A EGAP discrimina aos funcionarios dos grupos A1 e A2 na súa formación en beneficio do actual persoal directivo

O centro de formación de todos o empregados públicos aplica políticas endogámicas na selección dos cursos en beneficio do persoal directivo.

A Escola Galega de Administración Pública está impartindo un “Curso superior de planificación estratéxica, xestión  e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia”. Esta actividade formativa ten un total de 70 prazas destinadas exclusivamente ao persoal que desempeñe postos  directivos (vicesecretarías xerais, subdireccións xerais, secretarías territoriais e xefaturas territoriais).

Sen embargo, e tal como establecen as bases da convocatoria, no caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas,  tería dereito a realizar o curso os funcionarios  que estivesen a desempeñar postos de xefatura de servizo ou equivalentes  (DOG nº 63 do 30 de marzo de 2023).

Segundo figura na ficha do curso, o programa desta actividade é maioritariamente formación transversal e,  polo tanto,  correspondese coas competencias de carácter xenérico para desenvolver eficientemente calquera posto de traballo dos  subgrupos A1 e A2, toda vez que moitos  dos contidos abórdanse noutras actividades formativas.

Dende CSIF podemos  entender que sexa destinatario preferente o persoal que estea ocupando na actualidade posto directivo, máis non podemos aceptar que poida ser excluído o persoal dos subgrupos A1 e A2 impedindo a súa mellora profesional.

O resultado da mala planificación deste curso foi que para cubrilas 70 prazas  presentaron solicitude (logo de amplialo prazo) 72 persoas, das que soamente 29 ocupaban os postos directivos exclusivamente, polo que 43 solicitantes  foron excluídos. Entre eles varias persoas dos subgrupos A1 e A2. (Datos publicados na web da EGAP) .

Deses 29 admitidos (persoal directivo todos eles)  renunciaron varios, o que amosa o escaso ou nulo interese destes «directivos» pola formación ofertada pola  EGAP.

O resultado foi que quedaron sen cubrir máis do 60%  das prazas do curso,  quedando sen a formación  funcionarios dos subgrupos A1 e A2 interesado nela e que sacarían un bo aproveitamento do curso.

Todo parece indicar que o obxectivo de limitar os destinatarios dos grupos A1 e A2 desta actividade formativa é eliminala competencia dos posibles aspirantes nun futuro a postos directivos, baixo a excusa de non ter realizado, precisamente, este curso superior.

A planificación estratéxica como manifestou o Sr. Conselleiro de Facenda no acto de apertura do citado curso, é clave para garantir unha mellora dos servizos públicos e un uso responsable e eficiente dos recursos públicos, cousa que non se cumpriu ao quedar desertas mais do 60% prazas ofertadas. Todo o que ven sendo unha exemplo de pésima xestión e peor utilización dos recursos públicos.

E todo elo debido a unha errónea política endogámica dirixida a beneficiar a quen ocupa na actualidade un posto directivo en prexuízo dos funcionarios que aspiren a ocupalo nun futuro.