O COMITÉ INTERCENTROS OPONSE A QUE A CONSELLERÍA DE POLITICA SOCIAL FAGA UN CONVENIO CO SERGAS PARA AXILIZAR AS LISTAS AGARDA NOS EQUIPOS DE VALORACIÓN E ORIENTACIÓNDE DISCAPACIDADES (EVO).
- Ponse en risco este servizo público, obxectivo e rigoroso co conseguinte prexuízo para os usuarios.
O Presidente da Xunta de Galicia ven de anunciar estes días nos medios de comunicación, que a Xunta de Galicia vai asinar un Convenio co Sergas no que persoal deste organismo autónomo vai realizar funcións que legalmente solo poden ser realizadas por persoal propio da Conselleira de Política Social.
Dende o Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia queremos denunciar:
- O escurantismo có que a Xunta de Galicia quere realizar este Convenio, parcheando un problema de falla de persoal e de cobertura de postos cunha solución externa aos órganos que teñen a competencia dos procedementos en cuestión. Desde este Comité Intercentros en reiteradas ocasións se solicitou por escrito e verbalmente ter acceso ao convenio que da pe a esta externalización, sen que en ningún momento fose atendida a nosa petición.
- Que este problema de falla de persoal, derivado da mala xestión, organización e planificación dos responsables de persoal da Consellería de Política Social, por mor de non proceder ao incremento de prazas nos centros que sexan quen de atender a demanda xerada polos usuarios, orixina que nalgunhas provincias xa se superen os 12 meses de agarda para que os usuarios poidan ser valorados do seu grado de discapacidade, co conseguinte retraso nun recurso si este supera o 33%.
- Que os profesionais do SERGAS non poden realizar as funcións dun médico, nin doutro profesional dun equipo de valoración e orientación porque se incumpre o disposto no Real Decreto 1971/1999 modificado polo Real Decreto 1364/2012 de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalía, normativa que regula a composición dos órganos técnicos que terán que estar formados ao menos por un médico/a, un psicólogo/a e un trababallador/a social utilizando criterios interdisciplinarios.
É obriga moral deste órgano de representación do persoal laboral da Xunta de Galicia informar a cidadanía das consecuencias demoledoras que vai orixinar este Convenio aos usuarios dos equipo de valoración e orientación:
- Contradí o RD 1971/99 no relativo a composición dos órganos (medico, traballador social e psicólogo) e a interdisciplinaridade ao non valorar a persoa de xeito integral no seu aspecto bio-psico-social.
- Descontextualizase e fragméntase o proceso de valoración, convertendo o acto cualificador e de valoración nun acto burocrático e impersoal, coa imposibilidade de contrastar a información obtida polo órgano de valoración e a realidade funcional do solicitante concreto, incrementando deste xeito as posibilidades de erro.
- Falta de obxectividade dos informes que non poderán ser contrastados polos órganos de valoración, xa que, se farán sobre o papel, sen darlles a oportunidade de explicar como inflúen as súas doenzas na súa vida cotiá.
- Eliminación da rigorosidade na cualificación social, xa que, por un lado se requirirá o recoñecemento directo do usuario coa correspondente entrevista e por outro valorarase en base aos informes pertinentes non ofrecendo a estes últimos a información, asesoramento e orientación necesarios.
Por todo isto, O Comité Intercentros esíxelle a Xunta de Galicia e a Conselleira de Política Social:
- A Cobertura inmediata de todos os postos vacantes coa creación dos necesarios nas distintas Xefaturas Territoriais que así o precisen, de cara a desatacar esta situación.
- Que non obrigue o seu persoal a dar por válido un traballo que non fixo, obviando a súa profesionalidade demostrada dende a súa creación ata o de agora.
- Que a Xunta de Galicia e a Consellería de Política Social desistan da súa intención de derivar funcións que deben realizar única e exclusivamente os profesionais da Consellería.
Por último, comentar que este Comité Intercentros estudará a posibilidade de emprender as accións legais oportunas unha vez que se lle obrigue o seu persoal a incumprir premeditadamente a normativa en materia de valoración do grado de discapacidade poñendo en risco este servizo público, obxectivo e rigoroso co conseguinte prexuízo para os usuarios.