Os sindicatos apostamos por un servizo de prevención e extinción de incendios 100% público, que elimine a actual fragmentación do dispositivo.
- CIG, CCOO, CSIF e UGT convocamos unha concentración de bombeiros forestais da Xunta o vindeiro 30 de novembro.
CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciamos que nos próximos días a Consellaría do Medio Rural ten previsto comezar o desmantelamento do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Xunta de Galicia. Deste xeito, irán á rúa 436 empregados e empregadas públicas, con contratos precarios fixo descontinuos que remataron o seu período de actividade o pasado 31 de outubro, mentres que o 30 de novembro a medida afectará a outros 610.
O desmantelamento acometido pola Consellaría que dirixe José González Vázquez implica unha redución de máis do 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais. En concreto, más de mil bombeiros forestais, vixilantes, emisoristas e operadores irán ao paro entre o 31 de outubro e o 30 de novembro.
Os catro sindicatos consideramos irresponsable esta redución dos efectivos dispoñibles, só un ano despois da vaga de lumes que sufriu Galicia no ano 2017 e que, en poucos días, queimou miles de hectáreas.
Incendios de outono ou primavera, e incluso inverno, que non son un fenómeno illado, pois temos como exemplo o acontecido en outubro de 2011 e marzo do 2012, que en condicións adversas se poden converter en lumes descontrolados.
Concentración o 30 de novembro
CIG, CCOO, CSIF e UGT reclamamos rematar coa precariedade laboral que sofre unha gran parte do SPDCIF. Esiximos un redimensionamento do número de efectivos para garantir a prestación efectiva de servizos durante todo o ano, para o que cómpre que traballen todos os efectivos. Con este motivo convocamos a todos os traballadores e traballadoras as do SPDCIF a concentrase diante da Consellaría do Medio Rural o vindeiro 30 de novembro, ás 11 horas.
CIG, CCOO, CSIF e UGT insistimos na urxente necesidade dun cambio de modelo no dispositivo do SPDCIF, apostando por un servizo 100% público, prestado directamente pola Administración, sen intermediarios. É necesario que o 100% das contratacións do operativo se realicen directamente a través das listas de contratación, ao abeiro do decreto que regula o procedemento na Administración autonómica.
Asemade, esiximos a recuperación dos dereitos laborais roubados coa escusa da crise económica e rematar coa precariedade laboral a través dunha oferta de emprego crible e real. Cómpre lembrar que as taxas de interinidade superan, nalgún caso, o 70%.
.