Propostas de CSI-F para as RPT de Infraestruturas e Política Social e a creación do Instituto Galego de Consumo

comisión de traballoNa mesa xeral de negociación de empregados públicos celebrada en Santiago de Compostela, o pasado venres 8 de xullo de 2016, tratáronse os seguintes temas:

1.- Proposta de modificación da RPT da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. A proposta non sufriu modificacións dende a última xuntanza coa Consellaría de Infraestruturas, aínda que si debemos sinalar que se conseguiron determinados avances ao largo das catro xuntanzas previas cos responsables da dita Consellería. Si chama a atención que non se acompaña á documentación para a mesa xeral o informe da DX. De Función Pública. O propio director xeral contestou que estaban previstas modificacións no contido da proposta que se levaba a mesa xeral ata a súa aprobación en Comisión de Persoal, e que ese era o motivo de que non se emitise o informe aínda.

Polo que respecta ao contido concreto da proposta de modificación sinalamos os seguintes puntos:

  • Mantéñense unha serie de postos previstos para a súa provisión, ao noso entender innecesaria e inxustificada, a persoal doutras administracións, en postos de LD fundamentalmente, que entendemos que deberían estar reservados para persoal propio da Xunta de Galicia. Estas aperturas parecen descualificar ao persoal propio da administración galega para a cobertura destes postos, normalmente de nivel superior. Dende a CSI•F reclamamos que estes postos se reserven para a súa provisión por persoal da Xunta de Galicia e que se incorpore naquelas modificacións de RPT o correspondente certificado da D.X. de Función Publica de que se cumpre co máximo do 7% de postos abertos a persoal doutras administracións públicas previsto pola Lei de Emprego Público de Galicia.
  • Complemento de condución para o persoal subalterno: da proposta inicial de incluír o dito plus e polo tanto o correspondente requisito imprescindible de posuír o carne de conducir, os responsables da Consellería de Infraestruturas cumpriron co seu compromiso de incluír a dita característica unicamente naqueles postos no que o persoal que o ocupa estivera de acordo, polo que se incluirá en todos os postos que están sen este complemento agás dous, de acordo coa vontade expresada polos traballadores e traballadores da agrupación profesional de subalternos. A proposta da Consellería de Infraestruturas que se presenta a mesa ademais, establece a inclusión do carne de conducir como mérito e non como requisito imprescindible.

Así, engadiríase este mérito en tres postos, e modificaríanse outros tres para que o carne de conducir deixe de aparecer como requisito imprescindible:

Código Posto Observacións
IVC020000015770053 Subalterno/a Engádese como mérito carne de conducir
IVC020000015770054 Subalterno/a Engádese como mérito carne de conducir

 

IVC020000015770056 Subalterno/a Engádese como mérito carne de conducir

 

IVC020000015770049 Porteiro/a Maior Substitúese o requisito imprescindible por mérito

 

IVC020000015770051 Subalterno/a Substitúese o requisito imprescindible por mérito

 

IVC020000015770052 Subalterno/a Substitúese o requisito imprescindible por mérito

Parécenos importante subliñar este punto, porque parece que será a D.X. da Función Pública a que impida a inclusión do carne de conducir como mérito, en base a un acordo asinado no ano 2008, que establece, literalmente o seguinte:

“1. Establecemento dun complemento específico diferencial para os postos da agrupación profesional de subalternos sa Xunta de Galicia (antiguo grupo E), nos que sexa necesario a realización habitual de tarefas de conducción de vehículos. Estes postos modificaranse nas correspondentes RPTs para engadir estas tarefas, establecendo como requisito para a súa ocupación estar en posesión do permiso de conducir, incrementando en 50 euros brutos mensuais o importe do complemento específico que teñan asignado(…)”

A D.X. da Función Pública fai neste caso unha interpretación restritiva deste punto do acordo, e contestounos en mesa con moita probabilidade o carne de conducir sería requisito imprescindible, porque vai vinculado á realización habitual de tarefas de condución.

Dende a CSI•F queremos recordar que a agrupación profesional de subalternos é o corpo de funcionarios no que está previsto a incorporación á Administración Galega de persoas son discapacidade intelectual, que se dificilmente poden acceder a grupos superiores por carecer da titulación requirida, dificilmente disporán do carne de conducir, polo que estes postos xa quedarían “pechados” para este persoal.

En caso de que o citado acordo sexa un atranco, dende a CSI•F propoñemos a súa revisión inmediata.

2.- Proposta de modificación da RPT da Consellería de Política Social.

Dende a CSI•F, como as demais organización sindicais, solicitamos a retirada da proposta da orde do día por falta de negociación pola Consellería de Política Social.

A dita falta de negociación é motivada polo feito de que dita Consellería convócanos a unha xuntanza que tivo lugar coa Secretaria Xeral Técnica o luns 20 de xuño, cando a convocatoria achégase ás organizacións sindicais coa documentación aportada o venres 17 de xuño.

Na citada reunión do día 20 de xuño, tanto dende a CSI•F como do resto das organizacións sindicais, queixámonos da falta de tempo para estudar a documentación enviada e poder ter así unha opinión máis fundamentada e motivada da citada modificación da RPT, así coma a documentación enviada que é incompleta e farragosa para poder estudala.

A secretaria xeral, sendo consciente do exposto na citada reunión, concede un prazo para facer alegacións ata o 28 de xuño e comprometéndose a enviar nova documentación, na que se inclúa a memoria funcional e as equivalencias e poder estudala así con maior entendemento.

Dende a data da última reunión que tivemos só recibimos unha comunicación da Consellería cunha acta da citada reunión para poder facer alegacións, pero sen un prazo para realizar as mesmas e a día de hoxe non sabemos as alegacións que se fixeron ou se non houbo ningunha presentada, como así mesmo non temos comunicación da Consellería se aceptaron algunha das alegacións enviadas polas organizacións sindicais da RPT ou non.

O día 30 de xuño e en menos de 24 horas convócase ás organización sindicais a unha reunión previa á mesa xeral para tratar este punto. Tódalas organización sindicais presentes na mesa xeral decidimos non acudir a dita reunión pola falta de tempo e a premura da función pública coa cal fai a mesma, xa que é imposible poder requirir ás organizacións sindicais acudir á mesma polo escaso marxe de tempo co que se fixo a convocatoria.

Na mesa xeral de empregados públicos, o director xeral da función pública, atendendo ás demandas sindicais, decide convocarnos a unha reunión o mércores 13 de xullo as 10:00 para tratar este asunto antes dunha nova convocatoria da comisión de persoal co fin de poder negociar con máis fundamento a citada modificación da RPT, así como a achega de máis documentación, como por exemplo a memoria económica que non se enviou a día de hoxe.

3.- Proxecto de Decreto polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos.

Polo que respecta aos estatutos do “comprimido” Instituto Galego de Consumo e da Competencia, temos que dicir que dende a proposta inicial o único cambio foi a rebaixa dos honorarios dos vogais do Consello, que quedan fixados agora en 90 euros por asistencia aos plenos e 500 pola resolución de procedementos con proposta de sanción ou terminación convencional. A realidade é teimuda, e acudindo a propia páxina web do Consello Galego da Competencia e revisando a información sobre os procedementos e resolucións ditadas polo Consello, queda claro que poderían perfectamente ser encomendadas a persoal da propia Xunta de Galicia, porque non parecen propias de un especialista en dereito mercantil, industrial ou da competencia, e quedaría garantida a imparcialidade na resolución dos procedementos.

Tampouco comprendemos as presas para a creación deste instituto que ten habilitación legal dende o ano 2014, e menos aínda que, dada a premura por causa do “aforro” se estableza un prazo de 6 meses dende a publicación do decreto para a celebración da sesión constitutiva do Consello Reitor.

4.- Proposta de acordo da Dirección Xeral de Función Publica e as organizacións sindicais para o recoñecemento do tempo do servizo militar para o cómputo dos trienios do persoal laboral do V Convenio Colectivo da Xunta de Galicia.

Dende a CSI•F propoñemos as seguintes matizacións no texto proposto:

Primeiro.- Recoñecer, para o persoal laboral do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, segundo a interpretación literal do seu artigo 26, os servizos prestados durante o tempo de duración do servizo militar ou equivalente para o cómputo dos trienios” Segundo o tenor literal do dito artigo 26, adicado aos complementos salariais, e concretamente o seu parágrafo 4º establece “Para o cómputo dos trienios, consideraranse os servizos prestados en período de proba ou excedencia forzosa con cargo público. Así mesmo, teranse en conta os servizos prestados durante o tempo de duracións do servizo militar ou equivalente”. Polo tanto, entendemos que pode xurdir a dúbida de se este recoñecemento rexe para aqueles que xa tiveran no momento de facer o servicio militar ou a prestación substitutoria a condición de persoal laboral, ou para os que adquiriran a dita condición con posterioridade. Solicitamos que se inclúa neste punto aclaración ao respecto.

Respecto ao segundo punto do acordo, relativo aos efectos económicos do dito recoñecemento, o director xeral da función pública aclara que os ditos efectos serán dende a solicitude de recoñecemento, e para todos aqueles que o soliciten e teñan dereito ao recoñecemento por ter feito o servicio militar oi a prestación equivalente.

Solicitamos igualmente que se inclúa unha cláusula pola que quede claro que este acordo non implica a renuncia a ningún tipo de dereito, e que o dito recoñecemento se faga extensivo ao persoal funcionario en condicións de igualdade.

Rogos e preguntas:

Dende a CSI•F interesámonos polas alegacións que presentamos á acta 13/2015, que está pendente de aprobar, e na que debe recollerse a resposta do directo xeral de función pública ao respecto da obriga dos inspectores farmacéuticos de saúde pública a realizar funcións de condución. Nesa ocasión o director recoñeceu que non tiñan esa obriga, e estamos pendentes de que se acepte a nosa alegación para que a dita resposta quede recollida na acta.

Por outra banda, e aproveitando a presenza dun representante da Consellería de Sanidade, reclamamos que se convoque unha negociación real ao respecto das lexítimas reclamacións laborais dos farmacéuticos inspectores de saúde pública. Queremos recordar á dita consellería que as negociacións débense convocar e desenvolver coas organizacións sindicais presentes na mesa xeral, xa que somos as únicas lexitimados como representantes legais dos traballadores, e nunca a través de asociacións ou outros tipos de asociacións ou organizacións.

Categories RPT