nin por outras organizacións sindicais.

Dende a CSI•F destacamos a teimuda negativa da xerencia de XESTUR en proporcionar un cadro actualizado do persoal da dita entidade para este proceso de negociación, en tanto no borrador da orde que se nos presente recóllese a previsión de que o persoal que se integre o fará en postos de XESTUR, e polo tanto, consideramos indispensable contar coa dita relación de postos e as súas características. Por tanto, esiximos que se aporte á documentación relacionada coa negociación a relación de postos de traballo ou instrumento equivalente coa relación de postos da sociedade Xestión do Solo de Galicia, S.A. nos que se pretende adscribir ao persoal a integrar. Por outra parte, faise referencia a unha liña orzamentaria comprometida da que tampouco se recolle referencia algunha.

Polo que se refire aos efectos da non integración, e atendendo ao recollido no artigo 5 do borrador de Orde, solicitamos a indicación dun acordo ou procedemento concreto que garanta a permanencia do persoal laboral temporal e indefinido de Xestur, en aplicación do dito artigo cando di; «Artigo 5º.- Efectos da non integración: «(…) os solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, poderá manter as súas condicións laborais sen prexuízo do disposto na Disposición adicional 3ª do Decreto 129/2012, do 31 de maio e do disposto no ordenamento laboral».

Moi a pesar de que a Dirección Xeral da Función Pública indícanos que a Orde que se nos presenta para negociación e bastante similar a todas as anteriores, entendemos que non quedan claras nesta as garantías para o persoal que non se integre e mesmo as características dos postos nos que se integre aquel que cumpra os requisitos.

Ata setembro non se levará este tema a comisión, polo que esiximos a documentación complementaria que reclamamos xa por medio das alegacións iniciais para poder valorar completamente este borrador.

3.- Proxecto polo que se regula o procedemento de cobertura temporal de postos de persoal funcionario sanitario da Escala de Saúde Pública e de administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

A responsable da Consellería de Sanidade presente na mesa comenta que se incorporan algúns cambios con respecto ao borrador orixinal tras alegacións presentadas por CSI•F e polo resto das organizacións sindicais e que este será o texto que irá á comisión de persoal do próximo martes 9 de agosto.

A pesar de non estar na orde do día preguntámoslle ao director xeral de función pública pola modificación da RPT da Consellería de Sanidade e do SERGAS que estaba en negociación, e contéstanos que o próximo martes haberá unha mesa xeral extraordinaria na que se tratará este tema.

Dende CSI•F seguimos esixindo que se negocie unha equiparación de condicións laborais co persoal farmacáutico inspector de saúde pública, ao igual que se negocian estas condicións cos axentes medioambientais ou co persoal de incendios. O director xeral de función pública contesta que os demais acordos alcanzados non implicaban incrementos retributivos que por motivos orzamentarios non eran posibles se non se vinculaban á disponibilidade horaria do persoal FISP, e que a lista de colectivos “discriminados” a encabezaba neste momento o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Ademais, o lexítimo exercicio do dereito de folga parécelle ao director xeral de función pública o exercicio de “presións e amenazas” baixo as cales non están dispostos a negociar. Parece que sen “presións e amenazas” tampouco hai a máis mínima posibilidade.

O representante da CSI•F requiriu que se debatera e aprobara no seu caso a acta 13/2015 correspondente á mesa xeral de negociación de 1 de decembro de 2015, e no que o propio director de función pública recoñeceu que os inspectores farmacéuticos de saúde pública non tiñan a obriga de conducir vehículos oficiais. Aínda que non se incluíu este punto como orde do día, contestou que se presentará para a próxima mesa xeral para o seu debate e aprobación.

4.- Proxecto de decreto de ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Dende CSI•F queremos destacar que houbo unha vontade negociadora neste punto por parte da Consellería de Mar, xa que se aceptou a retirada do borrado do decreto de ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia a D.F. 1ª que entraba a regular e modificar o réxime establecido, e acadado por acordo, na Orde de 2 de maio de 2006, polo que se establece o réxime de prestación de servizos horarios, vacacións, licenzas e permisos. Así e todo, no transcurso do debate incidimos nas seguintes cuestións:

  • Artigo 32: en relación cos Subinspectores, que se engada a mesma referencia que no resto dos postos que se recollen no decreto do feminino, e polo tanto “subinspectores/as”.
  • Limpeza da embarcación: que se modifique o artigo correspondente no sentido de non encomendar esta tarefa a un grupo concreto de persoal, se non a toda a tripulación no seu conxunto. Actualmente no artigo 36 (parágrafo 11, alínea b)), encomendase esta tarefa como propia dos “Vixiantes-mariñeiros/as”, e consideramos inaceptable que se vexan abocados a realizar as tarefas de limpeza de toda a embarcación.
  • Integración da escala de axentes na escala operativa: solicitamos que se aclare a situación do persoal da actual escala de axentes que xa conta coa condición de patrón ou mecánico no caso de que opte por non integrarse na nova escala operativa.

Tamén reclamamos que se produza unha renovación que consideramos urxente do persoal da escala, xa que as 20 prazas pendentes de convocatoria non van a solucionar a realidade dun persoal que está por encima dos 55 anos de media e que xa encontra notables dificultades para o desenvolvemento de determinado tipo de traballo.

Por parte da dirección xeral de función pública, respondese que estase a facer un esforzo coa convocatoria desas 20 prazas para as que temos un borrador de convocatoria, e que está moi avanzado o acordo específico para posibilitar unha segunda actividade para este persoal da escala de gardacostas.

Por parte do vicesecretario xeral da Consellería, pon de manifesto que se retirou a referencia máis expresa aos horarios e permisos deste decreto, porque é certo que son cuestións acordadas e que deben valorarse na comisión que a Orde de 2 de maio de 2006 establece a estes efectos e que espera que empece a funcionar de forma periódica.

Entende e comprométese a facer unha serie de modificacións e matizacións no último texto proposto de cara a obter un acordo coas organizacións sindicais.

Noutro orde de asuntos, tivemos coñecemento das seguintes cuestións:

  1. Acordo de bombeiros forestais: o director xeral de función pública comprométese a remitir mañá o texto definitivo deste acordo para que poda ser levado a Comisión de persoal o próximo martes día 9 de agosto. Entende que a negociación coas organizacións sindicais xa está pechada e que foi suficiente polo que pode obviarse a celebración de mesa xeral, e que espera que sexa aprobado co maior consenso posible. En todo caso, quedamos á espera do texto definitivo e da posibilidade dunha xuntanza previa a comisión.
  2. Acordo Axentes Medioambientais: tamén entende que este acordo está pechado e foi suficientemente negociado coas organizacións sindicais e que , polo tanto, poderá ser aprobado na comisión de persoal do martes 9 de agosto.
  3. Acordo Persoal Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar: o luns ou o martes comprométese a remitir o texto do acordo segundo o tratado coas organizacións sindicais, para a adhesión deste persoal ao V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, coas excepcións previstas e un calendario retributivo.
  4. Modificación da RPT de Sanidade: proponse que a modificación da RPT de Sanidade sexa levada a unha mesa xeral extraordinaria o próximo martes día 9 de agosto. Dende a CSI•F entendemos que unha modificación que afecta a varios grupos de funcionarios e de persoal laboral da consellería non pode ser liquidada con dúas reunións previas, e menos aínda tendo en conta que non se pecha a reclamación do persoal inspector de saúde pública, xa que as organizacións sindicais presentaron unha proposta de acordo da que non se ten contestación por parte da Administración.
  5. Concurso de traslados de corpos xerais: o director informounos de que se retirá unha praza do concurso de traslados, en concreto, a da oficina de turismo de Tui que foi incluída por erro, e respecto da cal xa se chegou a un acordo con quen a tiña adxudicada. Ademais, reincorpórase unha praza no Porriño, correspondente á Consellería de Educación, que fora retirada das resultas tamén por erro, e publicarase unha corrección de erros no DOG ao respecto das puntuacións de tres concursantes que non afectarán en todo caso á adxudicación das prazas.

Polo que respecta á toma de posesión non nos concreta data pero non será antes da segunda quincena de setembro, en orde tamén a ter resoltas as reclamacións que sobre as puntuacións definitivas se formulen.

  1. Oposicións: o director manifestou non ter información novidosa a este respecto.