Novas sobre a modificación parcial da RPT da consellería de Presidencia

Responsables de Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presentaron unha modificación parcial da súa RPT na reunión mantenida hoxe cos sindicatos para crear unha serie de postos de Titulado/a Superior Psicólogo/a e Traballador/a Social nos equipos psicosociais do IMELGA. O obxectivo é paliar o exceso de traballo dos equipos actuais.

A proposta recolle a creación de 14 postos: 6 equipos psicosociais completos (6 titulados/as superiores psicólogos/as e 6 traballadores/as sociais) e outras dúas prazas de traballador/a social, para reforzar outros equipos psicosociais que traballan nas  cidades de maior poboación (A Coruña e Vigo).

As prazas serían de persoal laboral, aínda que dende CSIF recalcamos que existen escalas de funcionarios para a realización destas funcións. Así, na escala de facultativos de Servizos Sociais, está creada a especialidade de Psicoloxía, e na escala de técnicos facultativos de Servizos Sociais, a de Traballo Social, que entendemos son as axeitadas para estes postos. A Consellería explica que se crean como prazas de persoal laboral para non romper a uniformidade da condición laboral dos equipos de traballo que xa están formados.

A cobertura temporal destes postos producirase de acordo co previsto no decreto de listas e á maior brevidade posible, xa que os equipos de reforzo, que foron contratados por acumulación de tarefas, cumpren os nove meses máximos o próximo 31 de marzo. Dende a Consellería pretenden darlle a maior premura posible á cobertura destas prazas, e esperan que como máximo estean ocupadas despois de Semana Santa.

En todo caso, e sendo creadas como prazas de persoal laboral, chama a atención que as prazas de nova creación e mesmo as que xa existían na RPT non conten co complemento de Especial (código B12), que si teñen as prazas da mesma categoría (Titulado/a Superior Psicólogo/a e Traballador/a Social) nos equipos técnicos de xurisdicción provincial de menores. Non parece que a diferencia veña xustificada pola diversidade funcional de uns e outros equipos de traballo, que ao fin, realizan o mesmo tipo de informes periciais, e mesmo, comparecen coma peritos nos xuizos aos que son emprazados.

Polo que respecta ao resto dos postos da RPT, modifícase a praza de Xefatura de Servizo Técnico xurídico para posibilitar a súa provisión por funcionarios do Subgrupo A2. Na CSIF non estamos de acordo coa súa provisión por Libre Designación xa que entendemos que se trata dun dos casos previstos no artigo 91 da Lei de Emprego Público de Galicia, é dicir, a súa provisión debe ser por Concurso Específico.

Tamén solicitamos que conste na RPT cal é o posto de traballo destinado á formación de estatísticas en materias que sexan competencia da consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, segundo o establecido na Lei de Estatística de Galicia.

Xa que a incorporación destes postos á RPT é urxente, temos prazo de alegacións até este xoves día 23 de marzo.

Categories RPT