Resumo das peticións da CSIF no Consello Reitor da EGAP:
- CSIF segue a esixir que a EGAP elabore todos e cada un dos temarios dos procesos selectivos que se convoquen pola Xunta de Galicia…
- CSIF instou a unha xuntanza entre a EGAP, AGASP e as OO.SS para aclarar e concretar a formación que teñen dereito a percibir os traballadores/as de Incendios e Medio Rural.
- CSIF criticou a falta de cursos específicos no plan de actividades 2017 para os traballadores/as da Consellería de Política Social, entre outros.
Nota informativa completa:
CONSELLO REITOR DA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (EGAP)
(18 de xaneiro de 2017)
O pasado mércores, 18 de xaneiro de 2017, tivo lugar na EGAP a celebración da reunión do seu consello reitor coa finalidade de tratar, entre outros, o informe das actividades da EGAP e a información relativa aos convenios de colaboración subscritos do ano 2016, xunto co informe de actividades previstas para o ano 2017 e a execución e previsión orzamentaria comprendida neste período.
Como novidade salientable no plan de formación para o 2017, e dado a influencia que carrexa a Lei 39/2015 e a Lei 40/2015 na relación dos empregados públicos cos cidadáns así como na propia xestión e organización interna en canto á implantación obrigatoria de diversas ferramentas ofimáticas e informáticas, increméntase neste eido un 50% os cursos de formación destinados á e-administración (certificado dixital, tramitación electrónica integral, sinatura electrónica, seguridade dixital, facturación electrónica, etc.).
Pola súa banda, CSIF formulou as seguintes consideracións e propostas a esta planificación:
- Nos orzamentos da EGAP para o ano 2017 non se prevé ningún recurso nin se reflicte ningunha acción destinada á elaboración dos diversos temarios dos procesos selectivos da Xunta de Galicia (nin de promoción interna nin acceso libre). A directora da EGAP tenta xustificar dita ausencia baseándose en que é a única entidade de todo o territorio español que desenvolvería tal actividade e que ademais leva aparellado un custo orzamentario que a EGAP non pode asumir. A este respecto, dende CSIF seguimos a esixir, froito do compromiso asumido polo goberno galego no acordo do Consello da Xunta do 6 de agosto de 2009, que a EGAP proceda a elaborar todos e cada un dos temarios dos diversos procesos selectivos convocados pola Xunta, e que ditos temarios teñan a consideración de contido mínimo de referencia, pois entendemos que a elaboración dos temarios debe ser unha ferramenta fundamental desta escola para a capacitación e profesionalización no acceso e promoción dos empregados públicos, así como un valor engadido, pioneiro e diferenciado respecto doutras institucións análogas. Neste asunto tomou a palabra o presidente do consello reitor e Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, engadindo que consideraba moi importante que se seguisen elaborando os temarios por parte da EGAP, aínda que matizou que non estaba a favor da súa oficialidade senón de que servisen como un instrumento de apoio e axuda para o opositor.
- CSIF, dada a problemática en canto á formación respecto dos traballadores/as da Consellería de Medio Rural, e fundamentalmente do ámbito forestal e de extinción de incendios, que non reciben nin formación por parte da EGAP nin formación por parte da AGASP, pois ambas entidades consideran que debe ser a outra respectivamente a que debe impartir a referida formación, propoñemos á directora da EGAP a que proceda a convocar unha xuntanza entre a EGAP, AGASP e as OO.SS para delimitar, concretar e aclarar dunha forma definitiva os cursos de formación que debe impartir cada entidade para este colectivo de traballadores. Unha vez máis, tomou a palabra o Vicepresidente do goberno, para engadir que nesta xuntanza tamén debería estar presente responsables da Consellería do Medio Rural, como departamento directamente afectado.
- CSIF presentou á proposta de planificación da EGAP de 2017 numerosas achegas formativas para incluír nesta. Moitas destas formulacións foron recollidas na referida programación. Non obstante, botamos en falta e volvemos a insistir á Directora da EGAP que inclúa cursos formativos específicos para o persoal da Consellería de Política Social que presta servizos en residencias respecto de materias tales como coidados sanitarios en saúde mental e atención ao paciente psiquiátrico, control de enfermidades infecciosas, xestión de residuos sanitarios, entre outros. Do mesmo xeito, seguimos a instar a que o persoal de Xustiza teña acceso aos cursos de idiomas.
- En canto aos cursos baseados nas modalidades telemática e de auto formación dende CSIF solicitamos que estas modalidades de formación inclúan, naquela formación que pola seu carácter eminentemente práctico, un módulo presencial exclusivamente práctico de carácter voluntario para aqueles traballadores que así o desexen e o soliciten. Do mesmo xeito, o Director Xeral da Función Pública- presente neste consello- ratifica o compromiso acadado de que a titulación provinte da auto formación sexa tamén valorada nos vindeiros procesos de provisión.
Nota informativa en PDF