Proposta de acordo para o desenvolvemento do Plan de Estabilidade do emprego público

Esta é a proposta de acordo para o desenvolvemento do Plan de Estabilización. Poderán presentase alegacións ata as 14:00 horas do vindeiro venres 13 de outubro.

ACORDO ENTRE A XUNTA DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS …. PARA O DESENVOLVEMENTO DUN PLAN DE ESTABILIDADE NO EMPREGO DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Os servizos públicos experimentaron durante o período de crise un importante aumento da temporalidade no emprego. A maior presenza de persoal temporal débese fundamentalmente a tres factores: o mantemento sen redución dos servizos públicos, que obrigou a incorporar novo persoal; as limitacións impostas pola normativa estatal en materia de reposición de efectivos a través das ofertas de emprego e o avellentamento dos cadros de persoal nos servizos públicos.

Consideramos que unha elevada taxa de temporalidade no emprego non é conveniente nin para os profesionais nin para o funcionamento dos servizos públicos que se prestan á cidadanía. Por iso, semella axeitado adoptar co maior grao de consenso posible as políticas de persoal que nos permitan reducir a actual taxa de temporalidade no emprego para acadar a plena estabilidade dos nosos cadros de persoal.

Como consecuencia do anterior, en uso da habilitación potestativa que a Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017 outorga ás Comunidades Autónomas, e recollendo as propostas que trasladaron as organizacións sindicais, as partes representadas neste acordo, no marco de negociación referido ao conxunto do persoal ao servizo da Xunta de Galicia  se comprometen a elevar á Mesa Xeral de Negociación dos Empregados Públicos e/ou a Comisión Superior de Persoal o presente documento e

ACORDAN

Primeiro.- Obxecto do acordo.

O presente acordo ten por obxecto o desenvolvemento dunha iniciativa plurianual planificada dirixida a incrementar a estabilidade no emprego público dependente da Xunta de Galicia, co obxectivo de reducir a taxa de temporalidade ata situala na contorna do 7%.

Segundo.- Ámbito de aplicación.

O presente acordo será de aplicación ao emprego público dependente da Xunta de Galicia que se concreta nos seguintes ámbitos de representación:

  • Mesa sectorial de funcionarios públicos e persoal laboral
  • Mesa sectorial de persoal docente
  • Mesa sectorial de persoal estatutario
  • Mesa sectorial de persoal de xustiza, coas especificidades en materia de selección e provisión propias deste ámbito.

O presente acordo tamén poderá ser de aplicación ás entidades do sector público autonómico que conten con persoal ao que se refire o apartado 6 do artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017, nos termos previstos na propia lei.

Terceiro.- Plan de estabilidade

No ámbito da Xunta de Galicia, para o período de vixencia do presente acordo, aprobaranse ofertas de emprego ordinarias e tamén de estabilización. Para estes efectos, a Xunta de Galicia acollerase ás previsións establecidas na Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017.

As taxas de reposición que se aplicarán a estes procesos serán as previstas no artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017, totalizando unha cifra superior ás 14.000 prazas (cifra provisional e orientativa).

Cuarto.- Medidas en favor da redución de emprego temporal.

4.1.- En desenvolvemento do plan de estabilidade que é obxecto deste acordo, as ofertas de emprego poderán abranguer en cada un dos sectores e ámbitos as prazas que veñan estando ocupadas por persoal cunha vinculación temporal que reúna os requisitos aos que fai referencia o artigo 19.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017, de forma que se poida reducir ao longo dos próximos tres anos nun máximo dun 90% as prazas ocupadas de forma temporal e a cifra do persoal cunha vinculación temporal existente a data de 31 de decembro de 2016.

Todo iso coa finalidade de reducir a temporalidade en cada un dos sectores, para reforzar a estabilidade dos cadros de persoal, sen que ao finalizar o período se produza de novo un incremento das taxas de temporalidade, que deben manterse na contorna do 7% e sempre dentro dos límites e regras do gasto establecidos.

4.2.- A articulación destes procesos selectivos, que en todo caso garantirán o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade, poderán ser obxecto de negociación en cada un dos ámbitos sectoriais. En cada ámbito poderá ser obxecto de valoración entre outros méritos, no seu caso, o tempo de servizos prestados á administración unicamente na fase de concurso.

Da resolución destes procesos non poderá derivarse, en ningún caso, incremento de gasto nin de efectivos, debendo ofertarse nestes procesos, necesariamente, prazas de natureza estrutural que se atopen desempeñadas por persoal interino ou eventual estatutario na mesma situación nos termos do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde.

4.3.- De conformidade co previsto no artigo 19.4 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017 a convocatoria de prazas de carácter estrutural do persoal laboral que estean cubertas por un indefinido declarado non fixo por sentenza xudicial non computará a efectos da taxa de reposición.

Tampouco computará a efectos da taxa de reposición a convocatoria de prazas que, nos termos previstos na disposición transitoria cuarta do texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público, estean dotadas orzamentariamente e, dende unha data anterior a 1 de xaneiro de 2005, estean ocupadas ininterrumpidamente de forma interina ou temporal. A estas convocatorias seralles de aplicación o previsto no apartado terceiro da citada disposición transitoria do Estatuto Básico do Empregado Público.

Quinto.- Desenvolvemento das medidas.

A Xunta de Galicia incorporará ao anteproxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 as medidas necesarias para o cumprimento do presente acordo.

Sexto.- Comisión de seguimento.

Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de interpretación e control do presente acordo que estará composta por un membro por cada unha das organizacións sindicais asinantes, ou adheridas ao mesmo, e un número igual de membros por parte da administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa na que este delegue e será secretario un funcionario público con rango de subdirector xeral ou xefe de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

En cada un dos ámbitos de representación establecidos no punto segundo deste acordo crearanse subcomisións de seguimento para atender ás especificidades dos procesos en cadanseu sector. Estará composta por un membro por cada unha das organizacións sindicais asinantes, ou adheridas ao mesmo, e un número igual de membros por parte da administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral ou persoa na que este delegue e será secretario un funcionario público con rango de subdirector xeral ou xefe de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Sétimo.- Ampliación do acordo

No suposto de que con posterioridade á sinatura do presente acordo se adoptasen medidas normativas que habilitasen a posibilidade de ampliar o seu ámbito material e subxectivo, as partes poderán adoptar ulteriores acordos de ampliación.

Oitavo.- Vixencia do acordo.

O presente acordo será eficaz dende a súa sinatura e resultará de aplicación ás ofertas de emprego do período 2017-2020, despregando os seus efectos durante o prazo abondo para a execución das medidas nel propostas.

Noveno.-Publicación.

O presente acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia. Autorízase ao persoal que a dirección xeral da Función Pública designe para a realización dos trámites ante a autoridade laboral conducentes ao seu rexistro e publicación.