Novos criterios de elaboración de RPTS, establecidos unilateralmente por Función Pública

Novos criterios de elaboracións de RPTs ao amparo da Lei 2/2015 do Emprego Público de Galicia dictados unilateralmente pola Dirección Xeral de Función Pública sen previa negociación coas OOSS.

TRAMITACIÓN DAS RPTs AO AMPARO DA LEI 2/2015 DO EMPREGO PÚBLICO DE GALICIA

  • Adaptación da RPT aos Corpos/Escalas previstos na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
  • Incorporación das Áreas funcionais ás RPTs.

Coa  Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG nº 82, do 4 de maio) a Comunidade Autónoma de Galicia adaptou ao réxime xurídico da función pública galega as previsións do Estatuto básico do empregado público.

As competen­cias relativas ao réxime estatutario dos funcionarios públicos tíñanse que desenvolver dentro do marco establecido pola Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público. Este texto legal, ditado ao abeiro das competencias atribuídas ao Estado polo artigo 149.1.18ª) da Constitución española, dá cumprimento ao artigo 103.3 da norma suprema, que prevé que por lei se regule o estatuto dos funcionarios públicos.

Co esta disposición normativa, a Lei 2/2015, aborda a organización do emprego público desde o punto de vista da súa estrutura e desde a súa planificación, que inclúe a ordenación dos postos de traballo e dos empregados públicos. Esta ordenación pivota sobre a relación de postos de traballo como instrumento principal de organización de ditos postos, estruturándose para o persoal funcionario de carreira, en corpos e escalas, con os seus grupos de clasificación, baseados no nivel de titulación requirido para o acceso a eles.

Nos corpos e agrupacións profesionais do persoal funcionario de carreira da Admi­nistración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia defínense as súas funcións e créanse tanto o corpo de técnicos de carácter facultativo, do grupo B, como a agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, á que é posible acceder sen titulación académica ningunha.

Nos grupos de clasificación profesional, ademais de recollerse os previstos polo Estatuto básico do empregado público, xunto ás titulacións requiridas para o acceso, adáptanse plenamente á nova ordenación dos estudos universitarios e do ensino en xeral.

Todos estes cambios previstos na normativa da función pública galega, producen que sexa necesario realizar un profundo estudio e análise das relacións de postos de traballo desta Administración para ser adaptadas ás previsións da normativa de función pública. A relación de postos de traballo é un instrumento técnico de carácter público que in­clúe todos os postos de traballo de natureza funcionarial e laboral existentes en cada unha das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei (ar.38 Lei 2/2015).

Débese indicar que son o instrumento técnico a partir do cal a administración realiza a ordenación do persoal e a racionalización das estruturas administrativas, de acordo cas necesidades de futuro, conxugando nelas a busca dunha eficiencia coa previsión dos gastos de persoal, de acordo coas necesidades dos servizos e con expresión dos requisitos para o seu desenvolvemento, de xeito que en función delas se definan os cadros de persoal das administracións públicas e se determinen as ofertas públicas de emprego.

En tal sentido corresponde á administración, no exercicio das súas potestades organizativas, a formación e aprobación de tales “relacións”, gozando en tal potestade dun certo grao de discrecionalidade técnica á hora de avaliar tales necesidades organizativas e dar resposta ás mesmas. Non obstante o control do grao de discrecionalidade debe existir, sendo a forma de levalo a cabo a través dos estudos e propostas elaborados pola propia administración, e as razóns aportadas pola mesma.

Por conseguinte esta dirección Xeral da Función pública considera que compre adaptar as actuais relacións de postos de traballo á nova configuración establecida na normativa vixente incidindo, principalmente, nos seguintes eidos:

A) Adaptación da RPT aos Corpos/Escalas previstos na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia:

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia sinala (art. 41.1):

“O persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia agrúpase en corpos de Administración xeral e corpos de Administración especial, nos cales se poderán crear diferentes escalas.

Cando o contido técnico e particularizado de determinados postos de traballo esixa como requisito para o seu desempeño unha maior especialización de coñecementos para o exercicio das funcións dos corpos e escalas, poderán crearse mediante decreto especialidades dentro deles.

A asignación de especialidades realizarase a través das relacións de postos de traballo, atendendo ás características dos postos”.

Neste senso, cada escala ou especialidade ven determinada polas específicas funcións a desenvolver, tal e como establecen a Disposición adicional oitava (Escalas e especialidades dos corpos de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia) e a Disposición adicional novena (Escalas e especialidades dos corpos de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e, a titulación requirida para o acceso a ditas escalas (determinada polas funcións a realizar). Así, non parece axeitado, establecer para postos dunha escala determinada outros méritos, ou formacións, á marxe dos especificados na Lei 2/2015.

Do mesmo xeito, tendo en conta que cada escala e especialidade foi creada para o exercicio de determinadas funcións e que as funcións de cada escala e especialidade non poden ser coincidentes coas de outras, agás xustificación individual, non pode sosterse que un mesmo posto de traballo a prover por “concurso de méritos” poda estar aberto a diferentes escalas. De ser así, as funcións propias da escala que non sexa a do seu titular quedarían sen ser exercidas.

Por conseguinte, ao modificar as RPTs indicando a escala á que corresponde cada posto, os méritos específicos deste serán os requiridos para o acceso á escala respectiva.

B) Configuración da columna denominada “Áreas funcionais”

A Lei 2/2015 define o posto de traballo (artigo 37.1) como o “conxunto de funcións, actividades, tarefas e outras responsabilidades identificadas baixo unha concreta denominación e para o desempeño das cales son exixibles determinados requisitos, méritos, capacidades e, de ser o caso, experiencia ou categoría profesional”.

Segundo o seu artigo 38, é a través da Relación de postos de traballo como as administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei estruturan a súa organización, clasifican os postos de traballo existentes no seu ámbito e determinan o seu contido para a súa selección e provisión, procurando organizar, racionalizar e ordenar o persoal co obxecto de facilitar unha eficaz prestación dos servizos públicos.

Así, será a relación de postos de traballo a que determine as características de cada posto de traballo, cara a posibilitar a súa correcta provisión. Neste senso, o parágrafo 4 do artigo 38, establece que as relacións de postos de traballo incluirán, entre outros:

f) Os requisitos, os méritos, as capacidades e, de ser o caso, a experiencia ou categoría profesional para a súa provisión.

  1. g) Calquera outra circunstancia relevante para a súa provisión nos termos previstos regulamentariamente.”

Pois ben, dunha análise en conxunto das relacións de postos de traballo das consellerías, organismos autónomos e axencias públicas, obsérvase unha moi variada configuración de méritos (relativos a experiencias, formacións e titulacións) relacionados coas funcións específicas dos postos. Esta gran disparidade de méritos produce efectos diferentes aos previstos ao configurar o posto de traballo. Así, pódese observar como postos substancialmente homoxéneos en canto ás funcións desenvoltas, son avaliados de diferente xeito en función da certificación de funcións emitida polo superior xerárquico correspondente. Neste senso, ao establecer cada Consellería a área funcional dun posto, queda garantido que a avaliación do desempeño dese posto será igual a doutro posto da mesma área funcional (ao marxe da consellería á que pertenza) e sen necesidade de emitir certificación algunha.

Á vista destes méritos (á marxe das titulacións, que coa actual estruturación das escalas da Lei 2/2015 carece, na maior parte dos postos, de fundamentación, por requirirse determinadas titulacións para o acceso a cada escala), dende a Dirección Xeral da Función Pública considérase que a actual configuración da relación de postos de traballo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, debe estruturarse, por áreas funcionais, determinadas polas especialidades ou formacións específicas consideradas de utilidade para o desempeño de cada posto.

Área funcional

Tendo en conta estas consideracións, podemos entender a área funcional como grupo de funcións, actividades e procedementos de traballo, así como os requisitos, méritos e formacións específicas considerados de utilidade para a súa correcta execución, en que podemos agrupar un conxunto de postos da Administración autonómica.

Para a incardinación dos postos da RPT nunha área funcional debemos ter en conta o seguinte:

  1. Postos de traballo da Admon. Xeral ou Especial adscritos a escalas. Este postos non figurarían adscritos na RPT ás áreas funcionais que mais abaixo se indican. Xa incidimos no punto A no feito de que os postos das escalas ou especialidades veñen determinados polas específicas funcións a desenvolver. Así, a área funcional destes postos sería a correspondente á escala ou especialidade de adscrición.
  1. Postos de traballo da Admón. Xeral (agás as súas escalas). Polo que atinxe aos postos da Administración xeral (agás as súas escalas), como excepcións á cobertura dos postos de traballo por calquera funcionario, que cumpra os requisitos do posto correspondente, entendemos que determinadas áreas (pola dificultade, complexidade ou especialidade das súas funcións) poden precisar de persoal cuns méritos específicos (en calquera caso non suporá un requisito para a súa cobertura).

Neste senso, é evidente que non existe unha compartimentación total nas relacións de postos de traballo e que un mesmo posto pode desenvolver funcións de varias áreas funcionais. Así, deberá xustificarse a inclusión do posto na súa principal área de actuación, independentemente de que teña atribuídas (e deba desempeñar) outras funcións ou tarefas non específicas da súa área funcional. Do mesmo xeito haberá postos que, incidentalmente, exerciten funcións dalgunha das áreas a definir sen que, por ilo, poda ser incardinado nesa área (por exemplo: un posto de subvencións no que se realicen os documentos contables para a súa tramitación, non pode considerarse un posto de xestión económica).

Tipoloxía de áreas funcionais a incluír na RPT:

Aos efectos da tramitación das RPTs, consideramos relevantes as seguintes áreas funcionais, segundo as funcións que se indican (sen prexuízo de que poda xustificarse, caso por caso, a inclusión doutras funcións para cada área):

  • Contratación: nela incardinaranse aqueles postos que tramiten expediente de contratación administrativa. A tramitación do orzamento de contratación considerarase como actividade accesoria e, polo tanto, non determinante da área funcional do posto.
  • Económica-orzamentaria: para os postos que leven a xestión económica (orzamentaria e extraorzamentaria), así como funcións de contabilidade e tesourería.
  • Persoal: corresponderá esta área a aqueles postos de traballo con funcións de tramitación de nóminas, seguridade social, xestión de persoal e riscos laborais.
  • Xurídica: Elaboración de disposicións de carácter xeral ou informes.
  • Inspección: postos que teñan atribuídas actuacións de inspección de centros e/ou actuacións.

O resto de prazas de Administración xeral non incardinadas nalgunha das áreas funcionais indicadas, se ben é certo que poden abranguer gran variedade de funcións e actividades administrativas, se considera que, agás nas áreas indicadas, non acadan unha substantividade propia de tal entidade que precise, como regra xeral, o establecemento de méritos (formación, experiencia ou titulación) específicos para o seu exercicio. É dicir, que se pode considerar que todo o persoal da Administración xeral está capacitado para o seu desempeño (ou pode chegar a estalo cunha mínima formación ou práctica tutelada).

Dende a Dirección Xeral da Función Pública faise unha proposta de modificación da relación de postos de traballo de cada Consellería, segundo o indicado no presente escrito, sen prexuízo de que, tendo en conta o coñecemento directo das funcións e necesidades de cada Consellería, esta realice as propostas razoadas de modificacións que considere pertinentes.

C) Fixación dos postos que se establecen de LD e de concurso- específico en todas as RPTs.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no artigo 91 establece que as xefaturas de servizo ou os postos de nivel equivalente proveranse mediante concurso específico, agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación, con convocatoria pública.

Tendo en conta que ata a entrada en vigor desta normativa a forma de provisión dos postos de traballo de “xefatura de servizo” era de libre designación, procede cumprir á citada norma en materia de emprego público, adaptar as RPTs modificando a forma de provisión dos postos das xefaturas de servizo ou equivalentes, de libre designación a concurso específico. Así como revisar a configuración dos postos de nivel inferior a prover por LD segundo os criterios que se teñen establecidos.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2017.

Dirección Xeral da Función Pública

  • Documento cos novos criterios en PDF
Categorías RPT