CSIF insta á Administración a que achegue unha proposta clara, xustificativa e motivada, esixe que se garanta que non se despida a ningún traballador da Xunta, solicita a retirada do Proxecto de Lei relativo á funcionarización encuberta do persoal laboral temporal e propón que se engada dentro deste un plan de reclasificación voluntaria.
ALEGACIÓNS AO DOCUMENTO DE PROPOSTA DE SUPRESIÓN/REFUNDICIÓN/ORDENACIÓN DE CATEGORÍAS PROFESIONAIS DO PERSOAL LABORAL DO V CONVENIO COLECTIVO DA XUNTA DE GALICIA
Dende CSI•F achegamos as seguintes propostas ao plan de reordenación facilitado, que consideramos imprescindibles para poder proceder a unha correcta valoración e concreción deste:
- A proposta que se achega non recolle unha memoria xustificativa nin económica dos cambios que se propoñen respecto da supresión, refundición, creación e/ou ordenación de cada unha das categorías. É dicir, non se detallan nin xustifican as razóns e/ou motivos polos que se propón agrupar a varias categorías ou o motivo polo que se propón a súa supresión, extinción ou creación, así como o motivo polo que se propón a funcionarización de determinadas categorías e outras non, entre outros. Neste senso, dende CSI•F, consideramos imprescindible para poder proceder á negociación deste documento que a proposta inclúa a argumentación, o razoamento, a motivación e a xustificación de todos e cada un dos cambios propostos.
- En todo caso, CSI•F non negociará ningún proxecto de reordenación de categorías que, como consecuencia deste, poida implicar o cese dalgún traballador/a persoal laboral da xunta de Galicia. En consecuencia, solicítase que se inclúa no documento facilitado unha cláusula que recolla de forma clara e expresa que o plan de reordenación descrito non acarrea ningún tipo de cese ou despido.
- En canto á funcionarización, tal e como xa manifestáramos nas nosas achegas presentadas o 4 de xullo de 2016, dende CSI•F consideramos que todas e cada unha das categorías do persoal laboral da Xunta de Galicia deben ser susceptibles de estar incluídas no ámbito de aplicación do futuro proceso voluntario de funcionarización e que dito proceso debe ser negociado, debido a súa influencia posterior, de forma previa ao proceso de supresión/refundión/ordenación de categorías, recolléndose neste documento unha proposta sucinta respecto do procedemento que se vai seguir, das equivalencias e/ou homologacións das categorías cos respectivos grupos, corpos ou escalas que lle corresponden, dos prazos establecidos ao efecto, entre outros.
- Do mesmo xeito, tampouco se entende que prevendo neste documento un plan de funcionarización, se pretenda mediante a proposta dun proxecto de lei (DT1ª Bis de Lei de medidas fiscais e administrativas), modificar –sen a preceptiva negociación sindical– a LEPG para mudar o réxime xurídico do persoal laboral temporal a un réxime administrativo, establecendo así un proceso encuberto e paralelo de funcionarización para o persoal interino. Por tal motivo, instamos á Administración a que proceda a retirar a referida DT1ª Bis da Lei de medidas para que a posibilidade de funcionarización do persoal temporal se inclúa nun plan global de funcionarización, no que se detallen as características, os requisitos e as condicións para establecer este proceso voluntario en función do réxime xurídico do persoal laboral da Xunta.
- Este documento, como proposta de reordenación das categorías do persoal laboral, tamén debe servir para racionalizar e adecuar os desaxustes que existen na clasificación do persoal laboral da xunta. Neste senso, solicitamos que se inclúa un apartado de re clasificación voluntaria para o persoal laboral que pode vir dado, cando menos, por estas tres circunstancias:
a) Traballadores ou colectivo de traballadores que desenvolvan funcións ou desempeñen responsabilidades encadradas nun grupo superior por exceder do normal esixible á súa categoría profesional.
b) Traballadores ou colectivo de traballadores que ocupan unha determinada categoría pero que exercen funcións e tarefas pertencentes a outra categoría do mesmo ou distinto grupo profesional.
c) Traballadores ou colectivo de traballadores que derivado de sentenzas xudiciais ou acordos pendentes de executar, estean pendente de reclasificarse a outra categoría do mesmo ou distinto grupo.
- As consellerías e as entidades instrumentais deberían participar neste proceso para a elaboración desta proposta, xa que o contrario pode xerar disfuncións neste proceso de reordenación. A modo de exemplo, na RPT do Cixtec (entidade adherida ao V Convenio), aparece un posto de traballo ocupado por persoal laboral fixo coa categoría III-32 a cal se propón neste documento para a súa supresión. En consecuencia, e dado que este traballador está clasificado conforme ao V Convenio, non está claro a afectación desta medida na súa condición laboral, motivo polo que solicitamos aclaración ao respecto.
- Tampouco se recolle no documento facilitado unha análise e valoración que este plan de reordenación de categorías pode xerar nos seguintes procesos:
a) Respecto das prazas que están afectadas polo proceso de consolidación do persoal laboral e encadradas nas diversas categorías desta proposta, non se especifica a afectación que a supresión, a extinción, a refundición ou a funcionarización destas categorías pode carrear en dito proceso.
b) Tampouco se especifica a afectación desta proposta no persoal inscrito nas listas de contratación, toda vez que non se clarifica que pasará con aqueles traballadores inscritos nunha lista correspondente a unha categoría que se suprima, así como aquelas que se refundan ou se funcionaricen (se o tempo traballado nunha categoría computa para a outra, por exemplo).
c) Asemade, tampouco se especifican as consecuencias para o persoal laboral indefinido ao que a Administración non lle recoñece o dereito ao proceso de consolidación.
d) Respecto das Ofertas Públicas de Emprego (OPEs), tanto publicadas como comprometidas, tampouco se clarifica a afectación desta reordenación ás prazas incluídas ou previstas nestas.
Por tal motivo, dende CSI•F entendemos que é imprescindible que se desenvolva neste documento unha explicación clara, razoada e sucinta respecto das implicacións e afectacións que tal documento de reordenación pode xerar en todos os procesos anteriormente sinalados.
Como conclusión e a modo de resume, dende CSI•F, entendemos que non podemos achegar alegacións concretas a esta proposta de reordenación namentres non se nos facilite un documento que recolla de forma clara e inequívoca a explicación e motivación das propostas formuladas, que se garanta que o proceso non leve aparellados despidos encubertos, así como unha correcta identificación das afectacións que tales propostas poden carrear noutros procesos ou ámbitos de actuación.
- Documento das alegacións en PDF