Informacións de interese sobre Función Pública

1.- Acordos de traspaso da AXI: O pasado venres 5 de maio tivo lugar unha reunión entre as OOSS. e os representantes da AXI para informar ao respecto do acordo de traspaso asinado coa Consellería de Política social para o traspaso á AXI de 4 postos de traballo.Este traspaso obedece a que será a AXI a que leve un volume importante das obras que se realicen tanto na Consellería de Política Social, como das de Sanidade e Educación, polo que é necesario reforzar a estrutura administrativa dos correspondentes departamentos para a realización destas tarefas.

Quedan polo tanto, pendentes outros dous acordos de traspaso a asinar entre a AXI e as Consellerías de Educación e Sanidade.

Ao respecto destes traspasos o director xeral informa de que non hai casos de mobilidade xeográfica xa que todos os postos implicados están en Santiago de Compostela e que se procurará que haxa o mínimo persoal afectado. Así mesmo os postos que se traspasen e estean vacantes serán cubertos porque se consideran necesarios.

Das incidencias destes acordos e dos correspondentes traspasos dará información directamente a Dirección Xeral de Función Pública.

2.- Modificacións das relacións de postos de traballo: a aprobación da nova normativa relativa ás relacións de postos de traballo e a inclusión das áreas funcionais nas mesmas dará lugar á necesidade de modificar as RPTs de todas as consellerías. Das primeiras será a da ATRIGA, da que se abriu un período de alegacións que rematou o pasado 11 de abril, seguidas da da Presidencia da Xunta de Galicia, a de Infraestruturas e Vivenda, e pode que algunha máis.

Estase traballando tamén, segundo a nosa información dende novembro de 2016, na modificación da RPT da Consellería de Economía , Emprego e Industria, da que si se adiantará aquelas modificación necesarias para a integración do persoal de GAIN.

A necesidade de modificación da Orde de 21 de novembro de 1989, pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, é a causa de que non estea xa publicada a RPT da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a do IGE, que xa inclúen as áreas funcionais e polo tanto e necesaria a previa publicación da normativa de referencia.

3.-Concurso de traslados: Ao longo deste mes de maio remitirase ás oo.ss. un borrador dos criterios xerais de baremación, que afectarán aos concursos de traslados tanto do persoal funcionario como do persoal laboral. A idea é pechar os criterios a baremar nos concursos de traslados, para que se podan convocar dous concursos ao ano que se resolvan nun prazo de 3 meses dende a súa convocatoria. Ademais o director infórmanos de que xa se realizaron na aplicación informática os cambios para poder proceder á baremación de todos os cursos en función do número de horas con independencia da materia da que versen.

4.-Persoal laboral:  Ao respecto da negociación das categorías dos grupos IV e V do persoal laboral o director entende que de non ser posible un acordo ao respecto de todas as categorías destes grupos, sería preferente acadar un acordo ao respecto das que afectan ao persoal laboral do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, cuxa incorporación á RPT da Consellería de Medio Ambiente está pendente dende 2008.

5.-OPE 2017:  Estase pendente da aprobación dos orzamentos xerais do Estado para iniciar a negociación da OPE correspondente a 2017. Hai a posibilidade de facer unha oferta amplia para o ano 2017 ou ter durante os próximos tres anos un proceso de consolidación de emprego temporal. En todo caso, dependemos do que suceda no estado para que a Administración presente unha proposta.

Preténdese pechar canto antes o acordo de segunda actividade. Remitirase un texo máis completo e con algunhas das cuestión importantes xa pechadas na comisión de seguimento do dito acordo, e preténdese avanzar nesta negociación.

6.- Procesos selectivos: Neste momento hai ata oito procesos selectivos que están rematando, tanto de promoción interna como da quenda libre, e preténdese que todas estas eleccións de destino e tomas de posesión se produzan antes do mes de agosto.

7.- Persoal de loita contra o fraude das oficinas de emprego: o director xeral comentou que a postura da dirección xeral a este respecto entende que non se pode entender que a prórroga dos ditos contratos sexa automática ano a ano e polo tanto que rematarán o próximo día 12. En todo caso, ten previsto convocar unha xuntanza coas oo.ss. para a próxima semana, e poñer no noso coñecemento o informe da asesoría xurídica coa que conta ao respecto.