Vacacións impostas no Servizo de Incendios. O seu persoal ten carácter de esencial

CSIF rexeita a imposición de vacacións forzosas aos empregados públicos do SPIF durante o estado de alarma e esixe á Consellería de Medio Rural que revoque a orde. O persoal do  SPIF ten a consideración de servizos esenciais

A Consellería do Medio Rural está a aproveitar o establecemento do estado de alarma para impoñer a unha parte dos seus traballadores o período de vacacións que, segundo o V Convenio Colectivo, poden ser determinadas pola administración en función ás necesidades do servizo.

Para algúns “iluminados” parece que as necesidades actuais do servizo é dar vacacións aos traballadores, obviando o carácter esencial das súas función con tarefas de asistencia a emerxencia do COVID-19 no rural galego.

Neste senso, temos que lembrar aos responsables da Consellería de Medio Rural que o Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) é un servizo de emerxencias con funcións de carácter esencial conforme o establecido na RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Lembramos tamén que o acordo do CECOP do 30 de marzo de 2020 autorizou ao SPIF a actuar no rural galego en funcións de servizo de asistencia a emerxencia do COVID-19 e que ditas funcións estanse a levar a termo con un gran número de persoal voluntario pertencente as diferentes categorías do SPIF.

Por todo elo, a CSIF considera un auténtico disparate e unha incongruencia que, nun servizo de carácter esencial e con competencias para actuar no rural galego na crise do coronavirus, se impoña aos traballadores/as ao desfrute dunha parte das súas vacacións, deixando inoperativo unha parte do servizo.

Asemade, a CSIF lle consta que a mesma medida está prevista para unha parte dos traballadores/as de alto risco no momento en que se reincorporen a actividade, fecha na que posiblemente siga en vigor o estado de alarma.

Os empregados/as públicos, tamén os do SPIF, teñen dereito a unhas vacacións dignas que, dende logo, son incompatibles co seu desfrute en medio do estado de alarma e coa poboación confinada.

Os traballadores/as do SPIF merecen respecto. Non chegan as boas palabras e os “tweets” aos que nos ten acostumados o Sr. Conselleiro. O que se está a facer nun servizo de carácter esencial é un despropósito e supón un gravísimo desprezo aos dereitos e a dignidade dos traballadores públicos do SPIF, polo que esiximos que se anulen as vacacións impostas aos traballadores mentres dure o estado de alarma. En caso contrario, comezaremos a valorar as posibles medidas xudiciais na defensa dos dereitos dos traballadores afectados.