Nota informativa sobre a modificación de diversas RPT’s, Procesos Selectivos e outras novas

Nota informativa das Mesas Xeral de Empregados Públicos e Mesa Sectorial de Funcionarios celebradas o 30 de xuño de 2023

1.- Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos

Na Mesa Xeral que tivo lugar o pasado venres, o asunto a tratar foi a modificación da relación de postos de traballo de AGADIC.

Cando arrancou a negociación desta modificación o pasado mes de febreiro, a axencia presentou unha proposta que, ademais de supoñer unha evidente destrución de emprego público, estaba chea de decisións arbitrarias de dubidosa xustificación. O primeiro, lamentablemente, xa non nos sorprende. O segundo semellaba un conxunto de modificacións á carta so para algunhas das persoas traballadoras da axencia. ¿Por qué motivo a estes si e a estes outros non? Poucas explicacións…

Amortización de postos base, amortizacións diferidas, ¿postos a extinguir…?, reclasificacións, complementos salariais para uns sí e para outros non…Un auténtico despropósito propio de outros tempos, tal e como denunciamos dende CSIF no seu momento.

Finalmente, logo da intervención das organizacións sindicais, chega esta proposta á Mesa Xeral con grandes cambios. Elimináronse as reclasificacións directas, o reparto discrecional de complementos, algunha libre designación e as aperturas desproporcionadas a toda clase de persoal.

Dende CSIF celebramos que a modificación comece a parecer algo serio, despois do sobresalto que levamos cando nos presentaron a primeira proposta. Así e todo, o balance final segue a supoñer unha importante destrución de emprego.

2.- Mesa Sectorial de Funcionarios da Administración Xeral da Xunta de Galicia

Na Mesa Sectorial tratáronse modificacións das RPTs da ATRIGA, Política Social e Augas de Galicia.

No caso da ATRIGA, créanse varios postos nas delegacións da Coruña e Lugo ao asumir estas o traballo das correspondentes zonas de recadación. Ábrese tamén unha xefatura de área de asuntos xerais ao corpo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cambios en Política Social afectan a catro postos e veñen impostos polo proceso de funcionarización.

No caso de Augas de Galicia, trátase da adaptación do nivel de dous postos procedentes do cadro de persoal da extinta EPOSH.

Ningunha organización sindical presentou alegacións a estas modificacións.

3.- Procesos Selectivos

Na Mesa Xeral falouse tamén das bases de varios procesos selectivos (orientación laboral, inspección turística, condución, sistemas e tecnoloxías da información, letrados e estatísticos).

Aínda estamos á espera da convocatoria de moitas prazas da OPE de 2020, pero dende Función Pública indican que a cobertura destes postos que agora se negocian é prioritaria. Entendemos a urxencia, pero seguiremos insistindo. Agora “tocan” estes”…

O director xeral de Función Pública anunciou algúns cambios con respecto aos borradores achegados. Pequenos cambios nos temarios, no desenvolvemento de algúns exercicios e no prazo para realizalos. Algún cambio nos criterios de desempate. E pouco máis. Os cambios nos parecen menores en relación ao que vimos reclamando dende CSIF

Para CSIF é fundamental que é que a promoción interna sexa tratada dun xeito diferenciado:

  • Sistema de Selección por concurso-oposición, en ningún caso oposición.
  • Maior simplificación e minoración de temarios con respecto ao acceso libre
  • Batería de preguntas, do mesmo xeito que se está a facer nos procesos de funcionarización.

Así mesmo, no caso da Inspección de Turismo, débese estar ao establecido no Decreto 40/2001, de 1 de febreiro, que regula a súa actividade, e que esixe que o procedemento para o acceso á dita escala sexa o concurso-oposición. Tamén se establece o requisito de estar en posesión do carné de conducir B para tomar parte no proceso selectivo.

Todos estes asuntos irán á Comisión de Persoal do vindeiro martes 4 de xullo, e moito nos tememos que non haberá grandes cambios.

4.- Rogos e preguntas:

En rogos e preguntas, o director xeral anunciou que este mércores publicarán as listaxes provisionais de persoas admitidas aos procesos correspondentes ao subgrupo C1 de todos os procesos da Lei 20/2021.

Tamén que a vindeira semana terá lugar a toma de posesión de educadores. Nestes días publicarán as prazas.

Anunciou tamén que “en breve” comezarase a negociar os concursos de traslados.

Nota importante:

CSIF non se fai responsable da veracidade das información facilitadas polo Director Xeral de Función Pública nin, moito menos, do cumprimento dos prazos sinalados. CSIF unicamente transmite a ditas información aos traballadores afectados e demais persoas interesadas.