Última hora: a afectación da Lei de Orzamentos do Estado aos empregados públicos en Galicia: o 1% salarial e a taxa de reposición

No día de onte, 29 de xuño de2017, Función Pública informa ás OO.SS respecto dalgunhas das medidas recollidas na Lei de Orzamentos do Estado e a súa afectación aos empregados públicos da CCCAA de Galicia:

Respecto do “incremento” do 1% do salario recollido nos orzamentos do Estado:

Tramitarase, con carácter de urxencia, un proxecto de lei para posibilitar a modificación dos orzamentos da CC.AA de Galicia e incluír así os créditos necesarios para poder facer efectivo o seu abono.

Segundo nos indican, a previsión é que este abono se produza a partir do mes de xullo ou agosto. Do mesmo xeito, no mes que se faga efectivo este pago, tamén serán aboados os atrasos que correspondan dende o mes de xaneiro de 2017 ( Calculan que este atraso suporá unha contía media de entre 100-200€ por empregado público).

Respecto da taxa de reposición recollida nos orzamentos do Estado:

Segundo indican, non é preciso ningunha modificación na normativa autonómica, toda vez que xa se recolleu nos orzamentos da CCAA de Galicia que esta taxa sería a establecida polo Estado. Ó final desta nota recóllense os requisitos e as condicións respecto da taxa de reposición que se establece na lei de orzamentos do Estado para este ano 2017 no seu artigo 19.

Respecto da aplicación desta taxa de reposición na nosa CCAA, Función Pública afirma que teñen previsto unha reunión no Estado na terceira semana de xullo para fixar uns criterios comúns de interpretación e aplicación do referido precepto. Así, unha vez fixados estes criterios, procederá a convocar ás organización sindicais para a negociación das posibles ofertas e convocatorias.

Valoracións da CSI•F:

Dende CSI•F non consideramos que este 1% se corresponda cunha “verdadeira ou real subida salarial”, e en todo caso, non compensa en absoluto a perda adquisitiva acumulada polos empregados públicos de Galicia, toda vez que:

  • A pesar deste 1% e a recuperación neste ano da totalidade das pagas extras, lembramos que dende o ano 2010 os empregados públicos de Galicia viron reducido un 5% o seu salario xunto coa súa conxelación ao longo destes anos, incrementado a súa vez por unha redución do 4% nas pagas extras dende 2013. En consecuencia, estamos falando dunha perda adquisitiva media acumulada ao longo destes últimos 7 anos de máis dun 10%, todo isto, sen sumar os intereses xerados por estas contías debidas.
  • Polo que respecta a este incremento do 1%, hai que ter en conta que o indicador adiantado do IPC de maio de 2017, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, situaba a súa variación anual nun 1,9%, polo que este 1% non vai nin tan sequera compensar a suba producida por este indicador económico.
  • A todo isto, deberíamos sumar os enormes recortes efectuados aos diferentes empregados públicos de Galicia en materia de dereitos laborais e sociais (FAS, horario e descanso laboral, bonificacións nas situacións de IT e un longo etc.)

Por todo isto, dende CSI•F, tal e como xa formuláramos no seu día ao proxecto de Lei do Emprego Público de Galicia, seguiremos insistindo e loitando para que se proceda á restitución e á recuperación completa do poder adquisitivo dos empregados públicos de Galicia.

Anexo_Requisitos e condicións respecto da taxa de reposición establecidos pola Lei de Orzamentos do Estado