Recóllese a continuación un breve resume do tratado no pleno ordinario do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia, celebrado o 20/12/2017, respecto dos seguintes asuntos:
- Presentación e debate da programación de actividades a realizar no ano 2018 pola Administración Xeral da Xunta de Galicia:
a) Organización e xestión.
Dende CSIF solicitamos que no plan anual de actividades en materia preventiva, se recolla ou incluía de maneira específica dous epígrafes que incorporen as actuacións específicas tanto para a Consellería de Política Social como para a Consellería de Medio Rural, debido a súa casuística en canto ao elevado número de accidentes e sinistralidade. Acéptase a proposta formulada, polo que se recollerá nun anexo as actuacións específicas previstas para estas consellerías.
b) Avaliacións.
Dende CSIF solicitamos, que sempre que sexa factible e non supoña unha carga de traballo para o persoal do SPR, que na programación de avaliación de riscos que se establece para cada centro se especifique o criterio, o motivo ou o requisito polo que se planifica a referida avaliación en cada un dos centros, tales como poden ser o tempo transcorrido, debido ao tratarse dunha primeira avaliación, por incrementarse o índice de accidentes, por ser a petición do propio centro, etc. Acéptase a solicitude efectuada e recollerase nun recadro a maiores o referido motivo e/ou criterio polo que se ten prevista a avaliación correspondente.
No referido ás avaliacións programadas, cabe subliñar que todas as que se teñen previsto desenvolver nos servizos centrais da Xunta centraranse naqueles postos de traballo que realicen tarefas de campo, tales como inspectores.
c) Vixilancia da saúde.
Respecto deste apartado, infórmasenos que estase pendente de volver a adxudicar o novo contrato para o desenvolvemento desta prestación, toda vez que remata o prazo de solicitudes o vindeiro 23 de xaneiro.
Do mesmo xeito, trasládasenos que nunha vindeira xuntanza do CISSL procederase a estudar ou analizar os diferentes protocolos específicos de vixilancia da saúde en función do posto de traballo dos que dispoñemos actualmente na Administración Xeral da Xunta de Galicia.
d) Formación.
Dende CSIF solicitamos que se inclúa, dentro da formación desenvolta polo SPR propio e alleo (Cualtis), a previsión da formación específica para os membros do protocolo de acoso laboral. Dende o SPR infórmasenos que si está previsto unha formación específica neste eido, pero que non se recolle dentro deste plan por non corresponderse coa programación anual preventiva.
e) Participación sindical.
Achégasenos a táboa de reunión dos diferentes comités de seguridade e saúde laboral, podendo concluír que aínda que existindo unha lixeira melloría en canto ás xuntanzas efectuadas nesta materia, segue estando por debaixo do 40% das reunións que preceptivamente establece a lei.
f) Medidas Emerxencia.
Dende CSIF solicítase que se manteña o mesmo procedemento que o formulado con anterioridade para o caso das avaliacións de riscos. Neste senso, O SPR tamén se compromete a incluír os criterios explicativos polos que se planifican as referidas medidas.
Neste caso, dende CSIF volvemos a insistir na necesidade de contar cun rexistro centralizado do persoal que conforma os grupos de acción dos diferentes centros e que estea permanentemente actualizado.
- Rogos e preguntas.
Preguntamos polas peticións efectuadas pola CSIF no anterior CISSL respecto do estado da elaboración do protocolo xeral ou documento de xestión dos riscos de tipo psicosocial da Administración Xeral da Xunta, así como a celebración dunha xuntanza con representantes da Mutua para dar conta do procedemento, os requisitos e/ou as condicións que teñen en conta para a cobertura no caso de accidentes in itinere para aqueles casos de flexibilidade horaria e permisos por horas do persoal da Administración Xeral da Xunta. Dende o SPR infórmasenos que están en trámite ambas cuestións.
Establécese tamén neste punto que, no que atinxe á cobertura de seguros dos vehículos oficiais da Xunta de Galicia, no próximo prego de cláusulas administrativas se inclúa unha cláusula que proceda tamén a cobertura dos bens persoais no caso de accidente. Este punto queda pendente de traslado ao órgano correspondente para a súa valoración.