Réxime de prestación dos servizos veterinarios oficiais na Consellería de Mar

Documento co réxime de prestación dos servizos de veterinarios oficiais na Consellería do Mar remitido pola Dirección Xeral de Función Pública para negociación.

1 ANEXO

REXIME DE PRESTACION DOS SERVIZOS VETERINARIOS OFICIAIS NA CONSELLERÍA DO MAR.

I.-  Obxecto e ámbito de aplicación

É obxecto deste acordo definir a organización para a prestación efectiva dos servizos veterinarios fóra dos horarios habituais a través do  “Sistema de Atención Continuada e de Alerta Veterinaria”. Este sistema, no concerniente á Consellería do Mar, aplicarase ao Servizo de Inspección e Control dos Recursos, do que dependen funcionalmente todos os efectivos con funcións inspectoras afectados por este acordo.

Estas actividades fora dos horarios habituais, comprenden:

  • A preceptiva vixilancia no ámbito do “ Sistema de Atención Continuada e de Alerta Veterinaria”, e de alerta por Seguridade Alimentaria, no ámbito competencial da Consellería do Mar.
  • A necesaria atención ás actividades de Control Oficial que se desenvolven no ámbito dos Programas Nacionais de Control da Cadea Alimentaria que son competencia deste servizo, así como dos procedementos de traballo específicos incluídos o Plan de Control específico, e doutras instrucións que o poidan precisar.
  • As prolongacións horarias, fora do horario habitual, indispensables para a finalización de controis xa iniciados.

II.- Tipos de actuacións efectivas realizada fora dos horarios habituais

Entre estas actuacións efectivas pódense diferenciar dúas modalidades, atendendo ao modo no que se coñece a necesidade de prestación do servizo:

1/ Actuacións efectivas programables.

2/ Actuacións efectivas non programables.

1/ Dentro das actuacións efectivas programables encádranse:

a/ Actuacións de control veterinario oficial en lonxas, embarcacións e outros puntos de control, que polas súas particularidades de funcionamento teñan que ser inspeccionados nos  días laborais fóra dos horarios habituais e que se atopen previstas nalgún dos programas competencia do Servizo de Inspección e Control dos Recursos.

Na actualidade os programas atribuídos competencialmente ao Servizo de Inspección e Control dos Recursos son os seguintes:

  • Programa de control de hixiene en acuicultura.
  • Programa de control de hixiene en pesca extractiva.
  • Programa de control de rastrexabilidade dos produtos pesqueiros.
  • Programa de control da sanidade dos animais acuáticos.

b/ Participación en reunións de coordinación, charlas divulgativas e accións formativas dirixidas a operadores do sector cando sexa necesario por motivos de alerta veterinaria.

2/ Dentro das actuacións efectivas non programables á súa vez podemos diferenciar :

a/ Aquelas nas que o feito que as motiva sucede de xeito imprevisto fóra do horario habitual de traballo.

b/ Aquelas que son motivadas  por circunstancias imprevistas, sobrevidas dentro do horario habitual, onde a resolución resulte inaprazable por razón da salvagarda da saúde pública ou sanidade animal acuícola  ou da seguridade na cadea alimentaria, e que por iso  requiren da prolongación ou adaptación da xornada con actuación efectiva  fóra do horario habitual do funcionario.

III.- Organización para a prestación de servizos fora do horario habitual

a.- Actuacións Programables

a1/ Para a cobertura de necesidades de realización efectiva de servizos veterinarios en actuacións programables  o/a  xefe/a do Servizo de Inspección e Control dos Recursos aprobará semestralmente un “Cadrante de Servizos Especiais” coa distribución de servizos a realizar necesarias para atender ás actuacións de control oficial en lonxas, embarcacións, áreas de descarga e outros puntos de control fóra dos horarios habituais.  Os servizos distribuiranse de xeito equilibrado entre todo o persoal con función inspectora, adscrito ao Servizo de Inspección e Control dos Recursos. As actuacións programables serán dun máximo de 5 anuais por persoa. O “Cadrante de servizos especiais” será entregado ao persoal afectado cunha antelación mínima de quince días antes do comezo do semestre ao que corresponda.

a2/ Cando por razón do aseguramento da saúde pública ou sanidade animal acuícola  ou da seguridade na cadea alimentaria se considere necesaria programar actuacións efectivas de control oficial no ámbito da comunidade autónoma,  fóra dos horarios habituais, á proposta dos veterinarios de inspección, o/a xefe/a do servizo de inspección e control dos recursos poderá aprobar  “Cadrantes Adicionais de Servizos Especiais” en cuxa realización participará o persoal veterinario adscrito ao devandito servizo.

a3/ No marco de campañas divulgativas, accións formativas, organización de actuacións sectoriais, ou outras circunstancias poderanse programar actuacións puntuais efectivas do persoal veterinario fora dos horarios habituais. Para iso o/a xefe/a do servizo de inspección e control dos recursos, por iniciativa propia ou á proposta dos inspectores adscritos ao servizo, poderá aprobar a realización destas actuacións puntuais.

a4/ A realización efectiva das actuacións especiais, deberá acreditarse mediante presentación de acta que deberá presentarse diante do/a xefe/a do servizo de inspección e control dos recursos que dará conta diso á Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia.

a5/ Na elaboración e cumprimento do “Cadrante de Servizos Especiais” respectaranse os descansos semanais e entre xornadas normativamente establecidos.

b.- Actuacións non programables

b.1/ Prolongación – adaptación horaria

b.1.1/ Cando dentro do horario habitual sucedan  circunstancias imprevistas  cuxa resolución a criterio do/a veterinario/a  actuante, resulte inaprazable por razón da salvagarda da saúde pública ou sanidade animal acuícola  ou da seguridade na cadea alimentaria,  e que por iso  requiren da prolongación da xornada fóra do horario habitual do/a  funcionario/a, o/a veterinario/a actuante deberá informar das circunstancias ao/á xefe/a de servizo de inspección e control dos recursos quen recabará os datos precisos para autorizar a prolongación horaria.

b.1.2/ O/A xefe/a do servizo de Inspección e Control dos Recursos a proposta do/da inspector/a, ou por iniciativa propia, ante a constatación de circunstancias imprevistas cuxa resolución, resulte inaprazable por razón da saúde pública ou sanidade animal acuícola  ou da seguridade na cadea alimentaria, poderá ordenar, directamente ou a través do xefe de sección de Seguridade alimentaria e Sanidade Animal,  que persoal veterinario incluído no Sistema de Alerta Veterinaria, realice actuacións directas ou de apoio ao control oficial que requiran da prolongación fóra do horario habitual. O/A xefe/a de servizo de Inspección e Control dos Recursos ordenará prioritariamente a realización destas actuacións ao persoal que se atope cubrindo quendas de localización, e en todo caso este persoal prestará todo o apoio necesario coa finalidade de reducir ao mínimo posible a prolongación horaria do persoal afectado pola orde.

b.2 Quendas de localización

b.2.1/Para o persoal integrado no Sistema de Alerta Veterinaria, establécense dous tipos de quendas de localización dentro do “Servizo de Alerta Veterinaria Continuada” deseñado para a atender as incidencias relacionadas co control oficial en materia da protección da saúde pública, sanidade animal acuícola  ou da seguridade na cadea alimentaria, que poidan suceder fora dos horarios habituais do persoal veterinario:

  • Alertas establecidas oficialmente no Sistema de Atención Continuada e de Alerta Veterinaria.
  • Alerta establecida oficialmente por Seguridade Alimentaria no que poida corresponder competencialmente á Consellería do Mar.

Quendas de tardes: Desenvólvense de luns a xoves coa seguinte banda horaria; dende as 15:15 hs. ata as 22hs en días non festivos e de 8hs a 22hs en días festivos.

Quendas de fin de semana: Desenvólvense dende o venres até o domingo coa seguinte banda horaria; dende as 15:15 hs ás 22hs do  venres, e dende as 8hs ás 22hs dos sábados e domingos. No caso de que o venres sexa  festivo a localización deberá ampliarse nese día entre as 8 hs e as 22hs.

b.2.2/  No sistema de Alerta Veterinaria o/a xefe/a de sección de Seguridade Alimentaria e Sanidade Animal e o/a xefe/a do Servizo de Inspección e Control dos Recursos estarán obrigados á realización de servizos de apoio en funcións de coordinación durante as tardes, os fins de semana e festivos. Se as circunstancias sobrevidas o fan necesario, ou ben tras solicitude do veterinario actuante, a xefatura de servizo /de sección poderá considerar a súa participación directa na actuación.

b.2.3/ Os/As  veterinarios/as permanecerán localizados a través de teléfonos móbiles postos a súa disposición pola administración, onde recibirán as notificacións de incidencias canalizadas a través da propia estrutura dos SSVVOO, ou no seu caso das forzas e corpos de seguridade.

b.2.4/ O/A veterinario/a  unha vez recibida a información deberá realizar a correspondente valoración de risco en dependencia de cuxo resultado, poderá optar por xestionar a incidencia a través da mesma vía telefónica, ou desprazarse para resolver a incidencia “in situ” unha vez reciba, de ser posible, a autorización da Xefatura de Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia , no suposto de non poder realizar dito contacto o veterinario actuará de acordo co seu criterio profesional.

b.2.5/ Tendo en conta os efectivos existentes, o número de veterinarios/as para asumir as quendas de localización no ámbito da Comunidade Autónoma, dentro do “Servizo de Alerta Veterinaria Continuada” en circunstancias normais estímase en 2 para toda a comunidade autónoma. Este número poderá ser incrementado puntualmente por resolución do centro directivo competente, oídas as organizacións sindicais, en circunstancias de crise sanitaria declarada.

b.2.6/ Para cubrir as necesidades do “Servizo de Alerta Veterinaria Continuada” asígnaselle a  cada Veterinario de Inspección Pesqueira un total anual de 5 quendas de localización de tardes e outras 5 de fin de semana.

b.2.7/ O cadrante de quendas asignadas ao persoal veterinario será aprobado polo/a xefe/a de servizo de Inspección e Control dos Recursos e comunicado con antelación suficiente aos afectados, correspondendo a lo menos unha quenda por trimestre.

b.2.8/  No cumprimento das actuacións non programables respectaranse os descansos semanais e entre xornadas normativamente establecidos.

IV Retribución polos servizos efectivos prestados.

A dispoñibilidade para a realización efectiva de actuacións fóra da xornada habitual, e para a participación nas quendas de localización considérase unha condición inherente ao desempeño das función dos posto de traballo de veterinario con función inspectora, polo que se retribúe xa de xeito estable e continuado a través do  complemento específico,  segundo a cualificación de cada posto na Relación de Postos de Traballo de conformidade co disposto no “Acordo para a ordenación e mellora dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia”

A realización de actuacións fóra da xornada habitual, como consecuencia da aplicación do exposto nos apartados anteriores, darán dereito á percepción dun complemento de produtividade cuxo importe se calculará  en relación directa coas horas ou fraccións de hora efectivamente empregadas, computando como o tempo necesario por cada actuación efectiva o empregado polo/a funcionario/a tomando como punto de inicio e final  da actuación o seguinte:

-Actuacións programables: a localización das oficinas donde estea destinado

– Actuacións non programables: a localización do domicilio do veterinario

  Fíxase un valor de 22 euros hora establecendo un mínimo de 3 horas por saída. No suposto de actuacións en horario nocturno (de 22 hs a 8 hs) establécese un mínimo de 7 horas por saída.

Nova relacionada: