A Lei de Orzamentos do Estado vacía de contido o acordo de integración do persoal temporal do Consorcio de I+B

 Función Pública e os sindicatos asinantes do Acordo pactan gardar silencio e non informar aos traballadores da nova realidade legal.

Lei 3/2017, de 27 de xuño, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017:

Disposición Adicional vixésima sexta: Con efectos dende a entrada en vigor desta Lei (29 de xuño de 2017) e vixencia indefinida, as Administracións Públicas do artigo 2 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público… non poderán considerar como empregados públicosnin poderán incorporar en dita condición nunha Administración Pública ou nunha entidade de dereito público… ao persoal laboral que preste servizos en sociedades mercantís públicas, fundacións do sector público, consorcios, en persoas xurídicas societarias ou fundacións que vaian integrase nunha Administración Pública…”

Disposición Transitoria Terceira: O establecido na D.A. 26 non será de aplicación ao persoal fixo das entidades do sector público que se integre na súa administración pública de adscrición como consecuencia da aplicación de procesos de integración no seu réxime laboral previstos nunha norma con rango de Lei con anterioridade á entrada en vigor desta norma e sempre que dito persoal fora seleccionado coa garantía dos principios constitucionais de igualdade, publicidade, mérito e capacidade e teña a titulación académica requirida para o acceso á categoría na que se produza a integración.

Ante esta nova realidade legal é preciso facerse as seguintes preguntas:

1.- O Acordo asinado entre a Xunta de Galicia e os sindicatos CIG, CCOO e UGT segue vixente e o persoal laboral temporal do Consorcio de I+B poderá ser integrado como persoal laboral temporal da Xunta de Galicia?

2.- Poderase empregar o Decreto 37/2006 para a cobertura de postos vacantes no Consorcio de I+B e computarse do mesmo xeito os servizos prestado nas categorías do Consorcio como os prestados na administración da Xunta de Galicia?

3.- Poderase integrar a RPT do persoal do Consorcio na consellería de Política Social ou no Rexistro Central de Persoal dependente da Dirección Xeral de Función Pública?

4.- A Xunta de Galicia poderá convocar e/ou realizar os procesos selectivos para a cobertura dos postos con carácter definitivo así como reservar nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 un mínimo dun 20% das prazas do Consorcio nas respectivas OPE’s?

5.- As prazas ocupadas polo persoal laboral temporal do Consorcio poderán ser incluídas nas Ofertas de Emprego Público convocadas pola Xunta de Galicia para o acceso á condición de empregado público?

6.- As prazas ocupadas polo persoal laboral temporal do Consorcio poderán ser incluídas nas convocatorias de Concursos de Traslados convocados pola Xunta de Galicia para a mobilidade voluntaria dos empregados públicos?

7.- Cal é a dependencia orgánica e funcional do persoal laboral temporal do Consorcio se non é considerado empregado público?

Estas preguntas foron formuladas por CSIF o pasado 17 de xullo ao director xeral de Función Pública na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos.

Como única resposta coherente o director xeral de Función Público recoñeceu “a súa esperanza” de que na próxima Lei de Orzamentos Xerais de Orzamentos do Estado, a do ano 2018, sexa suprimida a Disposición adicional vixésimo sexta.

Non obstante, dentro da quenda de incoherencias, o director xeral de Función Pública recoñeceu que nunca estivo prevista a integración do persoal laboral temporal do Consorcio como persoal laboral de la Xunta de Galicia. Afirmación feita sen ningún rubor e ante o silencio cómplice e palmario dos sindicatos asinantes do Acordo, obviando o disposto expresamente nas cláusulas quinta e sétima do Acordo de Integración.

Pola súa parte dende a Xerencia do Consorcio de I+B rexeitaron no día de onte reunirse con CSIF, afirmando descoñecer a nova realidade lexislativa e que eles unicamente se limitan a seguir as instrucións recibidas dende Función Pública.

CSIF ten solicitada entrevista coa Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social coa intención de despexar todas estas dúbidas e poder informar correctamente a todos os traballadores afectados polas disposicións da Lei de orzamentos xerais do Estado sobre afectación e cal é a súa situación actual.