Nota informativa sobre a reunión mantida (12/04/2018) coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio,que convocou ás organizacións sindicais a unha reunión cun único tema a tratar :’Proposta de modificación a través do anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural da Lei 9/2017, de 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas en relación as funcións dos gardas de recursos naturais’.
A Vicesecretaría Xeral realizou unha breve exposición inicial e resumíu o proceso de creación da escala de Gardas de Recursos Naturais. Explicou que, debido a un erro na publicación da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas do 2017, non se incorporou unha emenda presentada polo Grupo Parlamentario Socialista e aceptada polo Grupo Parlamentario do Partido Popular no senso de eliminar as funcións de Policía dentro das funcións da Escala de Gardas de Recursos Naturais.
Ante esta situación, a Consellería quere coñecer a opinión das organización sindicais sobre se proceder a supresión das funcións de Policía a través da Lei de Patrimonio Natural.
Posturas sindicais:
CSIF culpou a Administración de crear un problema e sostivo que este tema podería ser xestionado doutro xeito se antes da creación da Escala de Gardas de Recursos Naturais se tivese negociado coas OO.SS unha solución de consenso.
Así mesmo, CSIF manifestou que a solución pasaría por cumprir o Acordo de 2008 de reclasificación dos Vixiantes de Recursos Naturais no grupo IV en vez de proceder de forma unilateral á creación da Escala. Recordámoslle que os Vixilantes de Recursos Naturais veñen desenvolvendo as funcións de Policía e custodia dos recursos naturais dende o IV Convenio, asinado por CSIF, CIG, CCOO e UXT no ano 2002.
En canto a coincidencia de funcións da Escala de Gardas de Recursos Naturais coa Escala de Axentes Medioambientais, CSIF considerou que non se existe duplicidade e que non se incumpre o disposto na Lei de Emprego Público de Galicia, toda vez que non hai coincidencia de titulación e funcións. A este respecto, o artigo 40.4 da Lei de Emprego Público prohíbe a creación de novas escalas cando a titulación e funcións sexan idénticas a outras xa existentes. E neste caso non se dan os requisitos, pois non coinciden a titulación nin tampouco as función(s) polo que non procede suprimir de entre as funcións da Escala de Gardas de Recursos Naturais a de Policía.
Non obstante, para CSIF a solución alternativa pasaría por retomar o Acordo de 2008 de reclasificación dos Vixiantes de Recursos Naturais no grupo IV coas mesmas funcións que ten asignadas na nova Escala, e habilitando mediante Lei aos Vixiantes de Recursos Naturais para exercer funcións de Policía e dotalos así de presunción de veracidade. A este respecto, ponse de exemplo a Lei de Patrimonio Natural da Comunidade Autónoma de Castela-León, onde se lle confiren funcións de Policía tanto aos Axentes como aos Celadores.
CIG entende que existe duplicidade de funcións con outras escalas e pide a supresión da Escala de Gardas de Recursos Naturais e incluír aos vixilantes de Recursos Naturais na Escala de Axentes forestais C2. Nunha segunda intervención e como alternativa a non supresión por parte da Administración da Escala de Gardas de Recursos Naturais, pide modificar as funcións asignadas a esta Escala, suprimindo as función de Policía e incluír que os Gardas de Recursos Naturais exerzan como auxiliares dos axentes forestais.
CCOO entendeu que non existe duplicidade de función coas demais escalas e considerou que non é necesario modificar as funcións.
UXT entendeu que existe duplicidade de funcións e propuxo como solución integrar aos vixilantes de recursos naturais na escala de axentes forestais C2.
Pola súa parte, a Consellería de Medio Ambiente manifestou que é imprescindible habilitar aos Vixiantes de Recursos Naturais das ferramentas legais e xurídicas necesarias para poder desenvolver o seu traballo polo que considera que non procede retirar as funcións de Policía de entre as asignadas a nova Escala de Gardas de Recursos Naturais.