Última proposta de acordo de integración do persoal do Consorcio de I+B

ConsorcioPROPOSTA DE ACORDO ENTRE A XUNTA DE GALICIA E AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS…………..DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR NO CONVENIO COLECTIVO ÚNICO DO PERSOAL LABORAL DA XUNTA DE GALICIA.

Este é o último texto, remitido hoxe por Función Pública, tras o envío das alegacións por parte das OO.SS.  Agora ábrese otro prazo, até o lunes, ás 14.00 horas, para presentar novas alegacións e o martes proseguirán as negociacións entre a Xunta e as forzas sindicais.

 

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo creado en virtude do convenio de colaboración subscrito o día 3 de xullo de 2006 e publicado no Diario Oficial de Galicia o 7 de xullo de 2006, por Resolución do 4 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

Co fin de avanzar na mellora das condicións de traballo do persoal do consorcio, e tomando en consideración as súas singularidades, as partes acordan incluír a este persoal dentro do ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Deste xeito o acordo dá solución á continuidade da prestación do servizo público aproveitando a experiencia profesional dos seus profesionais e equiparando progresivamente as súas condicións laborais e económicas ás do resto do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Unha vez negociado o presente acordo e no seo da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia do día ***de setembro de 2016, a Administración e as Organizacións Sindicais ***

ACORDAN

 PRIMEIRO.- MODIFICACIÓN DO AMBITO SUBXECTIVO DO V CONVENIO.

As partes se comprometen a incluír dentro do ámbito subxectivo do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia ao persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a conseguinte temporalización ata a completa equiparación das súas condicións laborais e retributivas ao resto do persoal laboral da Xunta de Galicia nas mesmas categorías.

A dita inclusión farase mediante unha modificación do artigo un do citado convenio único e a inclusión tamén dunha nova disposición transitoria que como mínimo regulamente o seguinte:

a) A partires do 01 de xaneiro de 2017 a xornada do persoal dos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar será a mesma que a do persoal do convenio único.

b) A Equiparación retributiva iniciarase coa entrada en vigor da lei de orzamentos xerais da Comunidade autónoma para o ano 2017, e será idéntica á do persoal do Convenio Colectivo Único nas mesmas categorías na temporalidade prevista no Decreto 129/2012.

c) As Listas de contratación propias do Consorcio estarán vixentes ata a súa substitución polas derivadas do Decreto 37/2006.

d) No primeiro semestre do ano 2017 negociarase no seo do Comité Intercentros e a proposta da Consellería de Política Social as categorías do Consorcio que haxa que incluír por non coincidir coas existentes no Anexo de Categorías do Convenio Colectivo Único. A tal efecto a Dirección Xeral da Función Publica convocará ao dito órgano unha vez reciba a dita proposta.

SEGUNDO.- MODIFICACIÓN DO DECRETO DE LISTAS.

Unha vez creadas ou reorganizadas as categorías do Consorcio dentro das do Convenio Colectivo Único as partes se comprometen a unha modificación do Decreto 37/2006, de 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galicia para que se proceda a aplicar o réxime do decreto na contratación do persoal do Consorcio. Acadado o dito acordo abrirase un prazo extraordinario para que poidan inscribirse os distintos interesados nas categorías propias do consorcio ou aquelas que son análogas coas que xa existen no convenio único computando os servizos prestados nas categorías do Consorcio do mesmo xeito que os prestados na administración da Xunta de Galicia.

TERCERO.- MODIFICACIÓN DO DECRETO DE INTEGRACIÓN 129/2012.

As partes asinantes, para a axilidade do proceso e a consecución dos obxectivos perseguidos polo presente acordo, se comprometen a facer todas as modificacións necesarias, do Decreto de integración 129/2012 para a integración do persoal laboral temporal e do resto do persoal do Consorcio.

CUARTO.- INTEGRACIÓN DO PERSOAL LABORAL FIXO DO CONSORCIO.

O persoal laboral fixo do consorcio poderase integrar voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia de acordo co Decreto 129/2012, de 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, segundo a modificación que se acorde do devandito decreto.

QUINTO.INTEGRACIÓN DO PERSOAL LABORAL TEMPORAL DO CONSORCIO.

A integración do persoal temporal farase de oficio segundo a modificación que se acorde do devandito decreto, despois da publicación da correspondente orde, como persoal laboral da Xunta de Galicia. Así o persoal laboral temporal do consorcio pasará a ser persoal laboral temporal da Xunta de Galicia nos mesmos postos de traballo para os que foron seleccionados. A dita novación contractual leva aparellada a súa equiparación retributiva e laboral nas mesmas contías anuais que o persoal laboral fixo que se teña integrado, conforme co disposto no Decreto 129/2012.

SEXTO.- RELACIÓNS DE POSTOS DE TRABALLO.

Procederase no prazo máximo de tres meses dende o acordo de adaptación das categorías á elaboración da relación de postos de traballo do persoal do Consorcio aos efectos da súa integración no Rexistro Central de Persoal dependente da dirección xeral de Función Pública.

SEPTIMO.PROCESOS SELECTIVOS.

A Xunta de Galicia se compromete a realizar os procesos selectivos oportunos, mediante concurso-oposición para a cobertura dos postos de traballo con carácter definitivo, segundo o permita a lexislación sobre oferta de emprego público.

A Administración comprométese que en cada un dos anos 2017, 2018, 2019, 2020 nas ofertas de emprego público dependentes da Consellería de Facenda incluiranse un mínimo do 20% das prazas para o persoal do Consorcio. As ditas porcentaxes poderanse acumular sempre que a lexislación básica estatal o permita.

OITAVO.- COMISIÓN DE SEGUIMENTO

Constituirase unha comisión de seguimento paritaria formada por igual número de membros por cada parte. Pola administración estará integrada por representantes das Consellerías de Política Social e de Facenda e pola parte social por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes do presente acordo. Será presidida polo director xeral da Función Pública ou persoa na que este delegue.

As súas funcións son a interpretación e seguimento do cumprimento das cláusulas do presente acordo.

NOVENO.-DEPÓSITO E PUBLICACIÓN NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA.

Facultase a persoa que se designe pola dirección xeral da Función Pública para a tramitación do presente instrumento ante a autoridade laboral aos efectos de depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia.