A Xunta levará a promoción interna do persoal laboral do SPDCIF á mesa xeral de mañá

  • Celebrarase unha nova asemblea informativa o próximo día 9 de agosto, ás 11 horas, no salón de actos nº 2 de San Caetano.

Na orde do día da Mesa Xeral de mañá, mércores, 2 de agosto, a Xunta incluíu a promoción interna ás categorías do persoal laboral do SPDCIF que se aprobou na oferta de emprego público (OPE) do ano 2016.

Seguimos a día de hoxe sen rastro do acceso libre aprobado na mesma OPE, amosando novamente a Xunta o seu desprezo cara o SPDCIF e os/as traballadores/as temporais que prestan servizo nel, co obxectivo claro de deixar aprobada a promoción interna nesta semana. Todo baixo o pretexto dun incerto proceso de funcionarización aínda sequera negociado.

Dende a CIG e a CSIF denunciamos a irresponsabilidade coa que se está a actuar dende as Consellería de Facenda e Medio Rural ó xogar coa incerteza e co futuro laboral dos/as traballadores/as temporais que se estaban xa preparando unha vez que o propio presidente da Xunta anunciara as oposicións para o final da campaña do 2016.

CSIF e CIG manifestamos novamente a nosa aposta pola inmediata convocatoria das oposicións ás categorías de persoal laboral do SPDCIF que remate coas impresentábeis taxas de temporalidade (nalgunha categoría superior o 70%) que sofre o SPDCIF e respectando as dúas premisas fundamentais: 

  • Desenrolarse previamente ós futuros procesos de funcionarización
  • Incluír a totalidade das prazas vacantes

Anunciamos xa a celebración dunha nova ASEMBLEA INFORMATIVA o próximo día 9 de agosto, ás 11 horas, no salón de actos nº 2 de San Caetano, na que definir e debater as actuacións a levar a cabo para reivindicar as convocatorias dos procesos de acceso libre no SPDCIF.