De acordo co establecido no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, e tras o traslado deste proxecto de decreto por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a fin de que, no prazo de 15 días hábiles, formulásemos as alegacións que coidásemos pertinentes de selo caso, dende esta organización desexamos achegar as seguintes propostas e alegacións para a súa consideración:
Respecto do artigo 7. Validacións.
Recóllese para cada un dos apartados 1,2 e 3 deste artigo que a acreditación dunha formación en xénero de duración mínima de 20, 150 e 500 horas respectivamente, será a través da formación “impartida por un organismo público oficial: Escola Galega de Administración Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, …”
Así, con respecto á redacción destes apartados, dende CSI•F consideramos necesario e apropiado que se complemente o termo “impartida” por “impartida ou homologada”, pois entendemos que a formación que puidese impartirse por calquera outra entidade que non estea comprendida na listaxe deste artigo, pero que sen embargo dispoña da homologación destas (certificación da súa garantía e conformidade respecto duns estándares de calidade predeterminados) , debe de dispoñer da mesma validez e consideración.
Polo que respecta ao apartado 4 deste artigo, no que se establece que as validacións da formación referida así como os niveis de coñecementos previstos no artigo 4 corresponderanlle ao órgano da Administración Xeral da CCAA competente en materia de igualdade, dende CSI•F solicitamos que, (aínda sendo conscientes de que este apartado debe ser desenvolvido posteriormente mediante outra disposición normativa) se especifique ou matice no referido artigo o procedemento de solicitude que deberá desenvolverse para tal validación ou, no seu defecto, se inclúa no referido Decreto un anexo no que se recolla o procedemento para a súa solicitude ante o órgano correspondente.
Respecto do artigo 8. Profesorado.
No que atinxe á capacitación para a docencia da formación regulada neste decreto, establécense como requisitos esixibles a acreditación dun mínimo de 250 horas de formación conforme ao artigo 7 e unha experiencia laboral mínima de dous anos no ámbito da igualdade entre mulleres e homes e/ou a prevención e loita contra a violencia de xénero.
Dende CSI•F, entendemos que, dada a complexidade para determinar dunha forma concreta, obxectiva e específica a experiencia laboral referida, xunto co carácter restritivo ou delimitado que tal condición comporta, pode ser mais apropiado a inclusión doutros requisitos que amplíen o abano de posibilidades para esta capacitación. Así, neste senso, dende CSI•F formulamos a seguinte proposta (en negriña e subliñada);
“ 8.1 A docencia da formación regulada neste Decreto corresponderalle a persoal capacitado na materia a través de coñecementos específicos en xénero, igualdade entre mulleres e homes, integración da perspectiva de xénero en plans, programas e proxectos, prevención e loita contra a violencia de xénero ou outros estudos de xénero, debendo acreditar un mínimo de 500 horas de formación recibida por calquera dos organismos públicos oficiais sinalados no artigo 7, ou tamén a través de 250 horas de formación recibida por calquera dos organismos públicos oficiais sinalados no artigo 7, e unha experiencia laboral mínima de dous anos no ámbito da igualdade entre mulleres e homes e/ou a prevención e loita contra a violencia de xénero.”