Campaña de vixilancia da saúde para persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia

A vixilancia da saúde consiste na observación do estado de saúde do persoal traballador en función dos riscos inherentes ao seu traballo.

Para a campaña de 2021 o prazo de inscrición está aberto do 4 de febreiro ao 3 de maio.

Hoxe sae publicado no DOG a Resolución do 28 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se dá publicidade á campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2021 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.

OBXECTO

Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo, segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

ÁMBITO DE APLICACIÓN

É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galicia, agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

INSCRICIÓN

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galicia) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorridos 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición.

CITACIÓNS

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

RESULTADOS E ENTREGA DOS INFORMES DA VIXILANCIA DA SAÚDE

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo/a facultativo/a competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase preferiblemente de forma telemática a cada traballador/a.